Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 9 de decembro de 2013 Páx. 47202

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 25 de novembro de 2013 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación de persoal en temas de investigación mariña e se procede á súa convocatoria.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Consellería do Medio Rural e do Mar é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de investigación mariña, que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Tendo en conta a importancia da investigación científica e a formación en ciencias mariñas no desenvolvemento económico de Galicia, nesta orde procédese á convocatoria de bolsas para que técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior poidan completar a súa formación como persoal auxiliar de investigación mariña garantíndolles a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida empresarial.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases reguladoras e procede á convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión do título de técnico superior dos ciclos formativos de grao superior dalgunha das especialidades que se relacionan na base 3, e telo obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2011.

c) Non estar incapacitado/a fisicamente nin padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter disfrutado destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, durante un período dun ano ou superior.

e) Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situado na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

a) O número de bolsas será de nove, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria.

b) As bolsas terán unha duración de 2 anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión.

c) O importe bruto mensual de cada bolsa será de setecentos quince euros (715 €).

d) As persoas beneficiarias das bolsas integraranse no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 3 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

e) As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, e distribuiranse do seguinte xeito:

Familia/especialidade

Centro/nº bolsas

Actividades Marítimo-Pesqueiras/Produción Acuícola

Corón: 2 bolsas

Ribadeo: 2 bolsas

Química/Análise e Control

Corón : 2 bolsas

Ribadeo: 1 bolsas

Sanidade/Anatomía Patolóxica e Citoloxía

Corón : 2 bolsas

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

a) As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón servizos de administración electrónica da páxina https://sede.xunta.es e tamén se poderá descargar no enderezo electrónico https://medioruralemar.xunta.es

b) Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

1º. Copia do título correspondente ou, na súa falta, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

2º. Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e as cualificacións obtidas.

3º. Currículum vítae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

c) O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

d) A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á consellería para facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.
A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que expresarse, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

e) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial (www.medioruralemar.xunta.es) a relación dos beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 5. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Por parte dos servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarase que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería do Medio Rural e do Mar e na súa páxina web oficial, enderezo
(www.medioruralemar.xunta.es) Esta lista estará exposta durante dez días, e os interesados poden durante ese prazo emendar erros e falta de documentación ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e presentar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Avaliación e selección

Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no número 2 deste artigo.

1. Comisión de avaliación.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por :

– Presidente : o subdirector xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

– Secretaria : a xefa de Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión.

– Vogais : tres persoas designadas pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de selección teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puider asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico: máximo 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaínte: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben : 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Aplicándose a fórmula nº puntos / nº de materias + nº de convocatorias.

Para os efectos de cálculo da nota media, non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

b) Currículum vítae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1. Cursos ou formación máis axeitada para o desenvolvemento da bolsa: ata 1 punto.

b.2. Certificado oficial acreditativo dos niveis de coñecemento da lingua galega, en particular, Celga 4, ou coa mesma validez o antigo certificado de perfeccionamento: 0,25 puntos.

b.3. Idiomas: ata 0,25 puntos ( inglés, 0,15; outros idiomas, 0,10).

b.4. Coñecementos informáticos : ata 0,25 puntos.

b.5. Varios (mergullo, mariñeiro pescador, patrón de embarcación, carné de conducir): ata 0,25 puntos.

Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente mais currículo.

No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, prevalecerá a solicitude de maior nota media do expediente.

Os candidatos serán ordenados por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse aos candidatos que acaden maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán os solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadasen puntuación suficiente para seren adxudicatarios de bolsa.

Artigo 7. Resolución e recursos

a) Resolución.

A comisión de selección fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para elevación ao secretario xeral do Mar, quen resolverá por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará un beneficiario por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todos os solicitantes admitidos, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG.

De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

b) Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpor potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non considerarse a presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 8. Aceptación da bolsa e pagamento

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión no DOG, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar a súa aceptación mediante documento asinado polo bolseiro/a en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado, considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases de conformidade co artigo 21.5º, parágrafo segundo, da lei de subvencións de Galicia.

Así mesmo, presentará declaración responsable en que conste que non realiza traballo remunerado nin se beneficia doutro tipo de bolsa ou axuda, agás, se for o caso, as permitidas no artigo 9.f).

2. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o bolseiro/a inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente.

O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do responsable do bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo máximo para a presentación do informe final será dun mes a partir do remate da realización da bolsa.

Artigo 9. Obrigas dos bolseiros/as

a) O bolseiro/a deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección dun titor/a, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

c) Os beneficiarios/as deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

d) Ao final do período de desfrute da bolsa, o adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo titor.

e) Estas bolsas non implican relación laboral ningunha co centro a que estea adscrito/a o/a beneficiario/a, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

f) O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.

Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do interesado, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses por ano e dedicación non maior de media xornada, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 10. Renuncias, procedemento de substitución e interrupcións

No caso de renuncia á bolsa por parte do beneficiario/a, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro polo menos con dez días de anticipación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia.

A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante co candidato suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

De esgotárense os suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá establecer a incorporación como bolseiro/a do primeiro suplente daquela lista que, a criterio da unidade, mellor se axuste á finalidade e obxectivos do centro.

As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

Artigo 11. Dotación orzamentaria

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 12 31 561A 4800 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2013 (6.435 € ), 2014 (77.220,00 €) e 2015 (70.785,00 €). As cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais serán con cargo a á partida orzamentaria 12 31 561A 4840 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2013 (360,00 € ), 2014 (4.860,00 €) e 2015 (4.950,00 €).

As ditas cantidades poderán ser reaxustadas en función da data de inicio das bolsas.

Artigo 12. Control

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Os beneficiarios das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora percibidos desde o momento do seu pagamento, ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file