Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32371

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2013 pola que se somete a información pública o proxecto de execución da obra hidráulica de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais de Baroña (Porto do Son).

A obra hidráulica correspondente ao proxecto de execución dos colectores xerais e estación depuradora de augas residuais de Baroña, Porto do Son (A Coruña), de clave: OH.315.1067, é considerada de interese da Comunidade Autónoma, e acórdase sometela ao trámite de información pública.

O proxecto define e valora as actuacións necesarias para proceder á eliminación das verteduras existentes mediante a execución dunha rede separativa formada por tres colectores por gravidade, un novo bombeo na Arnela de 1+1 bombas de 4,3 kW, que impulsará as augas dos núcleos de Arnela e Vilar. Executarase tamén un tramo de impulsión desde o novo bombeo que terá unha lonxitude de 877 m e, finalmente, proxéctase unha estación depuradora de augas residuais para 505 habitantes equivalentes, e un caudal máximo de tratamento de 17,1 m3/h, que estará situada ao oeste do núcleo de Abuín.

O Concello de Porto do Son, de conformidade co disposto no no artigo 114 do Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, aprobado polo Real decreto 1471/1989, solicitou o 19 de xullo de 2013 a autorización para a vertedura cun volume anual medio de 41.975 m3/ano de augas residuais urbanas depuradas procedentes do concello de Porto do Son (expediente DH.V15.42683). As coordenadas UTM do punto de vertedura son: X=497.970 e Y=4.727.900.

A actuación hidráulica cofinánciaa a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 3, Ambiente, contorno natural, recursos hídricos e prevención de riscos, tema prioritario ou medida 46: tratamento de augas residuais. Actuación 3.46.1: actuacións recollidas no Plan de saneamento de Galicia, no Programa A.X.U.A. (actuacións para a xestión e a utilización da auga) e nos plans hidrolóxicos de bacía.

Considerando o exposto, ao abeiro da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, e segundo o disposto no artigo 12.c) do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas, e de acordo co establecido no artigo 146.8 do Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, xa citado,

RESOLVO:

Someter, polo prazo de 30 días, contados a partir do día seguinte ao da última publicación deste anuncio, a información pública o proxecto colectores xerais e estación depuradora de augas residuais de Baroña, Porto do Son (A Coruña), de clave: OH.315.1067, que se realizará no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, para os efectos da súa aprobación e da tramitación da autorización de vertedura DH.15.42683.

O documento técnico pode consultarse, durante o prazo anteriormente sinalado, nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, nº 18, baixo, en Santiago de Compostela (A Coruña), e na páxina web augasdegalicia@xunta.es

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2013

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia