Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Xoves, 19 de setembro de 2013 Páx. 36984

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 146/2013, do 5 de setembro, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Oubiña, 2º sector (Cambados-Pontevedra).

A parroquia de Oubiña está situada no municipio de Cambados e nela resultan afectadas polo proceso de concentración parcelaria corenta e dúas hectáreas que non foron obxecto do proceso anteriormente levado a cabo.

A dispersión parcelaria e o minifundio agrario que presentan os terreos non concentrados da parroquia de Oubiña, posta de manifesto polo Concello de Cambados á consellería competente en materia de agricultura, motivou un estudo de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementar o rendemento dos recursos agropecuarios, en que se deduciu a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, formulada conforme o establecido na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Declarar de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona correspondente Oubiña, 2º sector (Cambados-Pontevedra).

Artigo 2

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente a corenta e dúas hectáreas non concentradas da parroquia de Oubiña. O referido perímetro poderá quedar en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións e exclusións que se acorden ao abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, na súa nova redacción segundo a Lei 10/2001, do 10 de setembro.

Artigo 3

O proceso de concentración parcelaria deberá supoñer a adxudicación da propiedade en predio único ou no menor número de predios de substitución posible.

Artigo 4

Tal e como dispón o número 1 da disposición transitoria primeira da Lei de concentración parcelaria para Galicia, a consellería competente en materia de agricultura poderá declarar a caducidade dos expedientes de concentración parcelaria.

De acordo co sinalado polo artigo 7.2 da referida lei, a consellería poderá revisar a concentración en calquera fase do proceso, e mesmo retrotraer á situación primitiva as parcelas.

Artigo 5

Conforme o establecido pola Lei de concentración parcelaria para Galicia, a partir da entrada en vigor do presente decreto, serán sancionables as infraccións que, por acción ou omisión do disposto nela, leve a cabo todo titular dun dereito de propiedade rústica de carácter agrario comprendido dentro da área de concentración e, en todo caso:

a) Por incumprimento da obriga de manter e conservar a terra cultivada conforme a súa capacidade agrolóxica e o aproveitamento adecuado dos seus recursos.

b) Polos danos causados nos predios lindeiros que non sexan consecuencia do uso normal do inmoble ou manter o predio inculto ou abandonado, en concordancia co disposto pola Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

c) Por dificultar os traballos de investigación e clasificación de terras, impedir o acceso do persoal de concentración ás parcelas ou predios para o desenvolvemento da súa función ou realizar actos que diminúan o valor das parcelas.

d) Por realizar obras ou melloras nos predios sen a correspondente autorización.

e) Por cortar ou derrubar arboredo, extraer ou suprimir plantacións ou cultivos permanentes ou esquilmar a terra.

Artigo 6

Á zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia para mellorar ou modernizar as explotacións agrarias, e, en concreto, os que sinale o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 7

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior aos 6 meses a partir da publicación deste decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Consellería do Medio Rural e do Mar para ditar as disposicións complementarias que requira a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar