Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 31012

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de xullo de 2013 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2011 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O día 5 de xaneiro de 2012, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 27 de decembro de 2011 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2012) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O 7 de xuño de 2013 publicouse a Orde do 31 de maio de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da anualidade 2013 á cantidade de 12.200.000,00 € coa finalidade de conceder todas as axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, no marco das axudas ao desenvolvemento rural en Galicia.

O artigo 11 da Orde do 27 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, regula os prazos para a xustificación da subvención que precisa ser modificado para cumprir co establecido na Orde do 31 de maio de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da anualidade 2013.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño,de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 27 de decembro de 2011 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O número 1 do artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«Na resolución de concesión indicarase o prazo para a execución dos traballos. A data límite de xustificación da subvención será o 30 de novembro de 2012 para a anualidade de 2012 e o 31 de outubro de 2013 para a anualidade de 2013».

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar