Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 15 de outubro de 2013 Páx. 40702

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de setembro de 2013 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Ricardo Pérez y Verdes.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ricardo Pérez y Verdes con domicilio na rúa Manzaneda número 22, en Montrove, Oleiros (A Coruña).

Feitos:

1. Ricardo Pérez y Verdes, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ricardo Pérez y Verdes foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 12 de agosto de 2013, ante a notaria Mónica María Jurjo García, co número de protocolo 2.091, por Ricardo Pérez y Verdes que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– Conservar e recuperar o patrimonio lúdico, cultural e deportivo de Galicia, así como do resto das comunidades do territorio español;

– Contribuír ao coñecemento e interpretación do xogo nun contexto histórico e evolutivo;

-– Fomentar e divulgar os deportes tradicionais e todas aquelas manifestacións lúdicas vinculadas a Galicia;

– Promover a investigación do patrimonio lúdico-deportivo de Galicia, así como do resto das comunidades do territorio español;

– Realizar actividades de formación nas áreas lúdico-deportivas;

– Crear un fondo documental especializado en historia do deporte, educación física, xogos e deportes tradicionais;

– Establecer contactos e intercambios con outras asociacións que participen dos mesmos intereses.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Ricardo Pérez y Verdes, como presidente; María de los Dolores González Roel, como vicepresidenta; Cecilia Martínez Sánchez, como secretaria; e José Luis Fondo Aguiar, Germán Rodríguez Conchado e José Manuel Blanco Aldariz como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de toda as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Ricardo Pérez y Verdes, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 24 de setembro de 2013.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza