Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 11 de outubro de 2013 Páx. 40428

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 156/2013, do 27 de setembro, polo que se aproban as actualizacións de plans de emerxencia exterior de determinadas empresas químicas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, modificado polos reais decretos 119/2005, do 4 de febreiro e 948/2005, do 29 de xullo, establece no seu artigo 11 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior das industrias afectadas polo artigo 9 do citado real decreto.

O Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, establece que é a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil (actualmente Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificado por Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda da Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil, e serán homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil. Segundo o artigo 77 do dito decreto, a aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Os plans de emerxencia exterior das empresas Foresa (Caldas de Reis), Foresa (Vilagarcía de Arousa) e Forestal del Atlántico-Imegasa (Mugardos) foron aprobados polo Decreto 72/2005, do 7 de abril (DOG núm. 77) e homologados no Pleno da Comisión Nacional de Protección Civil do 24 de febreiro de 2005. O Plan de emerxencia exterior da planta de recepción, almacenamento, regasificación e expedición do gas natural licuado da empresa Regasificadora do Noroeste, S.A. (Mugardos) foi aprobado polo Decreto 144/2007, do 19 de xullo (DOG núm. 147) e homologado no Pleno da Comisión Nacional de Protección Civil do 10 de xullo de 2007.

Tras oito anos de aplicación dos plans de emerxencia exterior das empresas Foresa (Caldas de Reis), Foresa (Vilagarcía de Arousa) e Forestal del Atlántico-Imegasa (Mugardos), é conveniente actualizar e revisar estes documentos para asegurar a súa eficacia.

Doutra banda, toda vez que as empresas Forestal del Atlántico-Imegasa e Regasificadora do Noroeste S.A. están situadas no mesmo polígono industrial, cómpre contar cun só plan de emerxencia exterior, que pasa a denominarse Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro.

O 28 de febreiro de 2012, o Grupo de Traballo da Comisión Permanente da Comisión Galega de Protección Civil, acordou por unanimidade a presentación dos plans á Comisión Galega de Protección Civil.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 6 de maio de 2013, informou favorablemente das actualizacións dos plans de emerxencia exterior de Foresa en Caldas de Reis, Foresa en Vilagarcía de Arousa e os plans de emerxencia exterior de Reganosa e de Forestal del Atlántico-IMEGASA, que se unifican no Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro.

O 14 de xuño de 2013 a Comisión Permanente da Comisión Nacional de Protección Civil procedeu á homologación das actualizacións destes plans.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de vinte e sete de setembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Apróbase a actualización dos plans de emerxencia exterior das seguintes empresas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia:

– Primeira actualización do Plan de emerxencia exterior de Foresa en Caldas de Reis.

– Primeira actualización do Plan de emerxencia exterior de Foresa en Vilagarcía de Arousa.

– Primeira actualización dos plans de emerxencia exterior de Forestal del Atlántico-Imegasa (Mugardos) e da planta de recepción, almacenamento, regasificación e expedición do gas natural licuado da empresa Regasificadora do Noroeste, S.A. (Mugardos) que se unifican nun documento denominado Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro.

Dous. Estes plans de emerxencia exterior atoparanse á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de emerxencias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan nos plans como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que, por criterio da Comisión Galega de Protección Civil, non supoñan a necesidade duna nova homologación dos plans.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este Decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza