Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 7 de novembro de 2013 Páx. 43635

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza o proxecto de desmantelamento da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros (tramos non afectados pola repotenciación a 220 kV), nos termos municipais de Santiago de Compostela, Arzúa e Touro (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra), promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2013/39).

Despois de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 7.3.2008 esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou administrativamente, se aprobou o proxecto de execución e se declarou a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica denominada liña eléctrica de alta tensión (LAT) 220 kV San Caetano-Portodemouros, nos termos municipais de Santiago de Compostela, Boqueixón, Touro e Arzúa (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra), promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 001/2005-DXIEM AT).

En relación con esta infraestrutura eléctrica, o 2.11.2009 esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución denominado anexo ao proxecto LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros (variante soterrada entre os apoios 21 e 34), no termo municipal de Touro.

A citada infraestrutura eléctrica ten por obxecto a repotenciación da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros, mediante o incremento da súa tensión a 220 kV e mantendo o mesmo trazado (salvo nos tramos soterrados e nas variantes do tramo aéreo). Esta liña aero-soterrada a 220 kV, con saída desde o pórtico da subestación de Portodemouros e remate nunha posición GIS da subestación de San Caetano, está constituída polos seguintes tramos:

– Tramo aéreo circuíto simple dúplex entre o pórtico da subestación de Portodemouros e o apoio nº 21.

– Tramo soterrado simple circuíto entre os apoios nº 21 e 34.

– Tramo aéreo simple circuíto entre os apoios nº 34 e 131.

– Tramo soterrado simple circuíto entre o apoio nº 131 e a posición liña GIS na subestación de San Caetano.

Segundo. O 24.2.2010 esta dirección xeral ditou resolución pola que se autorizou o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para o proxecto denominado LAT 220 kV San Caetano-Portodemouros de Unión Fenosa Distribución, S.A. a favor de Red Eléctrica España, S.A.U.

Terceiro. O 13.3.2013 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de desmantelamento de diversos tramos da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros, acompañada do proxecto de desmantelamento e do estudo de xestión de residuos.

Segundo consta na solicitude e no proxecto, unha vez finalizada a repotenciación da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros e a posta en servizo a 220 kV, cómpre proceder á desmontaxe daqueles tramos da liña 66 kV onde non se conservou o trazado para a nova LAT 220 kV (expediente IN407A 001/2005-DXIEM AT). En consecuencia, preténdese desmontar un total de 54 apoios, así como os condutores dos tramos seguintes:

– Tramo entre os apoios nº 1 e 10 da LAT 220 kV, correspondente co tramo entre os apoios nº 145 e 137 da LAT 66 kV, nos termos municipais de Vila de Cruces e Arzúa.

– Tramo entre os apoios nº 21 e 34 da LAT 220 kV, correspondente co tramo entre os apoios nº 125 e 112 da LAT 66 kV, no termo municipal de Touro.

– Tramo entre os apoios nº 55 e 72 da LAT 220 kV, correspondente co tramo entre os apoios nº 92 e 75 da LAT 66 kV, no termo municipal de Touro.

– Tramo entre a subestación de San Caetano e o apoio nº 131 da LAT 220 kV, correspondente co tramo entre os apoios nº 15 e 1 da LAT 66 kV, no termo municipal de Santiago de Compostela.

Cuarto. O 20.5.2013 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería emitiron informe en que se conclúe que non se atopan criterios técnicos nin administrativos para emitir informe desfavorable sobre o devandito desmantelamento.

O 13.6.2013 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña desta consellería emitiron informe favorable sobre a dita solicitude de desmantelamento.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 40 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, o peche de instalacións de distribución de enerxía eléctrica requirirá autorización administrativa, cuxo procedemento vén regulado nos artigos 135 a 139 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A retirada da instalación vén recollida no artigo 155 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, como unha das causas de extinción da servidume de paso establecida para a execución dunha instalación eléctrica.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar o proxecto de desmantelamento da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros (tramos non afectados pola repotenciación a 220 kV), nos termos municipais de Santiago de Compostela, Arzúa e Touro (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra), promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2013/39).

2. Extinguir a servidume de paso constituída nos tramos que se pretende desmantelar.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. O desmantelamento que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A., titulado proxecto de desmantelamento e estudo de xestión de residuos da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920 do Colexio Nacional de Enxeñeiros de ICAI) e visado por este colexio, na súa Delegación de Galicia, con nº 0069/13 e data 27.2.2013.

Segunda. Durante a execución do proxecto cumpriranse as condicións técnicas e de seguridade dispostas nos regulamentos vixentes que lle sexan de aplicación.

Así mesmo, deberanse cumprir os condicionantes sobre xestión de residuos e outros que sexan de aplicación, establecidos no anexo das decisións da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 30.12.2004 e 29.8.2006, sobre a cualificación ambiental da repotenciación a 220 kV da LAT 66 kV San Caetano-Portodemouros.

Terceira. O prazo para o desmantelamento das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da notificación da presente resolución. Se transcorrido o dito prazo non se realizase, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado este desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante as xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra desta consellería, quen deberán estendelas logo das comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Cuarta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Quinta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas