Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 5 de novembro de 2013 Páx. 43195

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican as listas provisionais de admitidas/os e excluídas/os para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de enfermeiro/a especialista do traballo e enfermeiro/a especialista de saúde mental.

Por Resolución do 21 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG nº 186, do 28 de setembro), abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes en listas para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade de varias categorías estatutarias, e, entre elas, as de enfermeiro/a especialista do Traballo e enfermeiro/a especialista de Saúde Mental.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 31 de outubro de 2012 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e verificados os datos correspondentes aos requisitos das persoas solicitantes, esta dirección xeral, de conformidade coa base décima da resolución de inicio do prazo de inscrición (DOG nº 186, do 28 de setembro de 2012),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidas/os e excluídas/os nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de enfermeiro/a especialista do Traballo e enfermeiro/a especialista de Saúde Mental.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidas/os e excluídas/os en cada unha das categorías atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado pola/o solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir ás direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e direccións con competencias en xestión do persoal no suposto das entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación neste proceso, non consten como admitidas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo as/os admitidas/os e excluídas/os.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado nesta resolución, non emenden o/s defecto/s motivo da exclusión, serán definitivamente excluídas da participación neste proceso de selección.

Cuarto. As persoas que formalizasen a súa solicitude de inscrición nas listas correspondentes a estas categorías con posterioridade ao 31 de outubro de 2012 incluiranse na relación de admitidos/excluídos do seguinte proceso de xeración de listas que se efectúe.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos