Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 12 de setembro de 2013 Páx. 35986

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Baltar

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello de Baltar, en sesión extraordinaria do 22 de agosto de 2013, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co disposto nos artigos 11 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, e o artigo 7 da vixente Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, acordou, por maioría:

1. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Baltar, elaborado por Abante Arquitectura, S.L.P., no cal se inclúe o informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

2. Someter o dito plan xeral a información pública, por un prazo de dous meses, efectuando a publicación dos anuncios correspondentes no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia (La Región e Faro de Vigo). Para estes efectos, o período de información pública rematará transcorridos os dous meses desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia. Durante este, todas as persoas interesadas poderán facer uso do seu dereito a consultar os documentos nas dependencias do Concello de Baltar, e presentar as alegacións escritas oportunas en horario de oficina.

Simultaneamente ao trámite de información pública, o concello solicitaralles ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios, que deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, agás que a lexislación sectorial sinale outro prazo.

Así mesmo, e durante o prazo de información pública, daráselles audiencia aos municipios limítrofes.

Os documentos do PXOM que inclúe o informe de sustentabilidade ambiental (ISA) someterase ás consultas previstas no documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica (AAE) do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Baltar. A fase de consultas realizarase simultaneamente coa de información pública exixida pola normativa urbanística durante o prazo de dous meses, en que o PXOM aprobado inicialmente será exposto para o seu exame e formulación de observacións, segundo o artigo 7.5º da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e litoral de Galicia.

3. De conformidade co sinalado no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o acordo de aprobación inicial determina por si só a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas, nos ámbitos que se relacionan nos parágrafos seguintes. Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento:

a) En todas as zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestrutruras, equipamentos ou espazos libres, en calquera clase de solo, agás naquelas zonas que sirvan para a propia execución destes.

b) Nos núcleos rurais suspenderase só naquelas zonas en que non se poidan cumprir as dúas ordenacións ou normativas simultaneamente (Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento (NSP) da provincia de Ourense vixentes e PXOM).

c) No ámbito de solo urbanizable (SURB-ND_I-1).

d) No solo rústico só se suspenderán as licenzas no caso xeral do punto a) anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres) e naquelas zonas en que non se poidan cumprir as dúas ordenacións ou normativas simultaneamente (NSP vixentes e PXOM).

Baltar, 23 de agosto de 2013

José Antonio Feijóo Alonso
Alcalde