Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 21 de novembro de 2013 Páx. 45094

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 20 de novembro de 2013 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 257 millóns de euros.

Con base no artigo 40.3 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda para formalizar operacións de endebedamento mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes no fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade correspóndelle na actualidade á conselleira de Facenda, en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia, regulada polos decretos 227/2012, do 2 de xaneiro, e 235/2012, do 5 de decembro.

Mediante acordos do Consello de Ministros do 18 de xaneiro, 1 de marzo, 19 de abril e 31 de outubro de 2013 outorgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora) por un importe nominal de 257 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións sénior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe nominal da emisión: douscentos cincuenta e sete (257) millóns de euros.

Data da emisión e desembolso: 21 de novembro de 2013.

Data de vencemento: 2 de febreiro de 2017, con suxeición á convención de día hábil seguinte non axustado (following unadjusted).

Prezo de emisión por obrigación: á par (100 % do importe nominal de cada obrigación).

Importe nominal de cada obrigación: cincuenta mil (50.000) euros.

Entidade colocadora: Banco Etcheverría.

Desembolso: o desembolso da emisión das obrigacións será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do Mercado de Débeda Pública en Anotacións.

Cupón: as obrigaciones devindicarán e o emisor pagará un cupón anual por anos vencidos, de acordo coas seguintes regras:

(i) O primeiro período de xuro iniciarase na data de emisión e desembolso e finalizará o 2 de febreiro de 2015.

(ii) Os seguintes períodos de xuro serán anuais e o cupón pagarase o día 2 de cada de mes de febreiro, a partir do 2 de febreiro de 2016 e ata a data de vencemento.

(iii) Cada período de devindicación de cupóns (conxuntamente, os períodos de devindicación de cupóns) vai desde unha data de pagamento de cupóns (inclusive) á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devindicación de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento.

Convención de día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema Target2, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase no día hábil seguinte segundo o calendario do dito sistema.

O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia dese posible atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España o que xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño.

Cotización: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións en conta e inscritas na Sociedad de Gestión de los Sistemas de Registro, Compensación y Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión á negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 y seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, y nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5 de la Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización das obrigacións: as obrigacións serán amortizadas na súa totalidade á par (100 % do importe nominal de cada obrigación), na data de vencemento, o 2 de febreiro de 2017.

Tipo de xuro: o tipo de xuro será o 2,75 % nominal anual.

Os xuros calcularanse sobre a base de cálculo Act/Act, sen axuste ningún de cada período de devindicación de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos, Act/Act ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda realizaraos o Banco de España, de acordo co establecido no Convenio marco do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría y do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidade coas leis españolas.

Xurisdición: os xuíces e tribunais da cidade de Santiago de Compostela teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda