Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 30946

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 22 de xullo de 2013 pola que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección recóllese no título I da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

No citado título I da Lei 9/2004 establécese que a consellería competente en materia de industria elaborará e aprobará plans de inspección das actividades reguladas na lei, que levarán a cabo directamente os funcionarios da dita consellería ou, baixo a supervisión desta, a través das entidades legalmente habilitadas que para o efecto sexan requiridas.

No Decreto 219/2008 regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola cal a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, comprobando a adecuación da súa posta en funcionamento e condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, de ser o caso, exixir as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Consonte a súa natureza e finalidade, as entidades legalmente habilitadas citadas no Decreto 219/2008 son as referidas no artigo 15 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, no artigo 41 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, e no Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tal e como establece o artigo 13.2 do Decreto 219/2008, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobaranse o obxecto, contido e ámbito de actuación que informan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que se deben realizar conforme o plan e programas que se aproben.

Conforme o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, a dita consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da industria e da seguridade industrial.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

dispoño:

Artigo 1. Obxecto

Por medio desta orde procédese a aprobar o plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, ao abeiro do disposto na Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do plan de inspección

1. O obxecto dos plans de inspección en materia de seguridade industrial é o de comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos e das instalacións, así como da fabricación e comercialización dos produtos industriais, respecto dos regulamentos de seguridade e normativa que lles sexan aplicables.

2. De acordo co exposto no número anterior, as inspeccións realizadas ao abeiro do Plan de inspección de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia 2013 (en diante, Plan de inspección 2013) serán do tipo ordinario, consonte o artigo 21.2 da Lei 9/2004, e abranguerán a comprobación documental e a material dos establecementos, instalacións ou produtos que sexan obxecto de inspección.

3. O Plan de inspección 2013 estará composto polos programas e os sectores definidos polos establecementos, instalacións ou produtos, que serán obxecto de inspección con carácter prioritario dentro de cada programa, do seguinte xeito:

Programas

Sectores

1

Instalacións frigoríficas

Establecementos industriais con instalacións de nivel 2 con P>100 Kw

2

Instalacións de protección contraincendios

Establecementos industriais con instalacións con nivel de risco intrínseco alto

3

Instalacións eléctricas de baixa tensión

Grupo 1

Salas de festas e discotecas

Establecementos industriais con instalacións de potencia comprendida entre 100<P(Kw)≤250

Grupo 2

Grandes auditorios e pavillóns multiuso

Establecementos industriais con instalacións de potencia comprendida entre 250<P(Kw)≤250

4. Tal e como establece o artigo 13 da Lei 9/2004, o alcance da inspección estenderase a todas as determinacións fixadas nas regulamentacións técnicas e nas súas instrucións complementarias correspondentes, así como ás prescricións da normativa comunitaria que resulten de aplicación directa e mais ao resto das disposicións que resulten aplicables en materia de seguridade industrial.

Artigo 3. Execución e indicadores

1. As xefaturas territoriais da consellería farán a selección dos establecementos que sexan obxecto de inspección con criterios de oportunidade e aleatoriedade, de conformidade co artigo 13, número 1, do Decreto 219/2008.

2. A listaxe de establecementos seleccionados remitiraa con carácter previo ao inicio das actuacións inspectoras cada xefatura territorial á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para ser aprobada.

3. O número total de inspeccións será de 450, repartidas segundo o indicado na seguinte táboa:

Programas

Nº de inspeccións

1

Instalacións frigoríficas

250

2

Instalacións de protección contraincendios

3

Instalacións eléctricas de baixa tensión

Grupo 1

160

Grupo 2

40

Nº total de inspeccións

450

4. As inspeccións efectuadas ao abeiro deste plan de inspección faranse consonte protocolos de inspección previamente aprobados pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

5. Cada inspección será avaliada e quedará representada mediante indicadores do grao de suxeición das instalacións ás exixencias administrativas de obrigado cumprimento que resultarán da aplicación dos protocolos de inspección.

6. As xefaturas territoriais da consellería remitirán á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, no prazo de tres (3) meses desde o remate da execución do plan de inspección, os resultados dos programas de control administrativo obtidos durante a vixencia do plan para a elaboración dun informe final onde se recollerán os datos, os resultados e as incidencias máis significativas de cada programa.

Artigo 4. Metodoloxía

1. A articulación da xestión, desenvolvemento e execución dos programas de inspección en que se estrutura o Plan de inspección 2013 faranse conforme os principios establecidos na Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo das funcións de inspección do persoal técnico da consellería competente en materia de industria, a execución material dos programas poderá levarse a cabo por entidades legalmente habilitadas, para o cal se utilizará como instrumento de xestión a subscrición de convenios de colaboración. De ser o caso, a participación destas entidades deberá axustarse á normativa específica que lles resulte de aplicación e nos termos ou condicións establecidos no correspondente requirimento ou convenio.

3. As funcións, facultades e obrigas do persoal inspector observarán o disposto na Lei 9/2004 e no Decreto 219/2008, tendo en conta que o persoal non funcionario non gozará da consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións.

4. No marco da actividade administrativa de inspección e de acordo co parágrafo anterior, de requirirse a colaboración dunha entidade legalmente habilitada, a función do seu persoal cinguirase ás actuacións meramente preparatorias, de comprobación ou proba de feitos ou similares.

5. De ser o caso, as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria exercerán as funcións de supervisión e control das inspeccións ordenadas ás entidades legalmente habilitadas na execución de cada programa, e o persoal técnico da consellería poderá estar presente naquelas inspeccións que considere oportuno e realizar as comprobacións posteriores que crea necesarias unha vez realizada a inspección.

6. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación, produto ou actividade industriais incluída nun programa de inspección enmarcado no control administrativo non eximirá o dito establecemento, instalación, produto ou actividade industriais de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 5. Obrigas dos titulares

Tal e como establece o artigo 8 da Lei 9/2004, na sua letra d, entre as obrigas xerais dos titulares dos establecementos e instalacións suxeitos á dita lei está a de permitir e facilitar as comprobacións e inspección que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realice. A obriga de colaboración, cooperación e asistencia, consonte o artigo 26 do Decreto 219/2008, será extensible tanto ao persoal propio da consellería como ao persoal colaborador.

Artigo 6. Ámbito xeográfico do plan de inspección

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección a que se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 7. Vixencia do plan

A vixencia do Plan de inspección 2013 comezará o día seguinte ao da publicación desta orde e estenderase ata o 31 de decembro de 2013.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o/a director/a xeral competente en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2013

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria