Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 29 de novembro de 2013 Páx. 46270

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 22 de novembro de 2013 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Orde do 28 de maio de 2013 da Consellería de Traballo e Benestar pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013 (DOG núm. 107, do 6 de xuño), establece na súa disposición adicional terceira, na cal se recollen os créditos que financian a orde, que estes importes poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

En consecuencia, como existen outras dotacións, correspondentes ao programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007 que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da orde que se cita nesta disposición, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013 (DOG nº 107, do 6 de xuño), correspondente ao programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007.

Artigo 2

O incremento da dotación será nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013:

11.02. 322C 472.1 2010 00 769: 1.000,00 €.

11.02. 322C 472.1 2011 00 608: 3.000,00 €.

11.02. 322C 472.1 2012 00 589: 107.488,95 €.

11.02. 322C 472.3 2012 00 590: 97.812,00 €.

11.02. 322C 472.1 2013 00 535: 1.400.000,00 €.

11.02. 322C 472.3 2013 00 536: 1.445.000,00 €.

Artigo 3

Estas modificacións non afectan o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar