Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 18 de outubro de 2013 Páx. 41446

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2013 pola que se somete a información pública o proxecto construtivo de execución da obra hidráulica de abastecemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial da central de Meirama, fase I (Cerceda-A Coruña).

Augas de Galicia está a tramitar o expediente de declaración de interese da Comunidade Autónoma da obra de abastecemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial da central de Meirama. Fase I. Cerceda (A Coruña), de conformidade co disposto no artigo 13 do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Este proxecto de abastecemento, que non se atopa incluído no Plan hidrolóxico para a demarcación hidrográfica de Galicia-costa, comprende a execución de toma de auga, falso túnel, cámara de válvulas, túnel que comunique o novo lago de Meirama co río Barcés e obra de restitución, reforzando o sistema de abastecemento da área metropolitana da Coruña cun volume adicional de regulación de 24 hm3.

A actuación hidráulica e cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 3 (medio ambiente, contorno natural, recursos hídricos e prevención de riscos), tema prioritario ou medida 45 (xestión e distribución de auga potable), actuación 3.45.2 (renovación, mellora, optimización e desenvolvemento de novas infraestruturas de abastecemento tales como presas, pequenos encoros, captacións, depósitos reguladores, estacións de tratamento de augas potables, redes de distribución e sistemas de automatización e control).

Considerando o exposto, ao abeiro da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, e segundo o disposto no artigo 13.c) do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Someter, polo prazo de 30 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación do presente anuncio de información pública no Diario Oficial de Galicia, o proxecto de abastecemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial da central de Meirama. Fase I. Cerceda (A Coruña), de clave OH.115.1072, para os efectos da declaración de interese da comunidade autónoma e a aprobación do proxecto.

O documento técnico pode consultarse, durante o prazo anteriormente sinalado, nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, nº 18, baixo, en Santiago de Compostela (A Coruña) e na páxina web augasdegalicia@xunta.es

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2013

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia