Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 30710

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de xullo de 2013 pola que se clasifica de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, con domicilio na rúa Doctor Corbal, número 51, Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. Julio Gómez Rodríguez, vicepresidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 23 de abril de 2013, ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número de protocolo 604, pola Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), representada polo seu presidente Julio Gómez Rodríguez.

Esta escritura foi complementada por outra, outorgada tamén en Vigo (Pontevedra), o 7 de xuño de 2013, ante o mesmo notario, co número de protocolo 893.

3. Segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a promoción e o desenvolvemento do sector metalúrxico galego para acadar un maior nivel de competitividade, innovación e investigación de todo o sector.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por Alberto Fernández Lozano como presidente; Julio Gómez Rodríguez como vicepresidente; Cándido González Lorenzo como secretario; e Justo Sierra Rey e Rosalino López Castro como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de xullo de 2013,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpor con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza