Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 26 de novembro de 2013 Páx. 45802

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de novembro de 2013 pola que se lle concede ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, adscrito á Universidade de Dublín, autorización para a efectiva impartición do cuarto curso correspondente aos títulos de Bachelor of Architectural Science and Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

Mediante o Decreto 205/2011, do 27 de outubro (DOG do 8 de novembro), concedéuselle ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, autorización para implantar os estudos correspondentes aos títulos de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

No artigo 3 do devandito decreto indícase que a efectiva impartición dos cursos de que constan os estudos a que se refire o artigo 1 do citado decreto farase mediante orde anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Mediante as ordes do 18 de novembro de 2011 e do 4 de outubro de 2012 concedéuselle autorización ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, para a efectiva impartición dos tres primeiros cursos correspondentes aos títulos de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

Para este fin, e previamente á acta de inspección asinada o 22 de outubro de 2013 e ao informe de avaliación favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o centro xustificou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a contratación de profesorado mantendo as ratios de calidade de profesor/alumno a que se comprometeu no expediente, así como os requisitos relativos aos espazos e planificación da ensinanzas correspondentes ao cuarto curso.

Por todo iso esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1

Autorizar ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, domiciliado na rúa Feáns, nº 152, da Coruña, adscrito á Universidade de Dublín, autorización para a efectiva impartición do cuarto curso correspondente aos títulos de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de títulos superiores non homologados academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Artigo 2

Aos estudantes que na data de entrada en vigor desta disposición se encontren cursando estudos conducentes aos títulos de Bachelor of Commerce e de Bachelor of Architecture, autorizados polos decretos 241/1995, do 28 de xullo, e 74/2004, do 25 de marzo, seranlles de aplicación as disposicións reguladoras polas que iniciaron os seus estudos, no que se refire á garantía dos seus dereitos académicos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria