A Orde do 12 de agosto de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 23 de agosto, estableceu o número de unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial. Esta orde foi modificada polas do 29 de xullo de 2011, publicada no DOG do 9 de agosto, e a do 20 de xullo de 2012, DOG do 3 de agosto, que revisaron a oferta dalgúns centros para adaptala ás exixencias dos seus cadros de persoal.
Na actualidade é necesario revisar a oferta de unidades dalgúns centros, para adaptala ás necesidades efectivas da poboación escolar e a uns cadros de persoal que incidan na efectiva organización dos centros e na consecución dos seus obxectivos pedagóxicos de forma óptima.
De conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e determina a competencia desta en materia de creación, supresión, transformación, clasificación, autorización e organización dos centros escolares, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación de unidades e postos de traballo
Modifícanse as unidades e os postos de traballo docentes dos seguintes centros educativos:
– Escolas infantís, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria e centros públicos integrados que se detallan no anexo I.
– Colexios rurais agrupados que se detallan no anexo II.
Artigo 2. Supresión de centros
Suprímense os centros que se relacionan no anexo III desta orde.
Artigo 3. Persoal docente
1. Aos centros que como consecuencia das modificacións que se sinalan no artigo primeiro incrementen o número de postos de traballo, aplicaráselles o establecido na Orde do 30 de marzo de 1992 pola que se regula a mobilidade das funcionarias e dos funcionarios pertencentes ao corpo de mestras/es nos propios centros por incremento de postos de traballo.
Estes novos postos poderanse solicitar polo profesorado con destino definitivo no centro que conte coa oportuna habilitación e accedese a este por concursos anteriores ao convocado no curso 1990/91, sempre que non acadase novo posto de traballo nel como consecuencia doutros procesos de adscrición ou de mobilidade no propio centro. Non obstante, poderaos solicitar o profesorado que, estando en posesión da correspondente habilitación, estea adscrito a postos de traballo que se vexan afectados por diminución nun número máximo igual á redución de postos.
2. Así mesmo, aplicarase o Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.
3. Os procesos de mobilidade regulados na Orde do 30 de marzo de 1992 que se produzan como consecuencia desta orde, desenvolveranse durante o mes de setembro de 2013 e terán efectos do día 1 do mesmo mes.
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2013
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria