Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2014 Páx. 3946

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de setembro de 2013, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Alto da Croa, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de setembro de 2013, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Alto da Croa promovido por Gamesa Energía, S.A.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento do concello de Vimianzo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificado pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Alto da Croa.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Adecuación ao planeamento local vixente e prazo

O parque eólico que se proxecta localízase no municipio de Vimianzo, na provincia da Coruña.

O municipio de Vimianzo dispón de normas subsidiarias de 1994. Os terreos sobre os cales se desenvolverá o futuro parque eólico neste concello non están incluídos neste solo urbano, polo que a clasificación urbanística destes é a de solo non urbanizable común, ao cal é de plena aplicación o disposto pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

Adecuación ao planeamento.

A construción dun parque eólico encóntrase necesariamente vinculada a un terreo concreto, co fin de aproveitar o elevado potencial eólico deste.

A instalación dunha central xeradora de enerxía eléctrica a partir dun recurso renovable, como é a enerxía cinética do vento, contribuirá de forma significativa ao desenvolvemento industrial e socioeconómico de toda a Comunidade de Galicia.

A área delimitada polo presente proxecto sectorial cualificarase como solo rústico de protección de infraestruturas, permitindo, desta forma, a construción do parque eólico na dita área.

Co cal deberá engadirse á devandita normativa a citada ordenanza específica de solo rústico de protección de infraestruturas, que se describe a seguir:

Solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada á implantación dun parque eólico, dentro da poligonal que define a área que se considera necesaria para a utilización racional do recurso natural do vento para a óptima produción de enerxía no parque eólico.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo, deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m arredor dos aeroxeradores, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

3. Condicións de edificación.

A superficie máxima das edificacións será de 200 m2, computando exclusivamente as edificacións pechadas, a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 4,20 m de altura medidos desde a rasante do terreo ata o arranque inferior da vertente de cuberta. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural, as fachadas serán de pedra e o tellado de tella. A superficie da parcela en que se sitúe a edificación non será inferior a 5.000 m2, e deberase de xustificar a idoneidade da localización elixida e a imposibilidade ou inconveniencia de situalas no solo urbano ou urbanizable coa cualificación idónea.

A altura máxima alcanzada polos aeroxeradores será de 120 m, 80 m do fuste e 50 m da pa.

4. Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno. En tal sentido, as edificacións realizaranse en pedra de granito cun espesor mínimo de 15 cm e tella nos tellados. A carpintaría exterior dos edificios poderá ser de madeira ou de aluminio lacado en verde. As cubertas serán de tella e poderán ter unha pendente máxima do 35 %.

5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver, á súa custa, os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se prolonga.

Eficacia.

De acordo co Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro pola que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do plan eólico de Galicia, á marxe das modificacións do planeamento local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise o planeamento municipal dos municipios afectados e/ou se adapte á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, coa normativa sinalada no punto anterior.

Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A adaptación, se é o caso, do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.