Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2014 Páx. 5013

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2014.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 5 de novembro de 2013, a Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia (A Coruña), de acordo co previsto no artigo 9 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, presentou a solicitude de renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2014.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 9.3 do Decreto 130/2011, o plan que se aproba foi sometido a informe da Consellería do Medio Rural e do Mar, por afectar a zona de desembocadura, e ao departamento da Xunta de Galicia con competencia en materia de espazos naturais protexidos.

Terceiro. Segundo establece o artigo 9.2 do Decreto 130/2011, a renovación dos plans de aproveitamento procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente ao incremento do esforzo de pesca ou á modificación de zonas dentro da bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos con que conte o Servizo Provincial de Conservación da Natureza non aconsellen modificacións do plan vixente, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación e renovación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010, e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais de Galicia.

Segundo. A competencia para ditar a resolución de renovación dos plans de aproveitamento específico correspóndelle ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, conforme o establecido no artigo 9.4 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Visto e exposto nos antecedentes, o Decreto 130/2011, do 9 de xuño, e demais normativa de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

Aprobar a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2014, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2014

José Antonio Álvarez Vidal
Xefe territorial da Coruña

ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Tambre para o ano 2014

a) Artes de pesca.

Nasa tipo voitirón con rede de malla non inferior a 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

As ringleiras de nasas deberán situarse en dirección paralela á corrente, sen que se poidan cruzar nin na canle nin no estuario.

As artes de pesca de cada ringleira deberán estar unidas por unha corda en cada extremo dunha boia, dun tamaño mínimo de 20 cm. Na de menor dimensión indicarase o folio da embarcación a que pertence.

Programarase o tendido das artes, de xeito que sempre quede libre un largo de río suficiente para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

b) Zonas de pesca dentro da bacía fluvial.

Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e A Ponte Nafonso (exceptúase a zona de desembocadura do río Tines delimitada no mapa nº 10 do Decreto 75/2013).

c) Período de pesca.

Desde o día 1 de maio ata o 31 de outubro de 2014.

d) Número de días previsto da actividade.

Os labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, con carácter xeral. O número máximo previsto de días de actividade ao longo da tempada será de 158.

e) Proposta de horas de pesca diarias.

O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo, e deberán ser levantadas diariamente as nasas.

f) Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a dez (10) por tripulante. Ningún tripulante poderá facerse cargo das artes asignadas a outro tripulante.

g) Proposta de cotas de captura diarias ou por tempada de pesca.

Máximo de 15 quilogramos por día de actividade e embarcación.

A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas artes.

Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela» e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

h) Relación de embarcacións e de membros da asociación participantes no plan.

Embarcación Benigna, con matrícula 3ªCO-7-2015 e tripulada por:

José Martínez González e Celsa Gil Conejo.

Embarcación Baña, con matrícula 3ªCO-7-2580 e tripulada por:

Jesús Suárez Rey e Enrique Suárez Rey.

i) Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Cada mes, a confraría remitirá ao Servizo de Conservación da Natureza unha declaración das capturas totais, na cal se especificará o total mensual de cada embarcación, así como os días traballados. Así mesmo, remitirase o parte dos exemplares capturados e devoltos de lamprea, zamborca, salmón e reo, se for o caso.

j) Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia, onde é obrigatorio entregar a totalidade das capturas.

Cada mes, xunto cos partes de capturas, remitirase ao Servizo de Conservación da Natureza o xustificante de venda na lonxa.