Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 26 de decembro de 2013 Páx. 50041

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de decembro de 2013 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Vilamartín de Valdeorras.

O Concello de Vilamartín de Valdeorras remite o Plan xeral de ordenación municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello do Vilamartín de Valdeorras dispón na actualidade dunha delimitación de solo urbano, aprobada definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 9.5.1995.

2. O 9.11.2010 iníciase na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Na fase de consultas do documento de inicio recibiuse resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Cámara Oficial Mineira de Galicia; Augas de Galicia e da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en materia de xestión de residuos.

3. Con data do 15.12.2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica.

4. Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, consta informe técnico municipal do 29.9.2011, e da secretaria interventora do 9.6.2011, respecto á conformidade do plan coa ordenación.

5. Con data do 3.11.2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

6. O 29.12.2011 o Pleno do Concello de Vilamartín de Valdeorras aprobou inicialmente o plan, e someteuno a información pública durante o prazo de dous meses mediante anuncios no DOG do 6.2.2012, e nos xornais do 21.1.2012 La Región e La Voz de Galicia. Simultaneamente, deuse audiencia aos concellos limítrofes da Rúa, Quiroga, O Barco de Valdeorras e Petín, da Comunidade Autónoma de Galicia; e Oencia, da Comunidade Autónoma de Castela-León.

7. Mediante Resolución do 29.7.2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, faise pública a memoria ambiental do PXOM de Vilamartín de Valdeorras (DOG do 22.8.2013).

8. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente o PXOM en sesión do 7.8.2013, após a emisión do informe do enxeñeiro municipal do 30.7.2013 e da secretaría municipal do 7.8.2013.

9. No expediente constan os seguintes informes de carácter sectorial:

– En materia de minas: informe do 25.9.2012 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria dos datos reflectidos no rexistro mineiro de Galicia.

– En materia de telecomunicacións, informe do 9.4.2012 ao abeiro do artigo 26.2 da Lei 32/2003, da Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

– En materia de patrimonio cultural: da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informes de data 14.9.2012 (desfavorable) do 8.5.2013 (favorable condicionado) e do 5.6.2013 (favorable).

– En materia de augas: informes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, do 29.6.2012 e 28.6.2013 (favorable condicionado).

– En materia de montes, informe da Secretaría Xeral de Medio Rural e de Montes do 28.2.2012 e da Subdirección Xeral de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais do 12.4.2012.

– En materia de estradas: informe do Servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense, desfavorable do 1.3.2012 e favorable do 21.5.2013, e informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 18.7.2012 favorable condicionado.

– En materia de ferrocarrís, informe favorable condicionado do 2.3.2012 da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento; e informe do 14.2.2012 do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.

– Respecto ao patrimonio das administracións públicas, informe do 9.3.2012 da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

– En materia de mobilidade, informe do 16.2.2012 da Dirección Xeral de Mobilidade.

– En materia de medio rural, informe do 17.10.2012 do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Ourense da Consellería de Medio Rural e do Mar.

– Informe do 16.3.2012 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental en relación á calidade do ISA.

– Informe do 21.9.2012 da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

10. En virtude do artigo 85.5 da LOUG, con datas 27.8.2013 e 19.9.2013 requiriuse ao Concello para que completase a documentación presentada. En cumprimento dese requirimento, o Pleno do Concello de Vilamartín de Valdeorras acordou o 3.10.2013 aprobar a documentación complementaria coas modificacións solicitadas por esta consellería, achegando:

–  Informe favorable condicionado do 18.9.2013 da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do Ministerio de Fomento.

– Certificación da secretaria interventora do Concello da non recepción dos informes solicitados á Delegación do Goberno de Galicia; da Consellería de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Dirección Xeral de Conservación da Natureza e Augas de Galicia; da Consellería de Presidencia, Dirección Xeral de Administración Local e Secretaría Xeral Técnica; da Consellería de Educación, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e Secretaría Xeral Técnica; Ministerio de Economía e Facenda e Ministerio de Defensa.

11. Por solicitude da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con data do 22.10.2013 emitiuse informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a adecuación do PXOM ás determinacións da memoria ambiental, no cal se verifica o cumprimento do documento.

II. Análise e consideracións.

II.1. Informes sectoriais.

– Deberanse incluír na normativa urbanística as condicións sinaladas no informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do 28.6.2013, nomeadamente canto a que os solos urbanizables S-01, S-02 e S-03 deberán solucionar o servizo de saneamento de forma independente e non poden conectarse ás EDAR de San Miguel de Outeiro nin de Arcos.

– En cumprimento do informe do 18.9.2013 da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento, constará expresamente:

«Deberá respectarse o establecido no artigo 25 da Lei 25/1988, de estradas, e 84 do regulamento xeral, salvo naqueles tramos xa edificados (tramos urbanos) en que a liña de edificación se asimilou á aliñación da edificación existente (en atención aos dereitos consolidados). Este criterio enténdese axeitado sempre e cando teña por obxecto deixar dentro da ordenación as devanditas edificacións e non terá validez para o caso de posible demolición e posterior construción de novas edificacións».

«Polo que se refire ás limitacións á propiedade, canto a actuacións contidas nos instrumentos de desenvolvemento do PXOM, será de aplicación a sección primeira do capítulo III da Lei de estradas (artigos 20 a 28) e o capítulo primeiro do título III do Regulamento xeral de estradas (artigos 73 a 100). Teranse en conta, ademais, aqueles terreos que, provenientes de expropiación, constitúan dominio público e poidan quedar integrados no ámbito dos diferentes sectores que se van desenvolver».

II.2. Modelo territorial e estrutura xeral e orgánica.

– En cumprimento dos artigos 4 e 52 da LOUG e a determinación 3.2 das directrices de ordenación do territorio, redúcese considerablemente a reserva de solo urbanizable industrial, mantendo dúas localizacións cos obxectivos de regularizar o asentamento preexistente ao oeste do núcleo de Arcos (S-02); e de crear unha bolsa industrial con boa accesibilidade e topografía favorable co fin de potenciar as actividades ligadas aos sectores económicos máis dinámicos (S-01).

– No ámbito S-02 existe discrepancia entre as edificabilidades que figuran na ficha do sector e na memoria xustificativa do PXOM, polo que procede unificalas en 0,50 m2/m2.

– As deficiencias observadas no documento de 2011 respecto ás dotacións urbanísticas foron corrixidas. En todo caso, cómpre cualificar como sistema xeral de infraestruturas os depósitos e ETAP de Vilamartín e Valdegodos; e a instalación incluída no plan sectorial das infraestruturas xestionadas por Retegal, aprobado definitivamente en data do 20.5.2013 (DOG do 17 de xuño).

II.3. Clasificación e determinacións do solo.

Clasificación e determinacións do solo urbano.

– En cumprimento dos puntos II.2.1_1 e II.2.2_2 do informe previo á aprobación inicial, asígnase a categoría de solo urbano non consolidado aos terreos localizados ao nordeste, fóra da delimitación do solo urbano vixente, de urbanización xurdida á marxe do planeamento. Ao mesmo tempo, no marco dos artigos 11.1.a) e 12.2 da LOUG, e en prol da coherencia da ordenación e viabilidade da actuación, resulta xustificado estender o perímetro respecto da proposta inicial á totalidade da bolsa homoxénea de solo limitada polos servizos urbanísticos completos. En todo caso, o trazado viario proposto considerarase meramente indicativo, e debe ser establecido polo plan especial de reforma interior que desenvolva o ámbito, con suxeición á normativa aplicable en materia de accesibilidade.

– En cumprimento da Lei de comercio, nas fichas dos SUNC establécese unha reserva do 10 % da edificabilidade para uso comercial, polo que deberá revisarse o cálculo do aproveitamento tipo por uso e tipoloxía edificatoria característica, segundo establece o artigo 113 da LOUG.

Clasificación e determinacións do solo urbanizable.

– Débese eliminar da ficha do S-01 a exixencia de delimitar un polígono correspondente coa instalación de transportes existente, sendo que a delimitación dos polígonos deberá establecerse a través do instrumento que conteña a ordenación detallada do ámbito.

– Deberá establecerse unha estratexia coherente de prazos, tendo en conta que o saneamento dos ámbitos S-02 e S-03 dependen da execución da nova EDAR de Arcos, cargada solidariamente a ambos os dous sectores.

Clasificación e determinacións do solo de núcleo rural.

– Punto II.2.3._3 IPAI: ao abeiro do artigo 25 da LOUG, non se xustifica como uso compatible na ordenanza de solo de núcleo rural o industrial tipo C.

– No núcleo de Arcos proxéctase a apertura dunha nova vía ao oeste do solo de núcleo rural común, que se obterá conforme o previsto no artigo 24.2 da LOUG.

Clasificación e determinacións do solo rústico.

– O reaxuste da delimitación dos espazos naturais das Normas subsidiarias e complementarias de planeamento provincial, de conformidade co sinalado no seu artigo 28, corresponde aos terreos afectados por unha explotación mineira, que obtivo informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo do 20.6.2013 no trámite de solicitude de autorización ao abeiro da disposición transitoria 12 da LOUG.

– Ao abeiro do establecido no artigo 32.2.c) da LOUG deberá clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas a zona de servidume da estrada N-120, non susceptible de transformación, que se atopa situada ao leste do sector S-01.

II.4. Cuestións de índole documental.

– Cómpre incorporar nos planos de ordenación as delimitacións referidas no artigo 11.2.13 da normativa urbanística, condicións adicionais para as edificacións afectadas polos fitos paisaxísticos e polas bacías visuais paisaxísticas.

– A estratexia de actuación non está actualizada respecto aos novos ámbitos de desenvolvemento que se incorporaron ao documento inicial.

– Os sistemas locais SAL-11a e El-11 figuran nos planos coa trama de sistemas xerais.

– Na ficha 04.02 a) de ordenación dos núcleos rurais, falta debuxar parte dun tramo das proteccións das liñas de alta tensión.

– No plano de cualificación do solo urbano, non se lle asigna altura ao quinteiro lindeiro co ADX-02, de ordenanza 2.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vilamartín de Valdeorras, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición estrita ás condicións sinaladas no punto II desta orde.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vilamartín de Valdeorras, 13 de decembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas