Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 31 de decembro de 2013 Páx. 52891

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 26 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (en adiante, LOMG) viña realizando a súa actividade dentro da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

O LOMG é un centro tecnolóxico que conta cunha gran capacidade tanto en recursos técnicos como humanos, que presta apoio ao tecido industrial realizando actividades e tarefas relacionadas coa metroloxía mediante unha serie de servizos e proxectos, como son os relativos á calibración, á medida, ensaio, de control metrolóxico do estado de determinados instrumentos e de asesoramento, formación, e I+D, entre outros.

Nos eidos da súa actividade, o LOMG garante a súa competencia técnica a través da acreditación pola Entidad Nacional de Acreditación (Enac), segundo a norma UNE EN ISO/IEC 17025, o que supón o recoñecemento e validez dos traballos en calquera dos países asinantes do Acordo multilateral de recoñecemento mutuo (EA).

O LOMG viña realizando as súas actividades en dúas vertentes concretas: por un lado dentro da metroloxía legal como ente instrumental e medio técnico da Consellería de Economía e Industria, e por outra na metroloxía industrial e o I+D de cara a industria, a universidade, a empresa etc.

Tras a publicación do Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería, o LOMG pasa a quedar adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial.

É de interese xeral para a sociedade e para a empresa e industria en particular que o LOMG continúe as súas actividades no ámbito do dereito privado coa metroloxía industrial, a formación e a investigación, pois o LOMG dispón dunha experiencia e medios técnicos e humanos dos que a industria e a empresa galega pode aproveitarse no beneficio de toda a sociedade galega.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados. Así mesmo, o artigo 51 da dita lei establece que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, e que se publicarán no Diario Oficial de Galicia.

A través da presente orde fíxase a contraprestación económica que deben realizar os usuarios á Consellería de Economía e Industria polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia.

En consecuencia, logo do informe favorable da Consellería de Facenda e de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,

DISPOÑO:

Artigo 1

Primeiro. Os prezos privados exixibles pola Consellería de Economía e Industria referentes aos servizos prestados ou a realización de actividades polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia efectuadas no réxime de dereito privado no ámbito da metroloxía industrial e o I+D son os que figuran no anexo desta orde.

Segundo. Os referidos prezos entenderanse, se é o caso, engadindo o correspondente IVE.

Artigo 2

Os prezos regulados nesta orde actualizaranse o un de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2011), no mes de outubro anterior, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberán facerse públicos mediante resolución da persoa titutar da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3

A presente orde adecuarase:

1. Ao Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992 pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación.

3. Á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO

Tarifas do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia polos traballos nos ámbitos da metroloxía industrial e da I+D+i.

Os prezos privados aplicables á hora de traballo do persoal do LOMG serán os seguintes, diferenciándose por categorías profesionais:

– Persoal técnico: 105 euros/hora.

– Persoal auxiliar técnico: 80 euros/hora.

– Uso instalacións LOMG: 95 euros/hora.

Outros custos que se repercutiran ao solicitante:

1. Os custos pola realización de viaxes, gastos de transporte, axudas de custos, manutención e aloxamento do persoal do LOMG, desprazado para a prestación do servizo, serán facturados ao solicitante a razón das cantidades que para tales conceptos se determinen no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polo Decreto 96/2011, do 5 de maio.

2. Os materiais, produtos consumibles e equipamentos específicos necesarios para a prestación do servizo, cando sexa o LOMG quen os proporcione, así como as asistencias externas, facturaranse polo seu prezo e gastos que orixinen.