Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 16 de outubro de 2013 Páx. 40907

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 157/2013, do 3 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de alarga e mellora da E.P. 2404, acceso a Chenlo (concello do Porriño).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 2 de agosto de 2013, aprobou o proxecto de obras de alarga e mellora da E.P. 2404, acceso a Chenlo (concello do Porriño) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a Deputación e o informe do técnico provincial, a finalidade da actuación proxectada sobre a estrada provincial E.P. 2404 é mellorar a seguranza viaria a través da alarga e mellora do trazado actual.

A xustificación do proxecto vén dada a causa de que a sección transversal da estrada nas zonas poboadas ten na súa maior parte un largo insuficiente, que contrasta co tramo interurbano xa acondicionado. Trátase, por tanto, de homoxeneizar a sección en toda a estrada, polo que se actúa unicamente nas dúas zonas onde a vía discorre por núcleos de poboación. Para iso realizaranse alargas en zonas puntuais da calzada, ademais de mellorar a seguranza viaria mediante a incorporación de sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de outubro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras alarga e mellora da E.P. 2404, acceso a Chenlo (concello do Porriño), debendo, no seu caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foren necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, tres de outubro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza