Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Martes, 10 de setembro de 2013 Páx. 35716

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 29 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para accións formativas de entidades de iniciativa social e se convocan para o ano 2013.

O Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo, establece no seu artigo 2 como función do FSE a de contribuír a executar as prioridades da Comunidade no que atinxe ao reforzamento da cohesión económica e social e apoiar as políticas dos Estados membros destinadas, entre outras cousas, a promover a inclusión social e, en particular, o acceso das persoas desfavorecidas ao emprego. No desempeño de tales funcións, o FSE atenderá ás prioridades e aos obxectivos da Comunidade derivados das necesidades en materia de educación e formación, ao incremento da participación das persoas economicamente inactivas no mercado de traballo, á loita contra a exclusión social, en particular, dos grupos desfavorecidos, como das persoas con discapacidades; ao fomento da igualdade entre homes e mulleres e á non discriminación.

O artigo 3 do mesmo regulamento, que define o ámbito de intervención do FSE, establece entre as accións a de apoiar nos Estados membros, a de potenciar a inclusión social das persoas desfavorecidas, fomentando, en particular, os itinerarios de inserción e reingreso laboral para as persoas desfavorecidas, como as vítimas da exclusión social, rapaces e rapazas que abandonan prematuramente os estudos, as minorías, as persoas con discapacidades e para aquelas que coidan de persoas dependentes, a través de medidas que faciliten o emprego, entre outras, no ámbito da economía social, do acceso á educación e formación profesional, así como dos oportunos servizos de apoio, comunitarios e de atención que aumenten as oportunidades de emprego.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, atribúelle á Consellería do Medio Rural e do Mar competencias en materia de investigación e formación agroforestal e agroalimentaria.

Neste marco, a Consellería do Medio Rural e do Mar considera necesario apoiar as accións formativas en materia agroforestal destinadas a potenciar a inclusión social e laboral das persoas desfavorecidas ou con discapacidades a través das entidades de iniciativa social radicadas en Galicia que actúen no medio rural. Tales accións serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 80 %.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; pola Lei 12/1989, do 4 de outubro; pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións destinadas a financiar as accións formativas en materia agroforestal, para o ano 2013, das entidades de iniciativa social que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas desfavorecidas ou discapacitadas no medio rural da Comunidade Autónoma de Galicia, atendendo aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social, referidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que acrediten reunir as condicións para realizar a actividade formativa solicitada e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de fins de lucro.

c) Desempeñar as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia e que o seu ámbito de actuación sexa o medio rural.

d) Ter realizado actividades de formación continua ou ocupacional vinculadas ao sector agropecuario e forestal.

e) Cumprir os requisitos establecidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Accións subvencionables

As accións subvencionables ao abeiro desta orde estarán destinadas á formación en materia agroforestal de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial para facer posible a súa integración sociolaboral, ou que pertenzan a colectivos en risco de exclusión social. Cada entidade solicitará como máximo unha única acción formativa, cunha duración mínima de 40 horas. O número de asistentes será de 30 como máximo, e un mínimo de 8 para as persoas con discapacidades e de 15 para as que estean en risco de exclusión social.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A contía máxima subvencionable será de 2.400 euros por acción formativa e entidade.

2. O importe final de cada axuda establecerase en función da puntuación obtida tras a avaliación da comisión de valoración.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Conforme o establecido nas normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financiadas polo Fondo Social Europeo e, en especial, no artigo 11 do Regulamento 1081/2006, do Parlamento e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Social Europeo e a Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e a Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica, serán gastos subvencionables os que a continuación se relacionan:

a) Gastos do persoal necesario para a execución das actividades formativas. Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes ao tempo de realización da acción formativa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O tope máximo para xustificar na epígrafe de gastos de persoal será o 65 % da axuda concedida.

b) Gastos de seguros de accidentes do profesorado e do alumnado e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para afrontar os riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das actividades do curso.

c) Gastos de medios e materiais funxibles necesarios para o desenvolvemento da acción.

d) Outros gastos orixinados no desenvolvemento da acción, que comprenderán os seguintes:

– Gastos de transporte motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa da actividade formativa.

– Gastos derivados do pagamento de entradas no caso de que a visita didáctica orixinase ese tipo de gasto. A suma desta epígrafe e mais a anterior non poderán superar o 45 % dos custos xerais.

– Gasto de publicidade da actividade formativa.

– Alugamento de locais e instalacións.

– Alugamento de maquinaria e equipamentos para a acción formativa.

– Gastos de manutención e de transporte até un máximo de 6 euros por participante e día de asistencia á acción formativa.

e) Calquera outro que por petición da entidade e a xuízo da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes poida ser considerado como tal.

2. As dúbidas ou controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería do Medio Rural e do Mar por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

Artigo 6. Solicitudes de accións formativas

1. As entidades que, reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen realizar as accións formativas descritas no artigo 3, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I e dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A solicitude será subscrita polo representante legal das entidades e xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Autorización para verificar a inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

c) Fotocopia do NIF da entidade.

d) Certificado en que se fagan constar as actividades formativas de temática agroforestal realizadas nos dous últimos anos no eido da inserción social e a titulación académica do profesorado.

e) Memoria co programa detallado da acción formativa, obxectivos que se pretenden acadar, o seu orzamento, descrición do perfil dos destinatarios, criterio de selección e o seu número previsto, período de execución e localización territorial e metodoloxía que se vaia utilizar.

f) Relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se utilicen no seu desenvolvemento e unha descrición dos locais en que se vaia desenvolver o curso.

Co fin de axilizar a tramitación e xestión das axudas, deberase resumir no posible a documentación das alíneas d), e) e f), sen ocupar en total máis de cinco páxinas. Evitarase achegar documentación non exixida nesta orde (memorias, relatorios...).

3. No obstante no disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

– O anexo I da solicitude da axuda.

– A documentación relacionada nas alíneas d), e), f).

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

4. Aquelas entidades que teñan concorrido a anteriores convocatorias destas axudas e sempre que non houber variación na documentación indicada nas alíneas a), b), c) deste artigo, quedarán eximidas de presentar novamente esta documentación.

5. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Consellería do Medio Rural e do Mar, en calquera das súas dependencias provinciais e oficinas agrarias comarcais ou por calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e irán dirixidas á conselleira do Medio Rural e do Mar. Tamén, tal como establece o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, os interesados poderán iniciar o procedemento por medios electrónicos no enderezo: www.xunta.es/sede-electronica

Artigo 7. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Se a documentación achegada estiver incompleta, requirirase ao solicitante para que no prazo de 10 días hábiles corrixa as deficiencias detectadas mediante a presentación da documentación requirida. Se non o fixer, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Avaliación das solicitudes

1. Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de avaliación, que será a encargada de realizar o informe para que o subdirector xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica formule a proposta de resolución.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida polo subdirector xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica e dela tamén forman parte: como secretario, un funcionario do Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatísticas e Publicacións, e, como vogais, a xefa do Servizo de Formación Agroforestal e o xefe do Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatísticas e Publicacións.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o secretario xeral do Medio Rural e Montes.

3. A Comisión de Avaliación valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

a) Calidade do proxecto en función dos obxectivos perseguidos e do perfil das persoas ás cales vai destinado o curso: definición do perfil dos destinatarios (10 puntos), contidos concretos e adecuados ao seu perfil (10 puntos), descrición das accións que se van realizar (10 puntos), contidos teórico-prácticos ben definidos (10 puntos), presentación da programación (10 puntos). Puntuación máxima deste apartado: 50 puntos.

b) Solvencia técnica, determinada en función da experiencia previa acreditada na realización de programas de inserción sociolaboral para persoas en situación de exclusión social ou con discapacidades, e dos medios técnicos de que dispón: accións realizadas no eido da inserción de colectivos en risco de exclusión/discapacitados (5 puntos), accións realizadas no mundo agroforestal (5 puntos), accións realizadas nas convocatorias de ordes anteriores (5 puntos), disposición de aulas e campos de prácticas propios ou en convenio con outras entidades públicas ou privadas (5 puntos), profesorado adecuado (5 puntos). Puntuación máxima desta epígrafe: 25 puntos.

c) Dimensión e eficacia social da entidade, que poderá avaliarse en relación ao número de persoas atendidas, área xeográfica cuberta e impacto social das actividades desenvolvidas: até 15 puntos.

d) Desenvolvemento das accións en zonas de montaña ou desfavorecidas (de acordo coa relación de zonas desfavorecidas na Comunidade Autónoma de Galicia definida conforme o Regulamento (CE) 1257/1999): até 10 puntos.

4. As solicitudes que non acaden un mínimo de 25 puntos na alínea a) do punto 3 deste artigo e un mínimo de 50 puntos na suma de todos os criterios sinalados nas alíneas a) a d) do referido número 3 deste artigo, serán excluídas.

Aquelas accións formativas que obteñan o mínimo de 50 puntos na avaliación recibirán 1.200 € de axuda; as que obteñan a puntuación máxima de 100 puntos recibirán 2.400 €. Entre estes dous extremos, modularase proporcionalmente o importe da axuda en función da puntuación asignada pola comisión.

Artigo 9. Resolución das axudas

1. A proposta de resolución de aprobación ou denegación das axudas, logo do informe da Comisión de Avaliación, formularaa o subdirector xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica.

2. A resolución corresponderalle ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar.

3. Os interesados poderán entender denegadas as súas solicitudes se non se ditase resolución expresa no prazo de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

5. A concesión ou denegación da axuda seralle notificada directamente aos interesados, a través da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. No caso de producirse a renuncia dunha entidade á subvención concedida, esta poderá ser empregada para conceder axuda ás entidades seguintes na orde de valoración, sempre e cando poidan ser cumpridos os prazos de actuación e certificación estipulados nesta orde.

7. Por estar a axuda cofinanciada polo FSE, na resolución de concesión informaráselle á entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

As entidades beneficiarias deberanlle dar publicidade ao seu cofinanciamento co FSE, conforme o exixido na normativa comunitaria (Regulamento (CE) 1828/2006) e seguindo as indicacións recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais no período 2007-2013 en Galicia.

Artigo 10. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas deberán cumprir as seguintes obrigas xerais:

1. Facer constar en todos os documentos e publicidade da acción formativa os anagramas da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo. Así mesmo, no seu desenvolvemento informaranse os participantes de que o curso está financiado pola Consellería do Medio Rural e do Mar e o Fondo Social Europeo.

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino dos fondos públicos. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as entidades beneficiarias garantirán durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos e da realización da actividade cofinanciada, de xeito que os gastos subvencionados se poidan identificar na súa contabilidade. Así mesmo, a entidade beneficiaria deberá manter unha contabilidade separada dos gastos financiados co FSE para garantir unha adecuada pista de auditoría.

3. Remitirlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, antes do inicio da acción formativa e co fin de planificar a supervisión de cada curso por parte da Administración, unha comunicación en que se consigne a planificación temporal e horaria do programa das actividades que se vaian realizar, as datas exactas de inicio e remate e o enderezo completo do lugar en que se realizará, así como a relación dos interesados en participar na acción formativa programada pola entidade beneficiaria de acordo co anexo II da orde.

4. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, tanto no relativo ao desenvolvemento da acción formativa coma na súa xestión e tramitación administrativa, e comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade formativa.

5. Ao rematar a acción formativa, as entidades beneficiarias terán a obriga de remitirlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes unha copia dun exemplar da publicidade empregada no curso e o impreso do Fondo Social Europeo para o seguimento das actuacións, que se facilitará aos beneficiarios xunto coa resolución, debidamente cuberto.

Artigo 11. Modificación da resolución da concesión e reintegro das subvencións concedidas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da contía da subvención percibida xunto cos xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento até a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da citada Lei 9/2007.

3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

4. A tramitación do correspondente expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II (artigo 37 e s.s.) da referida Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. As cantidades que reintegren os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 12. Pagamento e forma de xustificación das subvencións

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e ao pagamento segundo o disposto na citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

2. O gasto total da subvención xustificarase por medio dunha memoria económica que conteña a seguinte documentación:

a) Certificación asinada polo representante legal da entidade que relacione de xeito desagregado os gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, que incluíra unha declaración sobre o cumprimento da obriga de manter unha contabilidade separada dos gastos obxecto da axuda.

b) Copia compulsada das nóminas, TC1 e TC2 do persoal da entidade que desenvolveu actividades subvencionables conforme o artigo 5 desta orde e xustificantes de pagamento deses gastos. Nos pagamentos correspondentes ao profesorado terase en conta a retención aplicable no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e achegarase unha copia compulsada do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta do profesor.

c) Facturas orixinais, ou documentos contables de valor probatorio equivalente, xustificativas dos gastos ocasionados pola execución do proxecto ou actividade, xunto cos documentos bancarios xustificativos do pagamento.

d) Memoria xustificativa da realización física da acción formativa, que deberá recoller toda a información relativa ás actividades desenvolvidas (lugar, data, materias e medios utilizados, relación de asistentes e partes de asistencia debidamente asinados, xustificación das viaxes didácticas, actuacións de publicidade etc.).

3. No momento da xustificación final do gasto, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas ás distintas administracións públicas ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas nesta orde.

4. Con carácter xeral, a certificación e xustificación da axuda de cada unha das accións formativas realizarase dentro dos 15 días seguintes ao da súa finalización e antes do 30 de setembro de 2013. Os xustificantes de pagamento da Seguridade Social do mes de setembro poderán presentarse ata o 15 de outubro; de non entregarse antes desa data non serán tidos en conta para a xustificación.

Artigo 13. Financiamento

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.422M.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 e por un importe máximo de corenta mil euros (40.000 euros). Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 80 % no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 71.

2. A dotación orzamentaria indicada no punto 1 poderá incrementarse, se for procedente, con outros fondos do FSE e da Comunidade Autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou transferencia de crédito.

En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en todo o que non se opoña á citada lei, así como na normativa comunitaria e estatal reguladora do FSE.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar os actos e instrucións necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file