Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 19 de novembro de 2013 Páx. 44685

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de novembro de 2013 pola que se designa novo vogal da Comisión Xestora do Municipio de Oza-Cesuras.

Os municipios de Cesuras e Oza dos Ríos culminaron un pioneiro procedemento de fusión para constituírense nun único municipio, que deu lugar á aprobación do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras.

O citado Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras, na súa disposición adicional establece que, mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, se procederá ao nomeamento dunha Comisión Xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais e cuxo número de membros será igual ao de concelleiros segundo a poboación resultante do novo concello.

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2013 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 10 de xuño, procedeuse á designación dos membros da Comisión Xestora do municipio fusionado de Oza-Cesuras.

Esta comisión constituíuse con data do 14 de xuño de 2013 ás 12.00 horas, como dispón o propio artigo 3 da Orde do 7 de xuño de 2013.

A Comisión Xestora, en sesión extraordinaria do 25 de xuño de 2013 tomou coñecemento da renuncia presentada por dous dos vogais designados, Xoán Manuel Vázquez García e Eva María Rodríguez Rodríguez, e remitiu certificación do acordo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos oportunos.

A Orde do 4 de novembro de 2013 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG nº 218, do 14 de novembro, procede a designar novos vogais da Comisión Xestora do Municipio de Oza-Cesuras como consecuencia da renuncia presentada por Xoán Manuel Vázquez García e Eva María Rodríguez Rodríguez. Os novos membros da Comisión Xestora, aplicando os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas, foron Víctor Manuel Sánchez Vázquez e María del Carmen Lesta Rodríguez.

Con posterioridade a este nomeamento constatouse que Víctor Manuel Sánchez Vázquez tiña presentada a renuncia con anterioridade a constitución da Corporación Municipal de Oza dos Ríos, polo que nunca chegou a ser concelleiro e non reunía, polo tanto, os requisitos necesarios para ser nomeado vogal da Comisión Xestora. Aínda que encabezaba a lista do BNG ás eleccións municipais celebradas no ano 2011, non era concelleiro no momento de entrada en vigor do decreto de fusión.

A seguinte persoa na lista do BNG con dereito a acceder a ser vogal sería Edita Míjez Fraga, pero atópase nunha situación idéntica ao anterior, xa que tamén presentou a súa renuncia antes da constitución da Corporación de Oza dos Ríos e, polo tanto, non chegou a ser nomeada concelleira e non reúne os requisitos para ser vogal da Comisión Xestora.

O número 3 na lista do BNG de Oza dos Ríos, Estefanía Busto Dopazo, sería a seguinte candidata para ser nomeada vogal da Comisión Xestora do Municipio de Oza-Cesuras ao asignárselle o cociente pertencente ao número 1 do BNG de Oza dos Ríos, xa que é a seguinte da lista que cumpre os requisitos por ser efectivamente concelleira na data de entrada en vigor do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos.

A designación do novo vogal faise seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados.

Para esta designación débense tomar os cocientes de cada formación e cada concelleiro efectivamente no desempeño do seu cargo no momento de entrada en vigor do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras e repártense de maior a menor, asignándolles un número na lista ata chegar ao número total de vogais.

En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia, e dándolle cumprimento ao establecido na disposición adicional do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto desta orde a designación dun novo membro da Comisión Xestora do Municipio de Oza-Cesuras en substitución de Víctor Manuel Sánchez Vázquez, que presentou a súa renuncia con anterioridade á constitución da corporación municipal de Oza e, polo tanto, non chegou a ser concelleiro.

Artigo 2. Designación dun novo membro da Comisión Xestora

O novo membro da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras en substitución do designado Víctor Manuel Sánchez Vázquez será:

– Estefanía Busto Dopazo

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza