Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 3 de xaneiro de 2014 Páx. 263

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 16 de decembro de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se comunica o comezo dos traballos de investigación da propiedade na zona de concentración parcelaria de Cercio (Lalín).

Ponse en coñecemento de todas as persoas interesadas na concentración parcelaria da zona de Cercio (Lalín-Pontevedra), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 336/1988, do 17 de novembro, polo que se modifican os decretos 252/1986 e 253/1986 (DOG nº 1, do 2 de xaneiro de 1989), que se van iniciar os traballos de investigación da propiedade para os efectos da concentración, que darán comezo o día seguinte ao da publicación deste anuncio e que se prolongarán durante o tempo necesario, no lugar habilitado para os efectos na mesma parroquia e nas dependencias do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra.

Requírense os propietarios, arrendatarios e, en xeral, os cultivadores e titulares de calquera dereito para que, dentro do citado prazo, lle presenten ao persoal encargado dos citados traballos os escritos en que fundamenten os seus dereitos e declaren, en todo caso, os gravames ou situacións xurídicas que afecten as súas parcelas ou os seus dereitos.

Advírtese que as parcelas dos propietarios que non declarasen neste período serán consideradas como parcelas de descoñecidos e daráselles o destino sinalado na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro. Tamén se advirte que a falsidade destas declaracións dará lugar, con independencia das sancións penais, á responsabilidade por danos e perdas que deriven dela.

Os traballos de concentración afectarán en principio a totalidade das parcelas pertencentes á parroquia de Cercio (Lalín-Pontevedra). Polo tanto, os propietarios deberán, no seu propio interese, ademais de facer a declaración das súas parcelas, seguir o desenvolvemento dos traballos de concentración para facer valer os seus dereitos no momento oportuno.

Pontevedra, 16 de decembro de 2013

Miguel Ángel Pérez Dubois
Xefe territorial de Pontevedra