Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 31 de outubro de 2013 Páx. 42677

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 162/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade de treitos antigos na estrada AC-862 (Ferrol-límite provincia) e na AC-110 (As Felgosas-Espiñaredo) a prol do concello de Moeche.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

O Concello de Moeche solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de restos antigos das estradas AC-862 e da AC-110.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos illados como consecuencia das obras realizadas nas estradas AC-862 (Ferrol-límite provincia ) e na AC-110 (As Felgosas-Espiñaredo) a prol do Concello de Moeche.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de outubro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Moeche dos treitos antigos das seguintes estradas:

– Estrada autonómica AC-862 (Ferrol-límite provincia):

• p.q.: 24+452 ao p.q.: 24+633 MD.

• p.q.: 24+663 ao p.q.: 24+740 ME.

– Estrada autonómica AC-110 (As Felgosas-Espiñaredo):

• p.q.: 3+037 ao p.q.: 3+460 ME.

• p.q.: 3+560 ao p.q.: 3+710 MD.

• p.q.: 3+795 ao p.q.: 3+923 MD.

• p.q.: 4+244 ao p.q.: 4+523 ME.

• p.q.: 7+824 ao p.q.: 8+037 MD.

• p.q.: 8+050 ao p.q.: 8+238 ME.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Moeche deberá incorporar ao seu plan de estradas os viais aos que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega dos viais formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Moeche, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas