Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2014 Páx. 2048

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2014 pola que se solicita aos distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos o envío dunha lista de colexiados ou asociados que estean dispostos a actuar como peritos terceiros nas taxacións periciais contraditorias.

O artigo 29.4 do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, establece que cada xefatura territorial da consellería competente en materia de facenda solicitará no mes de xaneiro de cada ano aos distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos o envío dunha lista de colexiados ou asociados que estean dispostos a actuar como peritos terceiros, que se agruparán por orde alfabética en diferentes listas tendo en conta a natureza dos bens e dereitos que hai que valorar. Elixido por sorteo público un de cada lista, as designacións efectuaranse por orde correlativa.

Será necesaria a aceptación expresa polo perito elixido por sorteo, nun prazo de cinco días desde a comunicación da súa proposta de designación. A devandita aceptación determinará, así mesmo, a aceptación dos honorarios aprobados pola Administración. A renuncia do perito terceiro en calquera das listas impedirá a súa designación no exercicio corrente e nos dous posteriores a este.

Co fin de elaborar a devandita lista para o exercicio 2014,

RESOLVO:

Primeiro. Os distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos poderán enviar a cada delegación da Axencia Tributaria de Galicia unha lista dos colexiados ou asociados que estean dispostos a actuar como peritos terceiros en cada ámbito territorial.

Segundo. Presentarase unha lista por cada colexio ou asociación e delegación da Axencia Tributaria de Galicia, podendo os colexiados ou asociados anotarse nun ou máis ámbitos territoriais. A lista presentada en cada delegación incluirá exclusivamente os colexiados ou asociados que desexen actuar no ámbito territorial da devandita delegación. Para estes efectos os ámbitos territoriais de cada delegación da Axencia Tributaria de Galicia serán os establecidos na Orde do 19 de decembro de 2012 pola que se establece o ámbito territorial das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia (DOG do 26 de decembro).

Terceiro. As solicitudes de inclusión nas listas para actuar como peritos terceiros deberanse presentar no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, acompañadas da relación de colexiados ou asociados en soporte informático.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2014

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia