Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 16 de decembro de 2013 Páx. 48294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios de mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2014.

O artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, sinala os medios que a Administración tributaria pode utilizar para calcular o valor das rendas, produtos, bens e demais elementos determinantes da obriga tributaria, entre os que cita, na sua letra c), o de prezos medios no mercado. En idéntico sentido se pronuncia o artigo 27.un do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo. Esta mesma lei detalla no seu artigo 27.tres cal debe de ser a forma e o contido da norma que desenvolva este medio de valoración.

A Orde do 28 de xullo de 2011 estableceu por primeira vez este medio de valoración e fixou os valores para 2010 e 2011. A Orde do 28 de decembro de 2011 fixo o mesmo para 2012 e a Orde do 27 de decembro de 2012, o propio para 2013.

O obxectivo desta nova orde é establecer os citados prezos medios no mercado para o exercicio 2014.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública. Neste caso, o prazo para presentar alegacións será de sete días hábiles, tal e como prevé o número 5 do citado artigo cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. En efecto, debido á necesidade de analizar un mercado inmobiliario moi volátil e inestable, no que aparecen novos actores non tradicionais como o Sareb ou os investidores internacionais, e coa intención de que queden reflectidas as tendencias máis recentes na evolución dos valores, faise aconsellable tecnicamente dispor dos datos do mercado máis próximos ao exercicio 2014, de xeito que a análise que contén se aproxime o máximo posible á data da súa entrada en vigor, prevista para o vindeiro 1 de xaneiro. Non foi posible, polo tanto, comezar antes a tramitación do proxecto de orde.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de sete días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se desenvolve o medio de comprobación de valores de prezos medios de mercado aplicable a determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e se aproban os prezos medios no mercado aplicables no exercicio 2014.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda: http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions.

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2013

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio