Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 7 de xaneiro de 2014 Páx. 324

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 190/2013, do 19 de decembro, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia.

Galicia asumiu mediante o seu Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico do seu interese, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución española, así como respecto de arquivos, bibliotecas e museos de interese para a Comunidade Autónoma e que non sexan de titularidade estatal, e conservatorios de música e servizos de belas artes de interese para a Comunidade. Así mesmo, de conformidade co artigo 32 do seu Estatuto de autonomía, corresponde á Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A competencia exclusiva abrangue a potestade lexislativa, a regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18ª e 37 do seu Estatuto de autonomía.

No exercicio da potestade lexislativa, o Parlamento galego aprobou a Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, que no artigo 6 regulaba a composición, funcións e funcionamento do Consello de Bibliotecas como órgano consultivo e asesor da Xunta de Galicia en materias relacionadas co sistema bibliotecario. A dita Lei 14/1989 foi desenvolvida regulamentariamente, entre outros, polo Decreto 57/1992, do 19 de febreiro, que posteriormente foi obxecto de refundición polo Decreto 41/2001, do 1 de febreiro.

Con posterioridade, a Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, que derroga a Lei 14/1989, define o Sistema Galego de Bibliotecas e establece que formarán parte del, entre outros, os órganos de cooperación, asesoramento e participación. No artigo 8, a dita lei regula o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia como órgano colexiado consultivo da consellería competente en materia de bibliotecas e sinala que regulamentariamente se determinará a súa composición e organización.

Co fin de cumprir os mandados contidos na Lei 5/2012 referidos ao Sistema Galego de Bibliotecas e ao Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, é necesario fixar regulamentariamente a composición e o funcionamento do Consello de Cooperación Bibliotecaria, que, como órgano consultivo, ten que informar sobre unha serie de aspectos moi importantes para o desenvolvemento das políticas bibliotecarias de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Natureza e adscrición

De conformidade co artigo 8.1 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de bibliotecas, é o órgano colexiado consultivo da Administración autonómica nas materias relacionadas co Sistema Galego de Bibliotecas e para a articulación da cooperación entre as distintas administracións con competencias nesta materia.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia réxese pola lexislación básica estatal sobre réxime xurídico das administracións públicas, pola lexislación autonómica en materia de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, e polo disposto neste regulamento.

2. A consulta ao Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia será preceptiva nos casos previstos no artigo 9 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia. Os seus informes non serán vinculantes, salvo disposición expresa en contrario.

Artigo 3. Funcións

De acordo co disposto no artigo 9 da Lei 5/2012, son funcións do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia:

a) Actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia.

b) Propoñer ao órgano de dirección e coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas a adopción de medidas para o mellor cumprimento dos seus fins.

c) Informar sobre a integración das redes de bibliotecas no Sistema Galego de Bibliotecas.

d) Potenciar e fomentar a cooperación e a participación no Sistema Galego de Bibliotecas.

e) Emitir informe preceptivo sobre os anteproxectos de lei e de disposicións regulamentarias referidas ás bibliotecas, así como sobre o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia.

f) Promover e articular a colaboración e coordinación na política bibliotecaria das diferentes institucións con competencias en materia de bibliotecas.

Artigo 4. Composición

1. O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia está integrado polos seguintes membros:

a) Un/unha presidente/a.

b) Un/unha vicepresidente/a.

c) 10 vogais.

d) Un/unha secretario/a.

2. Na composición do Consello procurarase o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5. Presidencia

1. Exercerá a presidencia a persoa titular da consellería competente en materia de bibliotecas.

2. Corresponde á persoa que desempeña a presidencia:

a) Exercer a representación do órgano.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente anticipación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e as certificacións dos acordos do órgano asesor.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición da presidencia do órgano.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a presidencia será substituída pola que desempeñe a vicepresidencia e, se faltar esta, polo membro máis antigo do órgano colexiado ou de maior idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

Artigo 6. Vicepresidencia

1. A vicepresidencia será exercida pola persoa titular da secretaría xeral competente en materia de bibliotecas ou, na súa falta, da dirección xeral competente en materia de bibliotecas.

2. Corresponde á vicepresidencia auxiliar á presidencia no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquela.

Artigo 7. Vogais

Serán vogais do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia:

a) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de bibliotecas.

b) Un/unha bibliotecario/a da Biblioteca de Galicia, por proposta da persoa titular da secretaría xeral con competencias en materia de cultura.

c) Un/unha bibliotecario/a en representación das bibliotecas públicas de titularidade estatal ou autonómica situadas dentro do territorio de Galicia, por proposta da persoa titular da secretaría xeral con competencias en materia de cultura.

d) Un/unha bibliotecario/a representante das bibliotecas de titularidade pública local proposto/a pola FEGAMP.

e) Un/unha representante das bibliotecas de titularidade privada integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, por proposta da persoa titular da secretaría xeral con competencias en materia de cultura.

f) Un/unha representante das bibliotecas universitarias, por proposta do Consello Galego de Universidades.

g) Un/unha representante das bibliotecas escolares de centros de ensino non universitario, por proposta do órgano superior ou directivo da Administración autonómica competente en materia de centros.

h) Un/unha representante das bibliotecas especializadas, por proposta da persoa titular da secretaría xeral con competencias en materia de cultura.

i) Un/unha representante das asociacións profesionais de bibliotecarios/as das existentes en Galicia, por proposta da persoa titular da secretaría xeral con competencias en materia de cultura.

j) Unha persoa de prestixio no ámbito das bibliotecas e do patrimonio bibliográfico, por proposta do Consello da Cultura Galega.

Artigo 8. Secretaría

1. O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia terá unha secretaría, que será exercida pola persoa titular da xefatura do servizo con funcións en materia do Sistema Galego de Bibliotecas.

2. Correspóndelle á persoa que exerce a secretaría do Consello:

a) Asistir ás reunións, con voz e voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos/as membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e asinar as actas das sesións, co visto e prace da persoa que exerza a presidencia.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretaria ou secretario.

3. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a secretaría será substituída pola persoa titular dunha xefatura de servizo designada pola presidencia.

Artigo 9. Nomeamento e cesamento

1. Agás a persoa a que fai referencia o artigo 7.a), o nomeamento das persoas que ocupen as vogalías do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia e dos/as seus/súas respectivos/as suplentes corresponde á persoa titular da consellería con competencias en materia de bibliotecas.

2. Os nomeamentos de vogal do Consello terán unha duración de 4 anos. Transcorrido o dito prazo poderán renovarse por un período igual ao do mandato inicial.

3. A persoa titular da consellería con competencias en materia de bibliotecas poderá cesar os membros do Consello polas seguintes causas:

a) Renovación por transcurso do prazo de nomeamento, se for o caso.

b) Por petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

c) Incumprimento grave dos seus deberes, logo de acordo adoptado polo pleno do Consello co voto favorable da maioría dos seus membros.

4. Os membros do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia perderán a súa condición nos seguintes casos:

a) Renuncia.

b) Condena por delito doloso en virtude de sentenza firme.

c) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

Artigo 10. Dereitos e deberes dos membros

1. Corresponde aos membros do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia:

a) Recibir a convocatoria que conteña a orde do día das reunións cunha anticipación mínima de corenta e oito horas.

b) Ter ao seu dispor a información sobre os asuntos que figuren na orde do día coa anticipación referida na letra anterior.

c) Participar nos debates das sesións.

d) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

e) Non absterse nas votacións aqueles que teñan a condición de membros do órgano colexiado pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas.

f) Formular suxestións e preguntas.

g) Obter a información que precisen para cumprir axeitadamente as funcións asignadas.

h) Manter o segredo das deliberacións e votacións.

i) Cantas outras sexan inherentes á súa condición.

2. Os membros do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia non poderán atribuírse as funcións de representación del, salvo que llas outorgase expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, o propio órgano colexiado.

Artigo 11. Abstención e recusación

Serán motivos de abstención e recusación dos/as membros do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia os previstos con carácter xeral nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Funcionamento

1. De acordo co establecido no artigo 8.2 da Lei 5/2012, o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia reunirase como mínimo unha vez ao ano, en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, cando así o considere o/a presidente/a ou por solicitude da maioría dos seus membros.

2. Para a válida constitución do Consello, para os efectos da realización das sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas que exerzan a presidencia e a secretaría, ou daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos/as seus membros.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

4. Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos.

5. O prazo para a emisión de informes de carácter preceptivo será dun mes, salvo que a norma en virtude da cal deba solicitarse o dito informe estableza outro distinto.

6. O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia poderá funcionar en pleno ou en comisión técnica.

Corresponde ao pleno do Consello a constitución con carácter temporal das ditas comisións, coa composición e funcións que el determine, para a realización de informes ou estudos referidos ao sistema bibliotecario de Galicia e á rede de bibliotecas públicas de Galicia con carácter previo á deliberación e votación do Consello.

O acordo de constitución establecerá o asunto concreto que será obxecto de estudo, a designación da persoa que desempeñará a presidencia e a secretaría da comisión, os medios persoais e materiais de que dispoña, o prazo para a realización do seu traballo e as persoas que a integren, sen que sexa necesario que teñan a condición de membros do Consello.

7. Ás reunións do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia poderán asistir expertos nos temas que se vaian tratar por invitación do/a presidente/a.

Disposición adicional primeira

O Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia constituirase no prazo de dous meses contados desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda

As entidades, institucións ou asociacións a que corresponda propoñer a designación de representantes no Consello deberán comunicar a súa proposta á consellería con competencias en materia de bibliotecas no prazo dun mes desde o día de entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango sexan contrarias ao contido deste decreto e, en particular, o artigo 3 do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de bibliotecas para ditar as normas precisas e adoptar cantas medidas sexan precisas para o cumprimento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria