Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 30 de setembro de 2013 Páx. 38408

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2013 pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de presentación da documentación xustificativa na Resolución do 2 de setembro pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica (código de procedemento IN107E).

O día 17 de setembro de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 2 de setembro pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia se subministración eléctrica (código de procedemento IN107E).

No artigo 3 da convocatoria establécese que as asociacións teñen como prazo de presentación de solicitudes ata que se esgoten os fondos económicos ou en todo caso ata o 30 de setembro de 2013. Por outra banda, o artigo 15 das bases establece como data límite para presentar a documentación xustificativa das axudas o 30 de novembro de 2013. Tendo en conta a data de publicación no Diario Oficial de Galicia e o avanzado nas datas, motivado todo pola xestión interna e atrasos na tramitación da resolución, considérase necesario ampliar o prazo de presentación de solicitudes e polo tanto o prazo de xustificación das axudas.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o prazo que aparece no artigo 3.3 da Resolución do 2 de setembro pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica (código de procedemento IN107E) do 30 de setembro de 2013 ata 18 de outubro de 2013 (inclusive).

Artigo 2

Amplíase ata o día 20 de decembro de 2013 (inclusive) o prazo para a xustificación das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 2 de setembro pola que se convoca e regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica (código de procedemento IN107E).

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2013

Sol Mª Vázquez Abeal
Presidenta do Instituto Galego de Consumo