Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2014 Páx. 4661

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica LMT enlace LMT Muras/LMT Muras, nos concellos de Guitiriz e Xermade (expediente 003/2012 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4, Lugo, aprécianse os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 10 de febreiro de 2012 a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica liña de media tensión enlace LMT Muras coa LMT Muras, nos concellos de Guitiriz e Xermade, presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE número 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE número 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. Con data 6 de xuño de 2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite resolución pola que se adopta a decisión de non someter a avaliación de impacto ambiental o proxecto denominado LMT enlace LMT Muras/LMT Muras, sempre que se cumpran as condicións ambientais especificadas na documentación achegada polo promotor e as establecidas pola dita secretaría xeral no punto 4 da citada resolución.

Terceiro. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta Xefatura Territorial de Economía e Industria do 27 de setembro de 2013. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 14 de novembro de 2013, no BOP de Lugo do 18 de outubro e no DOG do 21 de outubro, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Guitiriz e Xermade. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Cuarto. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Quinto. Durante o trámite de información pública non se presentou ningunha alegación.

Sexto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e no Decreto 36/2001 polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalaciones eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, o que causaría a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT enlace LMT Muras/LMT Muras, nos concellos de Guitiriz e Xermade, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV entre as derivacións aos CT existentes Sinde e Pigaroa da LMT Muras, de 3.029 metros de lonxitude, en condutor LA-56, con orixe no apoio metálico proxectado número 1 e final no apoio metálico proxectado número 20, sobre apoios metálicos (13) e de formigón (7).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LMT enlace LMT Muras/LMT Muras, visado o día 7 de febreiro de 2012 co número 147/2012 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo e asinado polo enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Vázquez Gómez, colexiado número 352.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 14 de novembro de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 18 de outubro e no Diario Oficial de Galicia do 21 de outubro, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios dos concellos de Guitiriz e Xermade. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT enlace LMT Muras/LMT Muras, presentados pola empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación ou publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 15 de xaneiro de 2014

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo