Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 21 de novembro de 2013 Páx. 45388

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de cociñeiro/a e pinche.

Por medio da Resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 15 de febreiro de 2013 (DOG nº 39, do 25 de febreiro), abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de cociñeiro/a e pinche.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 25 de marzo de 2013 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Por medio da Resolución do 6 de xuño de 2013 (DOG nº 112, do 13 de xuño) publicáronse as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as destas categorías estatutarias.

Finalizado o prazo de emenda previsto nesta última resolución, esta dirección xeral, de conformidade coa base sétima da Resolución do 15 de febreiro de 2013, de inicio do prazo de inscrición,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación definitiva de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de inscrición de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas categorías de cociñeiro/a e pinche, iniciado pola Resolución do 15 de febreiro de 2013.

Segundo. As listas definitivas de excluídos/as e a lista definitiva de admitidos/as coa asignación da puntuación provisional e mais o número de orde acadados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sétima da Resolución do 15 de febreiro de 2013, contra a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

As persoas admitidas, con respecto aos resultados da baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto de entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As reclamacións presentadas entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución pola cal se publiquen as puntuacións e a orde de prelación definitivas.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos