Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2014 Páx. 4582

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan bolsas de traballo de persoal interino dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, establece que os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza poderán nomear funcionarios interinos por necesidade do servizo cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación de servizos por funcionarios de carreira, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen por disposición da comunidade autónoma.

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, funcións que foron asumidas polo Decreto 438/1996, da Xunta de Galicia.

A Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de novembro de 2013 regula a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 234, do 9 de decembro). En concreto, o seu artigo 11 sinala que a Dirección Xeral de Xustiza é o órgano competente para a convocatoria e constitución das bolsas de traballo, convocatoria que se deberá publicar no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto con anterioridade,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

1. Convócase o proceso de formación de bolsas de traballo para desempeñar interinamente os postos de funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial nos órganos da Administración de xustiza en Galicia.

2. Esta convocatoria regúlase polo establecido na Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 28 de novembro de 2013, sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (de aquí en diante, Orde do 28 de novembro de 2013).

Segundo. Destinatarios

1. Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas que cumpran, no momento determinado polos artigos 8 e 9 da Orde do 28 de novembro de 2013, as condicións sinaladas nos ditos artigos.

2. Os funcionarios interinos integrantes de bolsas anteriores que se atopen prestando servizos na data desta convocatoria terán a obriga de presentar a correspondente solicitude aos corpos a que queiran optar, incluído o corpo en que estean prestando servizos, se posúen a titulación e os demais requisitos exixidos. De non facelo, poderán continuar no seu posto de traballo ata o seu cesamento, pero non serán incluídos de oficio pola Administración nas novas listas.

3. Os funcionarios interinos integrantes de bolsas anteriores que non se atopen prestando servizos e que queiran formar parte das novas bolsas tamén deberán presentar a correspondente solicitude aos corpos a que queiran optar. En caso contrario non serán incluídos nas novas bolsas de oficio pola Administración.

Terceiro. Bolsas de traballo e de reserva

1. Formarase unha bolsa de traballo e unha bolsa de reserva de ámbito provincial para cada un dos corpos de funcionarios, distribuídos, se fose o caso, de conformidade coas zonas de preferencia sinaladas polos solicitantes. Cada bolsa estará integrada polos candidatos seleccionados, ordenados nunha listaxe en función da puntuación que obtivesen na valoración dos méritos.

2. Só se poderá estar incluído nunha bolsa provincial de traballo ou de reserva e nunha zona de preferencia. No caso de que o interesado solicitase e aparecese incluído en máis dunha bolsa, será colocado de oficio pola Administración naquela en que obtivera unha mellor posición, de acordo co disposto no artigo 12.5 da Orde do 28 de novembro de 2013.

3. O número de integrantes das bolsas de traballo e de reserva, de acordo coas porcentaxes sinaladas no artigo 7 da Orde do 28 de novembro de 2013, será o seguinte:

Corpo

A Coruña

Lugo

Ourense

Pontevedra

Bolsa de traballo

Bolsa de reserva

Bolsa de traballo

Bolsa de reserva

Bolsa de traballo

Bolsa de reserva

Bolsa de traballo

Bolsa de reserva

Xestión procesual e administrativa

36

18

9

4

8

4

29

14

Tramitación procesual e administrativa

77

41

19

10

19

10

63

33

Auxilio xudicial

60

31

15

8

14

7

51

27

4. En cada bolsa reservarase o 5 % dos postos de cada lista para os aspirantes afectados cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33 %, sempre que acrediten mediante certificación oficial a compatibilidade funcional co desempeño das tarefas propias do posto de traballo.

5. As bolsas terán unha vixencia de dous anos, agás que por modificacións lexislativas ou circunstancias especiais sexa necesario realizar unha nova convocatoria. Esta convocatoria anticipada requirirá a consulta previa á comisión paritaria de persoal interino.

Cuarto. Condicións xerais dos candidatos

Os candidatos deberán reunir, na data en que remate o prazo de presentación de instancias, as condicións sinaladas no artigo 8.1 da Orde do 28 de novembro de 2013.

As condicións sinaladas nas alíneas a), b), c) e mais e) do dito artigo 8.1 deberán reunirse, así mesmo, na data de toma de posesión.

Quinto. Condicións específicas dos candidatos

Os candidatos deberán reunir, na data en que remate o prazo de presentación de instancias, as condicións sinaladas no artigo 9 da Orde do 28 de novembro de 2013.

Sexto. Solicitudes

1. Os candidatos deberán empregar necesariamente o formulario de solicitude posto á súa disposición na aplicación informática que se indica no seguinte punto.

2. O formulario da solicitude deberá ser cuberto e validado necesariamente polo solicitante a través da Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX) no enderezo https://www.xunta.es:444/sxpa/AIX/.

Estes modelos validados pola aplicación informática serán, unha vez impresos, os que deben presentarse en formato papel nos lugares indicados no punto sétimo desta resolución.

Para cubrir correctamente o modelo de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención do modelo de solicitude, poderanse dirixir á Dirección Xeral de Xustiza, ao número de teléfono 981 54 62 19.

Quedarán automaticamente excluídos os solicitantes que non completen os campos obrigatorios exixidos na aplicación informática.

3. Na solicitude deberá o interesado optar polos corpos, provincias e zonas de preferencia en que desexe estar incluído, aplicándose neste caso o disposto no artigo 12.5, in fine, da Orde do 28 de novembro de 2013.

Sétimo. Prazo e lugar de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes, unha vez impresas e coa documentación correspondente, deberán necesariamente presentarse en formato papel e asinadas polo interesado en calquera dos seguintes lugares:

– Rexistro único do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de San Caetano en Santiago de Compostela (A Coruña).

– Calquera outro órgano ou rexistro oficial da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio.

– Polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse por correo certificado, para o cal se presentarán nas ditas oficinas en sobre aberto co fin de seren datadas e seladas polo persoal de correos antes de seren remitidas á correspondente xefatura territorial da consellería; sen o cumprimento destes requisitos, as ditas solicitudes serán rexeitadas.

3. Non se admitirán as solicitudes enviadas por fax ou correo electrónico.

Oitavo. Zonas de preferencia

1. En cumprimento do disposto na disposición adicional segunda da Orde do 28 de novembro de 2013, establécense as seguintes zonas de preferencia:

– Provincia da Coruña:

Zona 1: comprende A Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol e Ortigueira.

Zona 2: comprende Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Negreira, Corcubión, Muros, Noia, Ribeira e Padrón.

– Provincia de Lugo:

Zona 1: comprende Lugo, Viveiro, Vilalba, Mondoñedo e A Fonsagrada.

Zona 2: comprende Lugo, Chantada, Sarria, Becerreá e Monforte de Lemos.

– Provincia de Ourense:

Zona 1: comprende Ourense, O Carballiño, Ribadavia, Celanova e Bande.

Zona 2: comprende Ourense, Xinzo de Limia, Verín, A Pobra de Trives e O Barco de Valdeorras.

– Provincia de Pontevedra:

Zona 1: comprende Pontevedra, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, A Estrada e Lalín.

Zona 2: comprende Vigo, Cangas, Redondela, Ponteareas, Tui e O Porriño.

2. Os solicitantes deberán sinalar na súa solicitude a zona de preferencia, das sinaladas anteriormente a que optan; en caso contrario, a súa solicitude será rexeitada sen máis trámites.

Noveno. Documentación

Canda a solicitude deberase achegar necesariamente a seguinte documentación, orixinal ou copia cotexada:

a) Documento nacional de identidade vixente (DNI).

b) Documento acreditativo de estar inscrito no servizo público competente como demandante de emprego ou como mellora de emprego, agás que se atope traballando ou estea nas bolsas de interinos da Administración de xustiza. No suposto de que a bolsa en que estea non sexa xestionada pola Comunidade Autónoma galega, deberá presentar un certificado expedido pola Administración de que esta dependa en que conste a súa situación.

c) Documentación académica acreditativa de estar en posesión da titulación prevista no artigo 9.1 da Orde do 28 de novembro de 2013. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, canda a solicitude deberase achegar o documento orixinal, ou unha copia cotexada deste, que acredite a súa homologación. Non será necesaria a presentación desta documentación acreditativa para aqueles solicitantes que estean conformes cos datos que reflicte a aplicación informática ao cubrir a solicitude.

d) Deberase acreditar ter aprobado algún exercicio das probas selectivas de calquera das dúas últimas convocatorias de oposicións para o acceso ao corpo en cuxa bolsa solicita ser incluído, ou ter prestado servizos en calquera dos corpos funcionariais da Administración de xustiza durante un período mínimo de seis meses, de conformidade co previsto no artigo 9.2 da Orde do 28 de novembro de 2013. Non será necesaria a presentación desta documentación acreditativa para aqueles solicitantes que estean conformes cos datos que reflicte a aplicación informática ao cubrir a solicitude.

As dúas últimas convocatorias a que se refire o parágrafo anterior son as publicadas polas ordes do Ministerio de Xustiza números 1653, 1654 e 1655 do ano 2010 (BOE do 22 de xuño de 2010), e polas ordes números 2369, 2370 e 2371 do ano 2011 (BOE do 5 de setembro de 2011).

e) Para a inclusión nas bolsas dos corpos de xestión e tramitación procesual e administrativa deberase acreditar, nas condicións e forma sinaladas no artigo 9.3 da Orde do 28 de novembro de 2013, experiencia na utilización do procesador de tratamento informatizado de textos. Non será necesaria a presentación desta documentación acreditativa para aqueles solicitantes que estean conformes cos datos que reflicte a aplicación informática ao cubrir a solicitude.

f) Documentación acreditativa dos méritos obxecto de baremación sinalados no artigo 10.1 da Orde do 28 de novembro de 2013. Non será necesaria a presentación desta documentación acreditativa para aqueles solicitantes que estean conformes cos datos que reflicte a aplicación informática ao cubrir a solicitude.

No suposto de que o solicitante estea desconforme cos datos que reflicte a aplicación respecto dos servizos prestados, deberá achegar a documentación acreditativa de todos os servizos prestados que alegue como mérito, e non só daqueles sobre os cales discrepe. Só se baremará a antigüidade desde o ano 1992, de acordo co disposto no artigo 10.1 da Orde do 28 de novembro de 2013.

Os méritos non alegados na solicitude ou non acreditados pola aplicación informática directamente ou pola documentación que achegue o candidato, non serán obxecto de baremación.

g) No caso de persoas con minusvalidez, achegarase un certificado acreditativo do grao desta, así como tamén unha certificación de compatibilidade para o desempeño das funcións do corpo de funcionarios sinalado na solicitude, expedidos polo equipo de valoración e orientación correspondente ou polo órgano competente.

Décimo. Valoración de méritos

A valoración dos méritos alegados rexerase polo establecido no artigo 10 da Orde do 28 de novembro de 2013.

Só se valorarán aqueles méritos que se posúan na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeiro. Publicidade das listas provisionais e definitivas. Entrada en vigor das bolsas definitivas

1. As listas, tanto provisionais coma definitivas, publicaranse nos taboleiros oficiais da Dirección Xeral de Xustiza, das delegacións territoriais da consellería, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, das audiencias provinciais e mais dos xulgados decanos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo; así como no sitio web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e mais na intranet de Xustiza.

O anuncio de exposición destas listas provisionais e definitivas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. O cómputo do prazo de dez días hábiles para reclamacións previsto no artigo 12.4 da Orde do 28 de novembro de 2013 comezará desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de exposición das listas provisionais no Diario Oficial de Galicia.

3. Tras os trámites regulados no artigo 12 da Orde do 28 de novembro de 2013, as listas definitivamente aprobadas entrarán en vigor o día seguinte ao da publicación do anuncio de exposición destas no Diario Oficial de Galicia e substituirán as listas vixentes, que quedarán anuladas nesa mesma data, sen que isto supoña ningún dereito para os integrantes destas. No entanto, aqueles que no momento da entrada en vigor das novas bolsas estean prestando servizos como funcionarios interinos seguirán desempeñando o posto de traballo ata que proceda o seu cesamento, de conformidade, en todo caso, co disposto na disposición transitoria segunda da Orde do 28 de novembro de 2013.

Décimo segundo. Cursos de formación

Consonte o disposto no artigo 13 da Orde do 28 de novembro de 2013, e de acordo coas condicións nel sinaladas, establécese a obriga da realización de cursos de formación para aqueles integrantes das bolsas definitivas de interinos que non teñan completados, polo menos, seis meses de servizo efectivo como interinos no respectivo corpo dentro dos últimos cinco anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.

A Dirección Xeral de Xustiza establecerá o lugar, a duración, as datas de celebración e o contido dos referidos cursos, cuxa asistencia e superación é un requisito imprescindible para se poder manter na correspondente bolsa definitiva.

Décimo terceiro. Lexislación aplicable

Para todas as cuestións non reguladas especificamente nesta convocatoria, atenderase ao disposto na Orde do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Décimo cuarto. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo quinto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2014

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza