Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 22 de outubro de 2013 Páx. 41635

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 158/2013, do 3 de outubro, de aprobación definitiva da modificación puntual das Normas subsidiarias municipais de Maside, na rúa Outeiro Grande e o seu contorno.

1. O Concello de Maside, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, remite documentación relativa ao expediente de referencia en solicitude da súa aprobación definitiva, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da LOUG.

2. O Concello de Maside dispón actualmente de Normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 29 de outubro de 1985.

3. O 12 de abril de 2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual, decisión publicada no DOG núm. 93, do 16 de maio.

4. Constan informe técnico, do 2 de maio de 2012, e xurídico, do 6 de maio de 2012, favorables respecto da conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente e da calidade técnica da ordenación proxectada.

5. O 31 de maio de 2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual cunha serie de consideracións.

6. Constan novos informes municipais técnico e xurídico, do 10 de agosto de 2012.

7. O Pleno municipal, en sesión ordinaria celebrada o 17 de agosto de 2012, aprobou inicialmente a modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento municipal na rúa Outeiro Grande e o seu contorno, e someteuna a información pública durante o prazo de dous meses mediante anuncios que se publicaron nos xornais La Región e La Voz de Galicia, o 24 de agosto de 2012, e no DOG núm. 174, do 12 de setembro.

8. O 19 de setembro de 2012 deuse audiencia aos concellos limítrofes –San Cristovo de Cea, San Amaro, Punxín, Amoeiro e O Carballiño–, sen que, segundo certificación do secretario do Concello do 8 de febreiro de 2013, ningún deles presentase escrito de alegacións.

9. Consta informe favorable, do 26 de setembro de 2012, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Unidade de Ourense do Ministerio de Fomento.

10. Consta informe favorable, do 10 de xaneiro de 2013, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

11. Segundo certificación do secretario municipal do 31.1.2013, durante a exposición ao público da modificación puntual non se produciu contra ela reclamación ningunha.

12. Con data do 19 de setembro de 2012 solicitouse informe a Augas de Galicia, sen que, segundo certificación do secretario do Concello fose remitido.

13. O Pleno municipal, en sesión ordinaria celebrada o 30 de xaneiro de 2013, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

14. O 16 de maio de 2013 o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ditou orde de non outorgar a aprobación definitiva da modificación puntual, e sinalou unha serie de deficiencias para emendar.

15. O Pleno municipal, en sesión ordinaria celebrada o 26 de xuño de 2013, aprobou as correccións da modificación puntual.

16. O 9 de agosto de 2013 o Concello de Maside achega tres exemplares do documento refundido da modificación puntual coa dilixencia da aprobación provisional.

17. O ámbito de actuación é un asentamento xurdido á marxe do planeamento arredor da rúa Outeiro Grande, contiguo ao núcleo urbano de Maside capital, que afecta dúas zonas separadas conectadas pola citada rúa, situadas segundo as NSP vixentes en solo non urbanizable (actualmente solo rústico) e en solo non urbanizable de especial protección (rústico de especial protección). A superficie total do ámbito é de 9.017 m2.

18. O obxecto da modificación puntual é a reclasificación do ámbito como solo urbanizable, conforme o establecido na disposición transitoria décimo terceira da LOUG, relativa a asentamentos xurdidos á marxe do planeamento, nos termos da Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da LOUG, afectando ao ámbito antropizado onde se atopa xa implantado o asentamento, para integralo e ordenalo no planeamento vixente.

19. Coa modificación puntual pasan a ser solo urbanizable delimitado 7.602 m2 de solo non urbanizable (solo rústico) e 1.415 m2 de solo non urbanizable de especial protección (solo rústico de especial protección). A modificación puntual corrixida establece a ordenación detallada do sector co contido e determinacións dun plan parcial, de maneira que se poida executar directamente sen necesidade dun plan de desenvolvemento.

20. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión de 18.9.2013, emitiu informe favorable sobre a modificación puntual, conforme o previsto nos artigos 95.2 e 95.4 da LOUG.

De conformidade co disposto no artigo 95.4 da LOUG, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións de planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, logo do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo, emitido na sesión do 18.9.2013.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 18.9.2013, así como por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de outubro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar definitivamente a modificación puntual das Normas subsidiarias municipais de Maside, na rúa Outeiro Grande e o seu contorno, para os efectos do previsto nos artigos 95.2 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Disposición derradeira. Recursos

Segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra el poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, tres de outubro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas