Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2014 Páx. 1444

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do Plan parcial do solo urbanizable número 17 (SUD-17) Monte do Gozo-Aríns.

A Xunta de Goberno local da cidade de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 14 de agosto de 2013, aprobou inicialmente o Plan parcial do SUD-17 (Monte do Gozo-Aríns), presentado por Fomento de Iniciativas Inmobiliarias, S.L., coa condición de que antes da súa exposición pública se emenden as deficiencias que se sinalan no dito acordo.

Con data do 11 de novembro de 2013 o promotor presentou un documento reformado no cal se emendaron as deficiencias sinaladas. Á vista deste documento, a Xunta de Goberno local da cidade de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 21 de novembro de 2013, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar o documento refundido do Plan parcial do SUD-17, presentado o 11 de novembro de 2013 pola Comisión Xestora de Propietarios (Fomento de Iniciativas Inmobiliarias, S.L. e outros), no cal se integran as modificacións requiridas no acordo de aprobación inicial do plan.

O documento que se somete a aprobación queda integrado por:

– Tomo I, presentado o 11 de novembro de 2013.

– Tomo II, presentado o 11 de novembro de 2013.

– Tomo IV, presentado o 11 de novembro de 2013.

– Informe de sustentabilidade ambiental (conxunto para os sectores SUD-16 e SUD-17), presentado o 11 de novembro de 2013.

– Nota explicativa sobre a resolución das conexións exteriores, presentada o 11 de novembro de 2013, que se incorporará ao tomo I na páxina inmediatamente anterior á avaliación económica das actuacións proxectadas.

Polo que respecta ao tomo III, presentado en outubro de 2012, complementado polo anexo de memoria presentado o 11 de novembro de 2013, achégase ao expediente co carácter de documentación xustificativa da titularidade das parcelas afectadas.

Segundo. Someter o expediente a información pública, durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase citación persoal aos propietarios das parcelas afectadas, segundo figuran no catastro, e publicarase o correspondente edicto no Boletín Oficial da provincia, así como no taboleiro de edictos do Concello, para os efectos do exixido polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Durante o período de exposición pública terán que realizarse as consultas exixidas polo órgano ambiental no documento de referencia e solicitaranse os informes sectoriais que resulten exixibles. Así mesmo, solicitaranse novos informes de todas as empresas subministradoras (Fenosa, Gas Natural, Aquagest, Telefónica, R).

En aplicación do disposto no artigo 86 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), o expediente sométese ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, co fin de que os interesados poidan consultar o expediente no Servizo de Planeamento e Xestión e, de ser o caso, formulen as alegacións que xulguen oportunas.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013

María Pardo Valdés
Concelleira delegada da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible