Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se cita:
Solicitante: Industrial Barcalesa, S.L.
Domicilio social: Corneira, 15863 A Baña.
Denominación: centro de transformación Interconexión Catroventos, situado en punto fronteira e alimentación en baixa tensión a tres naves industriais (Santa Comba).
Situación: concello de Santa Comba.
Características técnicas:
Instalación e montaxe do centro de transformación Interconexión Catroventos, en caseta prefabricada de formigón, de 400 kVA de potencia asignada, con relación de transformación 20/0,42, seis celas de media tensión Ormazábal ou similar: 3 CML, 1 CMM, 1 CMP e 1 CMV.
A caseta prefabricada de formigón conformará o punto fronteira entre as compañías Industrial Barcalesa, S.L. e Electra de Santa Comba, S.L., polo que as súas dimensions serán suficientes para albergar o centro de transformación en proxecto, así como o centro de seccionamento, propiedade de Electra de Santa Comba, S.L. definido en proxecto á parte e os equipos de protección e medida.
Reposición dunha liña subterránea de alta tensión 20 kV asociada ao actual CT Catro Ventos que desmontará (expediente IN407A 06/438), cara ao novo CT Interconexión Catroventos, simple circuíto, con condutores unipolares de aluminio e illamento seco tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240 Al + H16), denominada LSAT (20kV) al CT Interconexión Catroventos, de 36 metros de lonxitude.
Reordenación das redes de baixa tensión (420/230 V) asociadas ao CT Catro Ventos, que se desmontará, cara ao novo CT Interconexión Catroventos e construción de tres novas saídas de alimentación a tres naves industriais, en cable tipo RV 0,6/1 kV 3×240 Al+1×150 Al e de 358 metros de lonxitude total.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:
Autorizar e aprobar o proxecto de execución da devandita instalación cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
A instalación executarase nun prazo non superior a un ano contado a partir da data desta resolución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 21 de novembro de 2013
Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña