Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 18 de novembro de 2013 Páx. 44558

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de novembro de 2013 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle os obxectivos formulados pola Unión Europea para que as linguas sexan un medio para a construción da cidadanía europea, co fin de favorecer a mobilidade entre as persoas e o intercambio cultural e lingüístico.

Os decretos polos que se establecen os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria outórganlle especial importancia ao desenvolvemento da competencia comunicativa tanto da lingua propia como das linguas estranxeiras.

A Orde do 12 de maio de 2011 regula os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia.

A Orde do 12 de maio de 2011 regula as seccións bilingües en Galicia en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Ao abeiro do Plan de potenciación de linguas estranxeiras e dentro do marco das actuacións que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento do plurilingüismo nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, unha das liñas prioritarias é a dotación de auxiliares de conversa aos centros plurilingües e a aqueles que dispoñen de seccións bilingües. No caso dos devanditos centros de titularidade pública, visto que tras o aumento do número de auxiliares segue a darse máis demanda, estes centros recibirán unha nova dotación de auxiliares o vindeiro curso 2013/14. Por tanto, e debido tamén ao continuo aumento de centros concertados plurilingües ou con seccións bilingües, vólvense convocar axudas á contratación de persoas nativas para o apoio á docencia en lingua estranxeira do alumnado galego.

De acordo co anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

DISPÓN:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados de educación primaria e secundaria para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.482.0, por un importe máximo de 204.000 €, distribuídos da seguinte forma: 68.000 € con cargo ao orzamento do ano 2013 e 136.000 € con cargo ao orzamento de 2014.

2. A contía da axuda determinarase en función da puntuación obtida no proxecto presentado de acordo cos criterios de valoración establecidos nos artigos 7 e 8 desta orde.

Sección 2ª. Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán ser utilizadas para os seguintes conceptos:

a) A contratación de auxiliares de conversa que realizarán funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro educativo.

b) A compra de material específico que sexa necesario para o desenvolvemento das clases de conversa, de carácter ordinario non inventariable. Para a compra de material non poderá superarse o 10 % da axuda concedida.

Artigo 4. Requisitos do centro e da persoa auxiliar

Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter en funcionamento seccións bilingües ou ser centros plurilingües.

2. Contratar unha persoa auxiliar de conversa que teña como lingua materna a lingua vehicular estranxeira de aula e que posúa unha diplomatura, licenciatura ou equivalentes, ou estudantes universitarios no seu último curso académico.

3. Formalizar un contrato coa persoa auxiliar de conversa cunha duración non inferior a sete meses.

O contrato pode ser tanto laboral como mercantil.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de abrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sección 3ª. Solicitude e prazos

Artigo 5. Documentación

As solicitudes faranse no modelo que se xunta como anexo desta orde e achegarase a seguinte documentación:

1. Un proxecto en que se faga constar, como mínimo, a seguinte información:

a) Razóns que motivan a contratación.

b) Actividade/s que desenvolverán as persoas auxiliares de conversa.

c) Número de alumnos e alumnas, por curso e nivel educativo, que serán atendidos polas persoas auxiliares de conversa contratadas.

d) Datas de inicio e finalización do contrato. En todo caso, o período de inicio e finalización estará comprendido entre o 1 de setembro de 2013 e o 30 de xuño de 2014.

e) Horario semanal da persoa auxiliar no centro.

2. Anexo II cuberto e asinado.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, despois de cubrir en liña a solicitude accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https: //sede.xunta.es. A solicitude, unha vez gardada e impresa, deberá estar asinada pola persoa representante do centro solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla da solicitude para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sección 4ª. Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 7. Criterios de valoración

1. Para a baremación da documentación presentada teranse en conta os seguintes criterios:

a) Número total de horas semanais de apoio da persoa auxiliar contratada, ata 6 puntos:

– Ata 12 horas, 2 puntos.

– Ata 24 horas, 4 puntos.

– Máis de 24 horas, 6 puntos.

b) Número de alumnos/as con apoio de auxiliar en todo o centro, ata 5 puntos:

– Ata 25 alumnos, 1 punto.

– De 26 a 50 alumnos, 2 puntos.

– De 51 a 100 alumnos, 3 puntos.

– Máis de 100 alumnos, 5 puntos.

c) Centro plurilingüe, 6 puntos.

d) Seccións bilingües no centro, ata 3 puntos:

– 1 ou 2 seccións, 1 punto.

– De 3 a 5 seccións, 2 puntos.

– Máis de 5 seccións, 3 puntos.

e) Número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro, ata 3 puntos:

– De 10 a 30 alumnos, 1 punto.

– De 31 a 180 alumnos, 2 puntos.

– Máis de 180 alumnos, 3 puntos.

2. En caso de empate, os desempates resolveranse aplicando sucesivamente os seguintes criterios:

a) Alínea a): maior número de horas semanais de apoio.

b) Alínea e): maior número de alumnos/as pertencentes a un grupo de sección bilingüe e/ou aula plurilingüe.

Artigo 8. Dotación económica por puntuación

1. Segundo a puntuación acadada polo proxecto, concederanse as seguintes subvencións:

– Proxectos cunha valoración de 14 ou máis puntos, 6.000 €.

– Proxectos cunha valoración de 13 puntos, 5.500 €.

– Proxectos cunha valoración de 12 puntos, 5.000 €.

– Proxectos cunha valoración de 11 puntos, 4.500 €.

– Proxectos cunha valoración de 10 puntos, 4.000 €.

– Proxectos cunha valoración de 9 puntos, 3.500 €.

– Proxectos cunha valoración de 8 puntos, 3.000 €.

2. Os centros con proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 8 puntos quedan excluídos.

3. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas no artigo 2 desta orde, poden non recibir subvención entidades que alcancen unha puntuación superior á mínima.

4. O máximo da axuda para a contratación dunha persoa auxiliar de conversa non superará os 6.000 €.

5. Nunca se concederá axuda para a contratación de máis dun auxiliar de conversa por centro educativo.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A valoración das solicitudes realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– Vogais: catro vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa

– Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sección 5ª. Resolución

Artigo 10. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es a proposta de resolución provisional, co asignado a cada centro, contra a cal se poderán formular alegacións e achegar os documentos que se consideren pertinentes.

Artigo 11. Resolución definitiva

1. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os solicitantes poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

5. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 12. Renuncias

1. Os centros poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes ao da publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renuncia á axuda despois deste prazo, non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Sección 6ª. Pagamentos

Artigo 13. Pagamento bianual

1. O pagamento da axuda farase efectivo en dous prazos, mediante transferencia bancaria na conta corrente do centro educativo. O primeiro pagamento, ata un máximo do 33,33 % da axuda, farase efectivo no ano 2013, e o segundo, correspondente ao resto da axuda concedida e ata un máximo do 66,67 %, farase ao remate do mes de setembro de 2014.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Artigo 14. Documentación

1. Para cada pagamento, o centro concertado terá que presentar:

a) Facturas a nome do centro.

b) Nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas no ano 2013, para o primeiro pagamento, e en 2014, para o segundo.

c) Xustificación bancaria de que o pagamento do seu importe foi efectuado á persoa auxiliar.

d) Anexo II cuberto e asinado.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para o primeiro pagamento, o centro presentará, xunto co citado no punto 1 deste artigo 14 e antes do 21 de decembro de 2013, a seguinte documentación:

– Un documento acreditativo conforme a persoa auxiliar de conversa ten como lingua materna a lingua vehicular estranxeira de aula e un documento acreditativo dos estudos universitarios da persoa auxiliar de conversa.

4. Para o segundo pagamento, o centro presentará, xunto co citado no punto 1 deste artigo 14 e antes do 8 de setembro de 2014, a seguinte documentación:

– Unha memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no punto 3 do artigo 4 desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación da declaración incluída no anexo desta orde, o beneficiario ten a obriga de achegar novamente unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Seguimento da actividade da persoa auxiliar de conversa

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará o seguimento do proxecto subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento a Inspección Educativa realizará como mínimo dúas visitas, unha en 2013 e outra en 2014. Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e, unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe que servirá para a posterior avaliación do aproveitamento da subvención.

Artigo 16. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e máis os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file