Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 14 de agosto de 2013 Páx. 33077

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 9 de agosto de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 3 de maio de 2013 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2013.

A Orde do 3 de maio de 2013 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia nº 89, do 10 de maio), dispón no seu artigo 11, no cal se recolle o financiamento con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, que estas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (MAGRAMA) ata un 25 %, e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia, en virtude do Regulamento (CE) 1234/2007 do Consello, e o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes posible, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobáronse os correspondentes expedientes de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 14 e 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria da Orde do 3 de maio de 2013 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2013 (Diario Oficial de Galicia nº 89, do 10 de maio).

2. O incremento da dotación será de 46.854,57 euros, con cargo á aplicación 12.22.713E.770.2.

3. A contía total para as axudas que deriven da aplicación desta orde é de 138.654,57 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713E.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

4. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 3 de maio de 2013.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento-administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar