Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 20 de agosto de 2013 Páx. 33541

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2013, da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, pola que se modifica a Resolución do 12 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

Os programas de vacinación teñen demostrado a súa efectividade na mellora do estado de saúde da poboación galega a través da prevención de determinadas enfermidades e entre eles destaca o calendario de vacinación infantil, que se consolidou como unha das principais contribucións ao benestar dos cidadáns reducindo a incidencia das enfermidades fronte ás cales protexe así como a mortalidade asociada a elas.

A relevancia dos programas de vacinación exixe que estean suxeitos a un constante dinamismo e versatilidade, cunha avaliación continua que dea resposta ás necesidades que se presentan neste campo e permita a incorporación de novas melloras.

Así, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde revisou o calendario de vacinación infantil e aprobou o 21 de marzo de 2013 un calendario vacinal común.

Por este motivo, e para adaptarse aos acordos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, faise necesaria a actualización do calendario galego de vacinación infantil, o que se fai seguindo as recomendacións técnicas ao respecto e despois da consulta á Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles.

De conformidade co disposto no artigo 12 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e as súas competencias, é responsabilidade da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a planificación, coordinación e xestión das actividades do Programa galego de vacinación e a difusión de información sobre o programa, así como o desenvolvemento de programas sanitarios e de prevención de problemas de saúde con especial repercusión na Comunidade Autónoma de Galicia. Por todo iso

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 12 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, no referente á pauta para a administración da vacina fronte ao sarampelo, rubéola e parotidite (triple vírica-TV-) adiantando a primeira dose aos 12 meses e a da vacina fronte ao meningococo C, que constará da primeira dose aos 2 meses, segunda dose aos 12 meses e terceira dose aos 12 anos.

Segundo. A presente resolución será de aplicación a partir do día 1 de xaneiro de 2014.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2013

Sonia Martínez Arca
Directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública