Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2014 Páx. 4735

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se dá publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a dirección da proxección e execución de diversas actuacións de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información nas estacións de autobuses de Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG nº 251, do 31 de decembro), dáselle publicidade á encomenda de xestión da Dirección Xeral de Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a dirección da proxección e execución de diversas actuacións de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información nas estacións de autobuses de Galicia, coas características que a seguir se relacionan:

– Actividade. A Axencia Galega de Infraestruturas encargarase do seguimento e dirección dos traballos de elaboración dos proxectos necesarios e da execución das obras derivadas. As actuacións que se executarán nas distintas estacións de autobuses son as identificadas no documento denominado Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia: mellora da accesibilidade, mellora das instalacións e mellora nos sistemas de información, elaborado pola Dirección Xeral de Mobilidade.

– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ten natureza intrasubxectiva, ao ser a Dirección Xeral de Mobilidade e a Axencia Galega de Infraestruturas dous órganos dependentes da mesma consellería.

– Prazo de vixencia. O período de vixencia desta encomenda será de dous anos contados desde o día 2 de setembro de 2013, data da súa sinatura, e poderá ser prorrogada, en función do avance real das actuacións encomendadas, por un prazo que permita recibir as obras e emitir a pertinente certificación final.

– Modalidade de financiamento. Esta encomenda finánciase nun 80 % co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e encádrase no eixe 4 (transportes e enerxía), tema prioritario 25 (transporte urbano).

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2013

José Antonio Fernández Vázquez
Secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Infraestruturas