Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 5 de decembro de 2013 Páx. 46977

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de decembro de 2013 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada polo comité de empresa de Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa), que se iniciará ás 00.00 horas do día 9 de decembro de 2013 e terá carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada polo comité de empresa de Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa) está dirixida a todos os traballadores e traballadoras de todos os centros de traballo da provincia de Pontevedra, iniciarase o 9 de decembro, terá carácter indefinido e levarase a efecto durante toda a xornada laboral (das 00.00 ás 24.00 horas) todos os días da semana.

Con base no anterior, e despois da audiencia ao comité de folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 a través da RTSU (Rede de transporte sanitario urxente), que se presta mediante:

– Ambulancias de soporte vital avanzado (ASVA) ou UVI móbiles, é dicir, ambulancias tipo III concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 1 unidade situada en Pontevedra. O horario de servizo é de 24 horas e a área de operatividade está limitada á poboación residente nunha isócrona de 20 minutos no contorno da base.

– Ambulancias de soporte vital básico correspondentes á Rede de transporte sanitario urxente (RTSU), é dicir, ambulancias tipo II concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 3,5 unidades situadas en Pontevedra (2-24 horas), Bueu (1-24 horas) e Marín (1-12 horas).

A Rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade.

En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través da empresa afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Consonte o exposto, o criterio reitor para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida é unha cobertura do 100 % das unidades.

Artigo 2

Con base no criterio anterior, no anexo desta orde recóllense o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías a poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposicion derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

Anexo
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Categoría/servizo

Número de efectivos de servizos mínimos

Mañá

(8.00 a 15.00 h)

Tarde

(15.00 a 22.00 h)

Noite

(00.00 a 8.00 h)

(22.00 a 00.00 h)

Rede de transporte sanitario urxente

TTS (técnico transporte sanitario) Unidades 24 horas

7 (1)

2 (2)

TTS (técnico transporte sanitario) Unidades 12 horas

(1) 7 TTS as 24 horas da xornada.

(2) 2 TTS en xornada de 12 horas.