Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 5 de agosto de 2013 Páx. 31172

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 123/2013, do 24 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de acondicionamento do leito e das marxes do río Cabe, tramo A Compañía-Piñeira (concello de Monforte de Lemos).

O Concello de Monforte de Lemos, en sesión que tivo lugar o día vinte e sete de maio de dous mil trece, aprobou o proxecto das obras de acondicionamento do leito e das marxes do río Cabe, tramo A Compañía-Piñeira (concello de Monforte de Lemos) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previamente á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996 do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o Concello e o informe do técnico municipal, trátase dunha obra de utilidade pública e de interese social pois gran parte do centro urbano está en zona anegable segundo a cartografía da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. O proxecto, entre outros fins ambientais, sociais e económicos, ten como obxecto o acondicionamento das ribeiras do río Cabe ao seu paso polo núcleo do concello co fin de lograr unha defensa do dominio público hidráulico e das súas servidumes, así como a prevención de inundacións minimizando os riscos persoais e materiais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil trece.

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de acondicionamento do leito e das marxes do río Cabe, tramo A Compañía-Piñeira (concello de Monforte de Lemos); se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza