Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 23 de setembro de 2013 Páx. 37395

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas da central de Fervenza II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos (A Coruña), promovido por Ferroatlántica, S.A.U.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 9 de abril de 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de efectos ambientais da central hidroeléctrica de Fervenza II, no concello de Dumbría, na provincia da Coruña, considerando o proxecto como ambientalmente viable e establecendo unha serie de condicións.

Segundo. O 8 de xaneiro de 2004, o organismo autónomo Augas de Galicia aprobou unha modificación concesional hidráulica para unha ampliación de caudal de 32.000 l/s do aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza no río Xallas.

Así, o aproveitamento na configuración final estará formado pola presa e polo encoro de Fervenza, onde 16.000 l/s se derivarán para a central de Fervenza I e 32.000 l/s para a nova central de Fervenza II.

Terceiro. O 21 de xuño de 2005, o organismo autónomo Augas de Galicia resolveu aprobar o proxecto construtivo modificado do aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza II.

Cuarto. O 31 de maio de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou administrativamente, aprobou o proxecto de execución, recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial e realizou a inscrición previa no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, da central de Fervenza II, no río Xallas, promovido por Ferroatlántica, S.L.

Quinto. O 21 de xullo de 2011 eleváronse a escritura pública, que constitúe o número 2.009 do protocolo do notario de Madrid Jaime Recarte Casanova, os acordos sociais de transformación da entidade Ferroatlántica, S.L. Sociedade Unipersoal, en Sociedade Anónima Unipersoal.

Sexto. O 2 de febreiro de 2012, o Consello da Xunta acordou aprobar o proxecto sectorial de modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas, Salto de Fervenza II.

Sétimo. O 2 de abril de 2013 (corrección de erros do 9 de abril e do 14 de agosto de 2013), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos, obrigas e condicións asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para as instalacións do aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza II, no río Xallas, a favor de Ferroatlántica, S.A.U.

Oitavo. O 26 de abril de 2013, Ferroatlántica, S.A.U. solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto denominado Aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza II.

Noveno. Pola Resolución do 3 de xuño de 2013, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación das instalacións denominadas Aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza II, no río Xallas, de características:

– Turbina Kaplan, de eixo horizontal para un caudal máximo de 32 m3/s, salto 21,32 metros e potencia nominal de 6.300 kW.

– Un xerador síncrono trifásico de 7.000 kVA de potencia nominal aparente, a 6 kV de tensión e 750 r.p.m.

– Sistema de xeración a 6 kV constituído por cinco (5) celas para neutro, xerador, protección do xerador, saída de transformador de potencia e transformador de servizos auxiliares.

– A enerxía xerada evacuarase conxuntamente coa producida no aproveitamento hidroeléctrico da central e Fervenza I ata unha nova subestación de intemperie, que se construirá nas proximidades da nova central coa finalidade de elevar a tensión ata os 66 kV para, a continuación, evacuar a enerxía á subestación de Ponte Olveira I (expediente IN407A 2005/254-1) que, pola súa vez, vai ser reformada coa finalidade de acadar a suficiente capacidade para dar saída á produción dos aproveitamentos hidroeléctricos. A devandita nova subestación constará, basicamente, de:

• Novo transformador de elevación de potencia, de 12 MVA e relación de transformación 6/66 kV.

• Seccionador e interruptor automático en SF6 tripolares.

• Pararraios autoválvulas.

• Transformador para servizos auxiliares de 100 kVA e tensións 6/0,4-0,23 kV.

• Grupo electróxeno para servizos de emerxencia.

• Instalacións de protección, manobra, sinalización, mando, control, medida, interconexión e posta á terra.

Esta resolución publicouse no DOG nº 119, do 25 de xuño de 2013, no BOP nº 124, do 2 de xullo de 2013, no xornal La Voz de Galicia do 22 do xuño de 2013 e no taboleiro de anuncios do Concello de Dumbría.

Décimo. Durante a fase de información pública, esta dirección xeral non ten constancia de que se recibise ningunha alegación.

Décimo primeiro. O 8 de agosto de 2013 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza II, indicando que non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e entendendo que se deu axeitado cumprimento ao procedemento de tramitación disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, de conformidade coa disposición adicional do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 19 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía.

Segundo. O artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso, correspondéndolle o seu outorgamento á comunidade autónoma segundo o artigo 53.

Terceiro. Ante a ausencia de alegacións e á vista do resto da documentación que consta no expediente, ponse de manifesto que:

Segundo o artigo 52.1 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

O artigo 140 Utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que ten por obxecto establecer o marco normativo en que se teñen que desenvolver as actividades relacionadas co sector eléctrico, baixo o modelo establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico,

dispón:

– Consonte o artigo 52.1 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

– A dita declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando, por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais, sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.

– Para o recoñecemento en concreto da utilidade pública destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

O artigo 143 Solicitude da declaración de utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, determina, nos seus puntos 2 e 3:

«...A solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública, poderá efectuarse ben de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa e/ou de aprobación do proxecto de execución, ben con posterioridade á obtención da autorización administrativa.

A solicitude acompañarase dun documento técnico e anexo de afeccións que conteña a seguinte documentación:

• Memoria xustificativa e características técnicas da instalación.

• Plano de situación xeral, a escala mínima 1:50.000.

• Planos de perfil e planta, con identificación das fincas segundo o proxecto e situación de apoios e voo, de ser o caso.

• Relación das distintas administracións públicas afectadas, cando a instalación poida afectar bens de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, comunidade autónoma e corporacións locais, ou obras e servizos atribuídos ás súas respectivas competencias.

• Relación concreta e individualizada en que se describan, en todos os seus aspectos, material e xurídico, os bens ou dereitos que considere de necesaria expropiación, xa sexa esta do pleno dominio de terreos e/ou de servidume de paso de enerxía eléctrica e servizos complementarios de ser o caso, tales como camiños de acceso ou outras instalacións auxiliares...»

O artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico establece que:

«A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as súas titularidades, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, de conformidade co artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, «no momento do levantamento das actas faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, ou o valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».

O artigo 161 Limitacións á constitución da servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, estipula:

– Non poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortos, tamén pechados, anexos a vivendas, que existen ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión dos hortos e xardíns sexa inferior á media hectárea.

– Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera tipo de propiedades particulares, sempre que se cumpran as condicións seguintes:

– Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da comunidade autónoma, das provincias ou dos concellos, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

– Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra pola propiedade do solicitante da dita variación.

– Que tecnicamente a variación sexa posible.

A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo de informe das administracións ou organismos públicos a que pertenzan ou estean adscritos os bens que resulten afectados pola variante e, de ser o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo da mesma sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Examinado o proxecto, así como os planos parcelarios, non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co exposto

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas da central de Fervenza II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos (A Coruña), promovido por Ferroatlántica, S.A.U., que se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto aproveitamento hidroeléctrico de Fervenza II (expediente IN408A 2005/11-1).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Esta declaración de utilidade pública outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións.

Segunda. A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As instalacións recollidas no expediente IN408A 2005/11-1 serán executadas nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia consonte os artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas