Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Venres, 30 de agosto de 2013 Páx. 34620

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 21 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e se convocan para o ano 2013.

O obxecto das agrupacións que desenvolven programas de defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de entidades de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, de xeito que exista certa periodicidade no uso de métodos de control fitopatolóxico e que ademais se recorra ao emprego racional de produtos químicos, usándoos só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou manter os axentes nocivos nuns limiares tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

Para conseguir unha mellora das técnicas de loita fitosanitaria nas explotacións cómpre subvencionar os servizos técnicos prestados polas agrupacións de defensa fitosanitaria aos agricultores, así como unha parte do material empregado na loita contra as pragas. A intensidade da axuda será tal que permita que o apoio aos técnicos sexa coherente cos prezos de mercado, así como o mantemento da actividade no tempo.

O Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21 de decembro), permite outorgar unha axuda aos agricultores de ata 7.500 euros en tres anos para todas as axudas concedidas baixo o dito réxime. A pesar de seren os beneficiarios das axudas polo devandito réxime as empresas do sector da produción de produtos agrícolas, para a simplificación do procedemento administrativo e do control dos programas de actuación das agrupacións de defensa sanitaria dos cultivos, cómpre que, naqueles casos en que sexa posible, se asinen convenios de colaboración coas agrupacións para que estas actúen como entidades colaboradoras na xestión das axudas, adquirindo os agricultores, non obstante, a obriga de informar das axudas percibidas polo réxime de minimis nos últimos tres anos, así como o resto dos requisitos do citado regulamento e da orde.

Estas axudas para agricultores membros das agrupacións de defensa fitosanitaria financiaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, segundo a Orde do 17 de novembro de 1989 pola que se establece un programa de promoción da loita integrada contra as pragas dos diferentes cultivos a través das agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atria) e outros que poida achegar para os mesmos fins a Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2013 das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria.

Sección 1ª. Bases reguladoras das axudas

Artigo 2. Obxectivo desta sección

O obxectivo desta sección é establecer as bases reguladoras das axudas para agricultores que empreguen os servizos das agrupacións que desenvolvan programas de defensa fitosanitaria.

Artigo 3. Definicións

Agrupacións de defensa fitosanitaria (en diante, ADF): asociacións ou agrupacións de agricultores e as súas federacións recoñecidas oficialmente que desenvolvan un programa de defensa fitosanitaria dos cultivos orientado á redución no uso de praguicidas empregando técnicas de control integrado de pragas.

Artigo 4. Beneficiarios e principios de concesión

1. Poderán acollerse a esta axuda os agricultores que desenvolvan a súa actividade nos sectores de produción de horta, froiteira e/ou vide, que estean inscritos no rexistro de explotacións agrarias, segundo o Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, e que pertenzan a unha ADF e empreguen os seus servizos para o desenvolvemento dun programa de defensa fitosanitaria.

2. Acreditarán a súa actividade agraria mediante o seu correspondente código de explotación agraria (CEA) e/ou código de explotación vitícola (CODEV).

3. Se un agricultor pertencese a varias agrupacións só poderá obter subvención pola súa pertenza a unha delas.

4. Deberá cumprirse cos requisitos establecidos no Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35 do 21 de decembro), que no seu artigo 1, Ámbito de aplicación, determina que se aplicará sobre as axudas concedidas ás empresas do sector da produción de produtos agrícolas, coa excepción de:

a) As axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados.

b) As axudas a actividades relacionadas coa exportación, é dicir, as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, as axudas ao establecemento e á explotación dunha rede de distribución ou as axudas a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

c) As axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

d) As axudas concedidas a empresas en crise.

Artigo 5. Entidade colaboradora e ADF

1. A ADF poderá actuar como entidade colaboradora para a xestión das axudas aos agricultores para o emprego dos servizos técnicos prestados por elas, sempre que xunte os requisitos recollidos nos artigos 9, 10 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estea dotada de personalidade xurídica.

2. A entidade colaboradora deberá presentar unha declaración responsable de cumprir os requisitos a que se refire o artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que se xunta como anexo III desta orde, dentro do prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, debendo xuntar a documentación a que se refire o número 4 deste artigo, así como cumprir coas condicións do número 8.

3. A Consellería do Medio Rural e do Mar e as entidades colaboradoras formalizarán convenios de colaboración en que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por estas na xestión das axudas, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 9/2007.

4. Para a sinatura do convenio deberase achegar á Consellería do Medio Rural e do Mar, como mínimo, a documentación de constitución da ADF e a súa inscrición no rexistro correspondente, copias do seu NIF e do regulamento de réxime interno, a relación dos agricultores posibles beneficiarios das axudas que a forman e unha memoria técnica con clara especificación do programa de actuación que se pretenda desenvolver, cos obxectivos, o orzamento pormenorizado, o prazo de execución (indicando as datas de comezo e fin do programa) e un resumo da superficie de cada un dos cultivos a que se vaia dar o servizo. Tamén acreditarán non ter débedas coas administracións públicas (AEAT, Consellería de Economía e Seguridade Social) mediante a presentación polo solicitante das correspondentes certificacións, ou ben autorizarán, mediante un escrito, a consulta telemática desta situación.

5. A ADF asinante do convenio terá a obriga de auxiliar os seus membros na tramitación das solicitudes de axudas e será a ADF a que distribúa entre os beneficiarios os fondos outorgados.

6. A ADF que asine o convenio deberá auxiliar tamén os agricultores na xustificación das actuacións técnicas levadas a cabo nas explotacións, descritas no artigo 7 desta orde.

7. Exímense as entidades colaboradoras de constituír as garantías previstas no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Para ser entidade colaboradora:

a) A ADF a que pertenzan os agricultores solicitantes deberá ter un protocolo coas actuacións de control fitosanitario previstas para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados.

b) Por motivos de eficacia nas axudas, a ADF a que pertenzan os agricultores solicitantes estará formada por un número mínimo de 10 agricultores.

c) A ADF a que pertenzan os agricultores solicitantes terá subscrito un contrato laboral a tempo total co técnico que dirixirá a execución do programa nos cultivos que se vai producir, ou ben contratará os servizos dun técnico autónomo dependente.

Neste último caso, o traballador autónomo dependente non deberá executar a súa actividade de xeito indiferenciado cos traballadores que presten os seus servizos á agrupación baixo calquera modalidade de contratación laboral por conta da propia ADF.

O técnico que desenvolva os traballos deberá ter algunha das titulacións que habilitan para exercer como asesor en xestión integrada de pragas segundo o disposto no anexo II do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un emprego sustentable dos produtos fitosanitarios.

9. As entidades colaboradoras, como ADF que agrupan os beneficiarios destas axudas, terán as seguintes obrigas técnicas:

a) Remitir, semanalmente, aos servizos territoriais de explotacións agrarias un informe co estado fenolóxico e a evolución fitosanitaria dos cultivos, detallando o traballo de campo realizado con indicación das parcelas, así como as actividades formativas levadas a cabo, se é o caso.

b) Antes do 30 de outubro do ano da convocatoria, deberá achegar unha memoria onde se recollan todas as actuacións do técnico da ADF na explotación do solicitante da axuda.

10. Por resolución da conselleira do Medio Rural e do Mar declararase a condición de entidade colaboradora a aquelas ADF que reúnan, como mínimo e con carácter previo á sinatura do convenio, todos os requisitos exixidos neste artigo 5.

Artigo 6. Clase e contía das axudas

1. Axudas destinadas a sufragar os custos dos servizos recibidos polo beneficiario prestados polo persoal técnico contratado polas ADF para a realización das tarefas de seguimento, detección e diagnóstico de pragas, recomendacións de tratamentos, seguimento da súa evolución, auxilio na formalización do caderno de explotación e outras actuacións técnicas durante o período de produción do seu cultivo e ata o 15 de outubro do ano da convocatoria.

A axuda será do 70 % do custo do servizo, cun máximo de 700 euros por agricultor, cando a ADF teña ata 25 membros, e diminuirá proporcionalmente cando o número de socios pertencentes á mesma entidade sexa superior a este número.

2. Axudas para adquisición polo beneficiario do material de técnicas de control que poidan supoñer unha innovación e mellora nas técnicas de control de organismos nocivos que ataquen os cultivos do programa de 50 euros por agricultor.

Esta axuda só será concedida unha vez que sexan atendidas as solicitudes de axuda do punto primeiro.

3. Aqueles agricultores que pertenzan a unha ADF cuxos membros recibisen subvención, na dita ADF, nas anteriores convocatorias das correspondentes ordes deste tipo de axudas, verán reducida a súa subvención nun 5 % por ano percibido de axuda do importe establecido segundo o número 1 deste artigo.

4. En todo caso, será de aplicación o artigo 3 do Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21 de decembro), no cal se indica que todas as axudas concedidas polo devandito réxime a unha empresa do sector da produción de produtos agrícolas non poderá exceder os 7.500,00 euros en tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención formularanse conforme o modelo que se xunta como anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación complementaria que se establece no seguinte artigo.

2. Dirixiranse á Consellería do Medio Rural e do Mar e deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Sen prexuízo da achega de calquera outro documento e información que o interesado puidese presentar para resolver sobre o outorgamento da subvención ou os que puidese solicitar a Administración, o beneficiario deberá xuntar á solicitude de subvención a documentación, orixinal ou compulsada, que se indica:

a) Fotocopia do DNI, no caso de que o solicitante sexa una persoa física, ou do NIF, se se trata dunha empresa.

O solicitante quedará eximido da presentación do NIF sempre que autorice o órgano instrutor do procedemento para a consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización.

b) Estatutos e documentación de constitución da ADF a que pertence e regulamento de réxime interno (só no caso de que a ADF non asinase o convenio a que se refire o artigo 5 desta orde coa Consellería do Medio Rural e do Mar).

c) Xustificación de ter revisada, ou solicitada a revisión, da súa maquinaria de tratamentos, no marco do programa de revisión e control de maquinaria de tratamentos de produtos fitosanitarios.

d) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios consignados na solicitude, xa incluída no propio anexo.

No caso de que a ADF asine o convenio a que se refire o artigo 5 desta orde coa Consellería do Medio Rural e do Mar, consignarase na solicitude tamén o número de conta da ADF, coa correspondente declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios consignados.

e) Factura pro forma do gasto previsto, tanto no orzamento do servizo que lle vai prestar a ADF, como no gasto en material previsto para a execución das actuacións de técnicas de control.

f) Programa de actuación que se executará na súa explotación como membro da ADF, co protocolo de actuación para o control fitosanitario previsto para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, incluíndo a relación de parcelas, cultivos, data de inicio e remate do programa, cronograma de visitas e outras accións de asesoramento. Só no caso de que a ADF a que pertence o agricultor non asinase o convenio coa Consellería do Medio Rural e do Mar a que se refire o artigo 5 desta orde, achegarase ademais a documentación xustificativa de cumprir os requisitos a que se refiren os puntos 8.b) e c) do dito artigo.

g) Declaración das axudas recibidas no réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (artigo 4.1 do Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21 de decembro), segundo modelo de anexo II.

h) Declaración doutras axudas solicitadas, ademais das de minimis, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo modelo de anexo II.

i) Declaración de non ter a condición de empresa en crise, conforme a definición prevista no artigo 1.7 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02), en relación coas grandes empresas, segundo o modelo de anexo II.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 de Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 9. Tramitación e resolución

1. O órgano de instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. A conselleira do Medio Rural e do Mar resolverá sobre as solicitudes presentadas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria, por proposta do órgano instrutor do procedemento, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, presidido polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, con competencias na materia e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Resolveranse favorablemente todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 e no artigo 6 desta orde.

5. No caso de que se supere o crédito destinado a estas axudas, o órgano competente procederá ao rateo da axuda entre os beneficiarios da subvención, segundo se establece no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

6. Despois da notificación das axudas aos beneficiarios, estes disporán dun prazo de dez días para a aceptación da axuda, entendéndose que, en caso de non facerse comunicación ningunha por parte do beneficiario, considerarase tacitamente aceptada.

7. Tanto na resolución como na notificación farase constar expresamente a suxeición destas axudas ao Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21 de decembro), segundo o establecido no seu artigo 4, e coa referencia da súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea.

Artigo 10. Anticipos

1. Excepcionalmente poderá aboarse un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, que deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario marcando o recadro correspondente no anexo I.

2. A concesión dos anticipos estará condicionada, en todo caso, ás condicións especificadas no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se é o caso, o réxime de garantías será o especificado no artigo 65 do citado decreto.

Artigo 11. Xustificación das axudas

1. A data límite para a execución das actuacións previstas será o 15 de outubro do ano da convocatoria.

2. Unha vez realizados os investimentos e a execución das actuacións previstas, os interesados deberán comunicar a finalización do programa no que respecta á súa explotación, por escrito por calquera dos medios previstos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, como moi tarde o 30 de outubro do ano da convocatoria.

3. Coa dita comunicación xuntaranse os xustificantes do investido, tales como facturas pagadas, así como un informe final das actuacións técnicas da ADF na explotación do solicitante.

4. A xustificación do gasto realizado deberá facerse achegando as correspondentes facturas. Para xustificar o pagamento, no caso de que os investimentos non superen os 1.000 €, segundo o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, bastará con achegar a factura, co xustificante de recepción por parte do provedor, selo e/ou sinatura e NIF de quen asina o xustificante de recepción. En caso contrario deberán achegarse as correspondentes transferencias bancarias que xustifiquen o pagamento efectuado.

5. Unha vez comprobada a execución das actuacións, os técnicos dos servizos territoriais de explotacións agrarias realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas.

6. No caso de terse asinado o convenio de colaboración a que se refire o artigo 5 desta orde e nun prazo non superior a 4 meses desde a presentación da xustificación das actuacións, a entidade colaboradora será a destinataria, nunha conta habilitada para tal efecto, dos importes das axudas dos agricultores membros da ADF beneficiarios destas. Logo de ter feito a distribución de fondos entre os agricultores a entidade colaboradora procederá a acreditar estes pagamentos coas correspondentes copias das transferencias bancarias, ou documentos en que se faga constar o xustificante de recepción por parte dos agricultores, dos fondos liberados ao seu nome, que farán chegar, no prazo dun mes desde a recepción dos fondos, á Consellería do Medio Rural e do Mar, preferentemente nas súas delegacións provinciais.

7. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano instrutor do procedemento será de aplicación o establecido nos números 2, 3, 4 e 5 do artigo 45 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións.

Artigo 12. Compromisos

1. Os agricultores beneficiarios destas axudas deberán permanecer na ADF ata a finalización da actuacións previstas no programa e como mínimo ata o 30 de outubro do ano da convocatoria.

2. Os beneficiarios deberán conservar durante cinco anos toda a documentación técnica e económica xustificativa das axudas.

3. Os beneficiarios deberán colaborar cos técnicos dos servizos territoriais de explotacións agrarias da Consellería do Medio Rural e do Mar desde a data de inicio do programa, poñendo á súa disposición o caderno de campo da súa explotación, que deberán ter ao día tal como establece a Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro (BOE do 19 de febreiro), así como no seguimento da evolución e incidencia das pragas e na execución dos programas oficiais de sanidade vexetal.

Artigo 13. Concorrencia e acumulación de axudas

1. As axudas reguladas na presente orde serán incompatibles con calquera outra das outorgadas polas distintas administracións públicas referidas aos mesmos investimentos.

2. Ademais do previsto nesta orde respecto da declaración que se vai presentar coa solicitude de axuda, os beneficiarios presentarán coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final da axuda, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como as incidencias detectadas nos labores de seguimento efectuados polos responsables da xestión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Artigo 16. Reintegro das axudas

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda, así como os xuros de demora devindicados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 18. Infraccións e sancións

Seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Artigo 19. Normativa

Nestas axudas será de aplicación a seguinte lexislación:

1. O Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21 de decembro).

2. No non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Sección 2ª. Convocatoria para o ano 2013

Artigo 20. Obxecto

Esta sección ten por obxecto a convocatoria para o ano 2013 das axudas para os agricultores membros das agrupacións que desenvolvan programas de defensa fitosanitaria, segundo as bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.

Artigo 21. Presentación de solicitudes

As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2013 presentaranse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

Artigo 22. Financiamento para o ano 2013

As axudas reguladas na presente orde estarán financiadas no exercicio 2013 cun orzamento de 202.724,51 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 2013 12 22 713E 7801 (proxecto económico 2009 01301), 2013 12 22 713E 7701 (proxecto económico 2009 01301) e 2013 12 22 713E 7701 (proxecto económico 2010 01171) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, e por uns importes de 4.204,26, 141.175,00 e 57.345,25 euros, respectivamente, sen prexuízo de poder utilizar outras contías dispoñibles de acordo co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Débedas dos beneficiarios coas administracións públicas

Os beneficiarios das axudas non deberán ter débedas coas administracións públicas (AEAT, Consellería de Facenda e Seguridade Social) segundo recolle o artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, podendo o órgano instrutor do procedemento acceder á consulta telemática desta situación, salvo denegación expresa do solicitante achegada no momento da solicitude, caso en que deberá presentar os correspondentes certificados.

Disposición adicional segunda. Publicación das axudas na web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará, na súa páxina web oficial, as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira. Facultade da directora xeral de Produción Agropecuaria

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file