Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 9 de xaneiro de 2014 Páx. 763

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do expediente de delimitación do núcleo rural da Estrada, parroquia de Sabarei, concello do Corgo (expediente PTU-LU-12/017).

O Concello do Corgo remite proxecto técnico de delimitación, redactado polo arquitecto José Ángel Santos Ferro, datado en xuño de 2011, integrados por memoria (con estudo individualizado do núcleo rural, normativa e anexos) e planos, correspondente ao expediente de referencia, para os efectos previstos na disposición adicional segunda, punto 2, da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a nova documentación remitida e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) Consonte a documentación remitida polo concello, realizáronse os seguintes trámites:

• 26.6.2011. Aprobación inicial do proxecto de delimitación (Decreto de alcaldía 11/2011). Consonte certificación existente no expediente, a delimitación foi exposta ao público mediante anuncios publicados no DOG nº 159, do 22.8.2011, El Progreso do 27.7.2011 e La Voz de Galicia do 11.8.2011, sen que se presentase ningunha alegación.

• 25.10.2011. Emisión de informe da Dirección Xeral de Infraestruturas, de carácter favorable condicionado á introdución de prescricións normativas (recuamento de peches-artigo 39 da Lei 4/1994).

• 26.1.2012. Aprobación provisional do proxecto de delimitación (acordo plenario).

• 13.2.2012. Remisión do expediente de delimitación ao Servizo de Urbanismo da Xunta en Lugo, para os efectos da súa aprobación definitiva.

• 1.3.2012. Requirimento documental ao concello, pola falta do informe preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• 12.3.2013. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre inafección de bens de valor cultural.

• 18.6.2013. Nova aprobación provisional do expediente de delimitación.

• 5.7.2013. Remisión do expediente de delimitación á SXOTU.

b) O Concello do Corgo carece de instrumentos de planeamento xeral, rexéndose polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial aprobadas o 3.4.1991.

II. Análise e consideracións.

a) No lugar da Estrada, da parroquia de Sabarei, existe un pequeno asentamento poboacional composto por catro vivendas, o cal se atopa recoñecido como entidade poboacional no Nomenclátor oficial da Xunta (Decreto autonómico 6/2000).

b) O proxecto remitido polo concello recoñece o dito asentamento como núcleo rural complexo, integrando na delimitación proposta dous enclaves separados pola estrada autonómica LU-546, cadanseu coas dúas subcategorías de núcleo rural previstas no artigo 13 da LOUG.

A superficie total delimitada é de 12.640 m2, dos cales 4.764 m2 se subclasifican como núcleo rural histórico tradicional e 7.876 m2 como núcleo rural común.

O proxecto identifica as vías existentes –determinando as súas aliñacións–, establece as condicións de uso e edificación aplicables e xustifica o grao de consolidación en cada un dos ámbitos correspondentes ás citadas subcategorías de solo. Non identifica bens de valor cultural.

c) O proxecto non recolle as indicacións formuladas no informe sectorial emitido pola Dirección Xeral de Infraestruturas o 25.10.2011 respecto dos peches afectados pola liña límite de edificación.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural da Estrada, na parroquia de Sta. María Madanela de Sabarei, no concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos, coa condición recollida no informe sectorial en materia de estradas autonómicas emitido o 25.10.2011 pola Dirección Xeral de Infraestruturas sobre os peches afectados pola liña límite de edificación.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, pudendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file