Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 23 de setembro de 2013 Páx. 37297

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de setembro de 2013 pola que se estenden aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) determinadas normas orientadas á mellora da comercialización dos rapantes (Lepidorhombus spp.) procedentes do Gran Sol.

O artigo 7 do Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón que no caso de que unha organización de produtores sexa considerada representativa da produción e comercialización nun ou en varios lugares de desembarque e de que o solicite ás autoridades competentes do Estado membro, este poderá decidir facer obrigatorias para os non membros da devandita organización as normas de produción e comercialización decididas pola organización sempre que estas respondan aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) núm. 696/2008 da Comisión, do 23 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, no relativo aos non membros de determinadas normas adoptadas por organizacións de produtores do sector da pesca, profundiza nos requisitos e no procedemento mediante os que debe ser realizada a extensión de normas das OPP aos non membros. No devandito procedemento, destácase a obriga dos Estados membros de notificar sen demora á Comisión Europea as normas que decidisen facer obrigatorias.

O Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, establece, no seu artigo 3, as condicións para o recoñecemento de organizacións de produtores da pesca (OPP) e, no seu artigo 10, recolle a posibilidade de extensión das súas normas conforme o artigo 7 do Regulamento (CE) núm. 104/2000.

A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (en diante, OPPF-4) recoñecida pola Orde do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7 de xullo de 1986, solicitou á Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo cos artigos anteriores, a extensión daquelas normas que adoptaron os seus socios e que estaban orientadas á mellora da comercialización dos rapantes procedentes do Gran Sol, no seu Acordo do 15 de maio de 2013.

A Orde do 5 de xuño de 2012 pola que se estenden aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) determinadas normas orientadas á mellora da comercialización dos rapantes procedentes do Gran Sol, xerou unha serie de beneficios derivados da súa aplicación, á vista dos cales, a OPPF-4 resolveu solicitar unha nova extensión na aplicación de normas.

Na elaboración da presente orde foron consultados os sectores afectados.

Tendo en conta que a materia cuxa extensión se acorda é das relacionadas no artigo 7 do Regulamento (CE) núm. 104/2000, do 17 de decembro de 1999, e considerando que a OPPF-4 é unha organización representativa da produción nos termos previstos no artigo 1 do Regulamento (CE) núm. 696/2008 da Comisión, do 23 de xullo, recoñecida polo extinto Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que a Comunidade Autónoma de Galicia é competente para realizar a devandita extensión, toda vez que as normas que se van estender teñen unha incidencia na ordenación do sector pesqueiro ao mellorar a comercialización dos rapantes.

DISPOÑO:

Primeiro. Mediante esta orde esténdense aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), recoñecida pola Orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 7 de xullo de 1986, as seguintes normas para o cumprimento das medidas orientadas á mellora da comercialización dos rapantes (Lepidorhombus spp.) procedentes do Gran Sol, adoptadas pola citada OPP por Acordo do 15 de maio de 2013.

a) Os desembarques dos rapantes non poderán ser de talla inferior a 25 centímetros.

b) A referida limitación aplicarase aos desembarques das capturas que se realicen polo conxunto da frota de arrastre de Gran Sol nos portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A dita limitación de desembarques soamente se aplicará aos produtores a que se fai extensiva a norma desde a data en que esta orde teña efectos.

Segundo. A duración da aplicación da regra de extensión será dun (1) ano desde a entrada en vigor da presente orde.

Terceiro. Conforme o establecido no número 3 do artigo 7 do Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, comunicarase á Comisión Europea a extensión das normas previstas na presente orde.

Cuarto. As infraccións da presente orde serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Quinto. A presente orde pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, e con carácter previo e potestativo, recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación do DOG, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar.

Sexto. A presente orde entrará en vigor, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) núm. 696/2008, no prazo de oito (8) días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar