Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 8 de novembro de 2013 Páx. 43676

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convoca o Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, curso 2013/2014.

Conforme o seu Estatuto de autonomía, artigo 27.22º, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do ocio, competencia, en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Nesta lei, que ten por obxecto establecer un marco xeral para o desenvolvemento e organización da actividade física e deportiva, desde unha concepción integral dela, entendendo o deporte como todo tipo de exercicio físico, cunha práctica organizada ou non, pero cunha finalidade de mellora da condición física, psíquica, das relacións sociais e/ou o logro de resultados en competición de todos os niveis. O deporte é considerado de interese público, atendendo á función que desempeña na nosa sociedade, en especial nos ámbitos da educación, a formación, a cultura, a saúde pública, na cohesión social e tamén no respecto ao ambiente, o que fai necesario a concepción dun novo modelo deportivo galego. Un modelo que facilite, neste caso aos escolares galegos, diferentes prácticas e actividades que atendan ás diferentes necesidades destes desde o dereito de todos a coñecer e practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e non discriminación ningunha.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción, ordenación e organización do deporte en idade escolar, así como definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis (título II, artigo 5.n).

Paralelamente, o artigo 24.2º establece que «a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto, poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se consideren oportunos».

Correspóndelle á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar como queda establecido no artigo 24.4º da actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Para o mellor exercicio destas competencias, tal e como se establece no artigo 6 desta lei, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva, como poden ser as federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares entre outras, no desenvolvemento do programa de Xogos Galegos Deportivos en idade escolar, desde aquí en adiante, Xogade.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar para o curso 2013/2014 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (www.deporte.xunta.es).

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013

Por desconcentración (Decreto 88/2013)
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO
Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos), en idade escolar, curso 2013/2014

1. Actividades.

O programa Xogade nacido na tempada 2009-2010 con dúas actividades, segue medrando ano a ano co obxectivo de promover e fomentar a práctica de actividade física na poboación escolar galega ao abeiro do Plan galicia saudable da Xunta de Galicia.

Poderán inscribirse neste programa os centros de ensino, ANPAS, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións etc., que o desexen, pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

As actividades do programa para a tempada 2013/2014 son:

– Actividade deportiva escolar.

– Actividade deportiva federada.

– Actividades lúdicas.

– Coñece o meu club.

– Educación, deporte e valores.

– Xogos populares.

– «Móvete +».

– Xogando co vento.

A canle de comunicación oficial será a web xogade.xunta.es, onde se atopa a aplicación para realizar a inscrición no programa Xogade. Á web de Xogade poderase acceder tamén a través da páxina web da Secretaría Xeral para ou Deporte: deporte.xunta.es

1.1. Actividade deportiva escolar.

A) A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais de deportes.

Para esta organización poderá contar coa colaboración das agrupacións deportivas de zona, clubs, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada que, desde a Secretaría Xeral e os servizos provinciais de deporte se estime conveniente.

B) As modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar serán: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sóftbol, campo a través, duatlón, fútbol sala, orientación, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

C) Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados 2005-2004; alevín: nados 2003-2002; infantil: nados 2001-2000 e cadete: nados 1999-1998. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na páxina web oficial.

D) Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte disporá dun seguro de accidente deportivo gratuíto durante o período de duración da actividade, para todos os escolares participantes, os seus técnicos, adestradores ou profesores responsables, que cubrirá a asistencia nos centros concertados ao longo da competición, así como nos adestramentos e desprazamentos ás distintas competicións e eventos que estean dentro da actividade deportiva escolar do programa Xogade.

E) Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará de forma gratuíta, a través dos seus servizos de deportes provinciais, sempre que estes o estimen necesario para a participación na actividade, un servizo de transporte gratuíto.

F) O desenvolvemento das actividades deportivas escolares será, en xeral, en dúas fases: zonal (previas) e provincial, salvo na modalidade de campo a través que contará cunha terceira fase, a autonómica. A Secretaría Xeral para o Deporte adaptaraas segundo as categorías e o número de participantes.

G) Os regulamentos de xogo, sancións, recursos etc. serán os que figuran nas bases xerais e normas técnicas de cada deporte.

H) O réxime disciplinario e o seu procedemento quedará adaptado baixo os comités de competición provincial, encabezados por cada servizo provincial de deporte.

I) A participación nesta actividade deportiva será totalmente gratuíta.

1.2. Actividade deportiva federada.

A) A organización desta actividade será competencia das federacións galegas, no cumprimento das súas funcións de promoción das súas modalidades deportivas así como da organización de competicións oficiais autonómicas, establecidas no artigo 56, sección 3ª, cap. II de entidades deportivas da Lei 3/2012, do 2 de abril, «organizarán a competición deportiva federada en idade escolar», tendo sempre en conta a obriga de cumprimento establecida para estas entidades no convenio anual coa Secretaría Xeral para o Deporte.

B) As modalidades dispostas na actividade deportiva federada serán: baloncesto, balonmán, fútbol sala, judo, loita olímpica, natación, natación sincronizada, patinaxe artístico, taekwondo, triatlón, voleibol, ximnasia rítmica.

C) Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados 2005-2004; alevín: nados 2003-2002; infantil: nados 2001-2000 e cadete: nados 1999-1998. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas.

D) O desenvolvemento das actividades deportivas escolares será, en xeral, en tres fases: zonal (previas), provincial e autonómico.

E) Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará gratuitamente, o seguro de accidente deportivo asociado á licenza da federación correspondente, necesaria para a participación, en cada unha das modalidades tanto para os escolares participantes, como para os seus técnicos, ou adestradores responsables.

F) Así tamén facilitará o servizo de transporte e arbitraxes na medida e forma establecida na propia normativa xeral do programa Xogade que se publicará na web www.xogade.xunta.es

G) Os regulamentos de xogo, as sancións, os recursos e o réxime disciplinario dependerán do establecido para cada modalidade pola federación galega correspondente.

1.3. Actividades lúdicas.

A) As actividades lúdicas teñen como obxectivo principal o achegamento dos escolares a diferentes modalidades deportivas empregando o xogo, dentro do propio centro escolar.

B) As actividades realizaranse nunha xornada en horario lectivo e levaranas a cabo técnicos da federación correspondente, cos materiais necesarios.

C) Estarán dispoñibles para primaria, secundaria e bacharelato segundo o establecido na normativa xeral de Xogade para cada unha das modalidades.

D) As modalidades e actividades deportivas convocadas son: rugby na escola, bádminton na escola, baile deportivo, béisbol e sófbol, judo na escola, loita olímpica na escola, orientación na escola, taekwondo na escola, triatlón na escola, voleibol na escola, xadrez na escola, esgrima na escola, colombofilia na escola, ximnasia na escola e espeleoloxía na escola.

E) Os centros escolares poderán solicitar un máximo de tres actividades e serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Posibilidade xeográfica de realización.

– Repartición equitativa (solicitudes por provincia).

– A non realización da actividade en anos anteriores.

1.4. Coñece o meu club.

A) Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte poderán solicitar esta actividade para facilitar aos diferentes centros educativos da súa localidade que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade «Coñece o meu club».

B) Nesta actividade técnicos do club, por decisión dos centros escolares (segundo os datos recollidos na web www.xogade.xunta.es na aplicación de inscricións), visitarán os centros para facer unha presentación do seu deporte, explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...), co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa localidade.

C) O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na páxina web oficial. O club terá a responsabilidade de asegurarse que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste para os efectos oportunos de posibles subvencións.

1.5. Educación, deporte e valores.

A) O obxecto desta actividade é traballar valores que ten de seu o deporte como o traballo en equipo, o respecto polo compañeiro, a delegación de tarefas, a corresponsabilidade, o esforzo en favor dun obxectivo común, o fomento da superación persoal..., valores todos eles que poden ser aplicables a todos os ámbitos dos nenos.

B) Actividade consistirá nunha exposición itinerante polos centros educativos con material didáctico salientando os seguintes valores do deporte: respecto, igualdade, esforzo, non violencia, cooperación, diversión, xogo limpo, tolerancia e responsabilidade persoal.

C) Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Proximidade con outros centros solicitantes.

– Repartición equitativa (nas diferentes provincias).

– A non realización desta actividade en anos anteriores.

1.6. Xogos populares.

A) A Secretaría Xeral para o Deporte, de acordo co artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da comunidade autónoma, establece a actividade de xogos tradicionais e populares cara á contribución do arraigo destes nos escolares galegos.

B) Os servizos de deporte provinciais cederán ao centro educativo durante unha semana un lote de material en concepto de préstamo: expositores para colocar no centro escolar, baúl de xogos así como fichas explicativas de cada xogo.

C) Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Proximidade con outros centros solicitantes.

– Repartición equitativa.

– A non realización desta actividade en anos anteriores.

1.7. «Móvete +».

A) A Secretaría Xeral para o Deporte pon en marcha esta nova actividade «Móvete +» dirixida a todos os escolares de Galicia. Trátase de promover a actividade física a través dunha acción de carácter lúdico, transversal, divertida e, ao mesmo tempo, sumar máis cantidade de exercicio físico para achegarnos ao que recomenda a Organización Mundial da Saúde.

B) «Móvete +» está baseado nunha composición musical e coreográfica orixinal, «Móvete +» é o novo himno do Plan Galicia saudable (http://galiciasaudable.xunta.es) que ten como obxectivo difundir entre a comunidade educativa e, por extensión, á sociedade galega, os principais valores do Plan Galicia saudable.

C) A acción desenvolverase nos tempos de lecer dos escolares, como recreos ou outros como o programa «madrugadores», antes ou despois do comedor, ou a espera doutras actividades extracurriculares.

D) A actividade conta cun material didáctico e está estruturada para que o profesorado poida integrala nas clases das materias que estimen oportunas.

1.8. Xogando co vento.

A) A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o disposto no artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación e respecto do ambiente e a sustentabilidade, crea para este curso escolar unha nova actividade para dar cabida a diferentes proxectos postos en marcha en diferentes puntos da nosa xeografía, coa finalidade de achegar os escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como é o mar e a través da práctica da modalidade deportiva de vela.

B) O denominador común destes proxectos será o emprego do mar, do vento e da vela como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas, contidos transversais entre diferentes áreas sen deixar de promover e fomentar a actividade física na súa vida cotiá.

2. Seguro federado de 6 a 16 anos.

2.1 A Secretaría Xeral para o Deporte facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 anos independentemente da súa modalidade deportiva. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

2.2 A inscrición dos deportistas neste seguro deberá ser realizada polas diferentes fede-racións no momento de tramitación da licenza e a través da paxina web xogade.xunta.es, na aplicación de inscricións.