Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29885

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 11 de xullo de 2013 polo que se fai pública a Resolución do 10 de xullo de 2013 pola que se revoga parcialmente a resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas pola que se aprobara o proxecto de trazado do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e a autovía A-52 (clave OU/03/042.01.1).

Mediante Resolución do 30 de novembro de 2004, o entón director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro, resolveu aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do enlace de conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52 (clave OU/03/042.01.1).

A dita resolución foi obxecto de recurso contencioso-administrativo que, co número 4063/2005, se tramitou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este, con data do 24 de abril de 2008, ditou sentenza estimatoria e declarou contraria a dereito aquela resolución por canto deseñaba a conexión da autoestrada AP-53 coa N-120 mediante unha rotonda á altura de Santa Cruz de Arrabaldo, o que non se axustaba ao previsto regulamentariamente.

Aínda que a mencionada conexión entre a AP-53 e a N-120 nin se incluíu no proxecto construtivo nin se executou materialmente, cómpre modificar aquela resolución cunha dobre finalidade. Por unha parte, para dar cumprimento á parte dispositiva da sentenza do TSXG que foi declarada firme, logo de terse desestimado o recurso de casación que se interpuxera. Pero, ademais, a exclusión deste enlace debe facerse pública e notificárselle ao concello correspondente para os efectos de que non se teña en conta no futuro planeamento urbanístico.

Polo exposto, resolvo que, para os efectos de dar cumprimento ao declarado na parte dispositiva da sentenza ditada no recurso contencioso-administrativo nº 4063/2005, déixase sen efecto parcialmente a Resolución do 30 de novembro de 2004, pola que se aprobara o proxecto de trazado do enlace da conexión da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense coa N-120, OU-402 e autovía A-52 (clave OU/03/042.01.1), no que se refire exclusivamente á conexión daquela autoestrada coa N-120, que queda excluída do proxecto e, en consecuencia, non debe tomarse en consideración nas modificacións e revisións do planeamento urbanístico.

Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas), atópase á disposición dos interesados o texto íntegro desta resolución.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas