Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 6 de setembro de 2013 Páx. 35516

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 9 de agosto de 2013 polo que se dá publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña sobre a avinza realizada entre as comunidades veciñais de Cures e Mouzo e a comunidade de Montecelos en relación co linde común dos seus montes Vao de Lax, Fonte da Fenlla, Pedrouzo e Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos e o monte Montecelos do concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos nos artigos 53 e 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade a que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 10 de xullo de 2013, adoptou o seguinte acordo en relación coa avinza entre as comunidades veciñais de Cures e Mouzo (CVMC) e a CVMC de Montecelos do concello de Vimianzo con relación ao linde común dos seus respectivos montes de Vao de Lax, Fonte da Fenlla, Pedrouzo e Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos (expediente 160) e o monte Montecelos (expediente 368).

Antecedentes de feito.

Primeiro. As CVMC de Cures e CVMC de Montecelos, logo de acordo das súas asembleas xerais, realizan o 25.6.2010 unha acta notarial de protocolización da avinza entre ambas as dúas comunidades respecto do linde común dos seus respectivos montes conforme o levantamento topográfico realizado para este fin segundo coordenadas UTM, e que quedan reflectidas no informe técnico do 24 de xuño de 2010 que se incorpora á devandita acta.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña e, en particular, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, presenta un informe do 10.6.2013 no cal indica que a avinza realizada é compatible coa definición de lindeiros das súas respectivas resolucións e coa indefinición cartográfica da representación gráfica que figura nos seus expedientes de clasificación. Segundo o informe, a liña estremeira común da avinza transcorre entre os vértices 1, 2 e 3 do plano topográfico achegado con esta.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previsto nos artigos 53 e 54, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as resolucións do Xurado.

Segundo. Da documentación achegada coa avinza e do informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña conclúese que esta é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, este xurado, en atención ao disposto no artigo 53 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a avinza entre as CVMC de Cures e Mouzo e a CVMC de Montecelos do concello de Vimianzo con relación ao linde común dos seus respectivos montes de Vao de Lax, Fonte da Fenlla, Pedrouzo e Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos (expediente 160) e o monte Montecelos (expediente 368), nos termos indicados na acta notarial de protocolización do 25.6.2010 e segundo o plano topográfico achegado con ela e validado polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 10.6.2013.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña