Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29847

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas da central de Novo Castrelo, nos concellos de Dumbría e Mazaricos (A Coruña), e a súa liña de evacuación de 66 kV, promovidos por Ferroatlántica, S.A.U.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15 de abril de 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de efectos ambientais da central hidroeléctrica de Castrelo II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos, na provincia da Coruña, considerando o proxecto como ambientalmente viable e establecendo unha serie de condicións.

Segundo. O 8 de xaneiro de 2004, o organismo autónomo Augas de Galicia aprobou unha modificación concesional hidráulica para unha ampliación de caudal de 35.000 l/s do aproveitamento hidroeléctrico de Castrelo no río Xallas.

Así, o aproveitamento na configuración final estará formado pola presa e polo encoro de Castrelo, derivándose 16.000 l/s para a central de Castrelo e 35.000 l/s para a nova central de Novo Castrelo.

Terceiro. O 28 de xuño de 2005, o organismo autónomo Augas de Galicia resolveu aprobar o proxecto construtivo modificado do aproveitamento hidroeléctrico de Castrelo II.

Cuarto. O 31 de maio de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou administrativamente, aprobou o proxecto de execución, recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial e realizou a inscrición previa no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, da central de Novo Castrelo, no río Xallas, promovido por Ferroatlántica, S.L.

Quinto. O 21 de xullo de 2011 eleváronse a escritura pública, que constitúe o número 2.009 do protocolo do notario de Madrid Jaime Recarte Casanova, os acordos sociais de transformación da entidade Ferroatlántica, S.L. Sociedade Unipersoal, en Sociedade Anónima Unipersoal.

Sexto. O 2 de febreiro de 2012, o Consello da Xunta acordou aprobar o proxecto sectorial de modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas, Salto de Novo Castrelo.

Sétimo. O 7 de xaneiro de 2013, Ferroatlántica, S.A.U. solicitou a declaración de utilidade pública, en concreto, dos proxectos denominados Modificado do proxecto electromecánico do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, no río Xallas e Liña de evacuación 66 kV CH Novo Castrelo.

Oitavo. Por Resolución do 28 de febreiro de 2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña someteuse a información pública a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación das instalacións denominadas Aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, no río Xallas e Liña de evacuación 66 kV CH Novo Castrelo de características:

Aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, no río Xallas, constituído basicamente por:

– Unha turbina Kaplan, de eixo horizontal para un caudal máximo de 35 m3/s, salto 21, 4 metros e potencia nominal de 6.072 kW.

– Un xerador síncrono trifásico de 7.000 kVA de potencia nominal aparente, a 6 kV de tensión e 750 rpm.

– Sistema de xeración a 6 kV constituído por cinco (5) celas para neutro, xerador, protección do xerador, saída de transformador de potencia e transformador de servizos auxiliares.

– Sistema en subestación 6/66 kV equipada con:

• Seccionador tripolar mecanizado para 72,5 kV e 800 A.

• Interruptor automático tripolar en SF6 para 72,5 kV e 2.000 A.

• Pararraios autoválvulas para 72,5 kV.

• Transformador de potencia de 8 MVA e tensións 6/66 kV.

• Transformador para servizos auxiliares de 100 kVA e tensións 6/0,4-0,23 kV.

• Grupo electróxeno para servizos de emerxencia, de 20 kV.

• Equipos de protección, sinalización telemando e medida.

Liña aerosubterránea á tensión nominal de deseño de 66 kV, en dobre circuíto ata o seu apoio nº 8 e, en simple circuíto o resto da liña, coa orixe na central hidroeléctrica Novo Castrelo e remate na central hidroeléctrica de Ponte Olveira, constituída por:

– Circuíto 1: liña aerosubterránea á tensión nominal de explotación de 66 kV, composta polos seguintes treitos:

• Treito soterrado de 51 metros de lonxitude, en condutor RXZ1 136/66 kV 240 mm2 Al, coa orixe na central hidroeléctrica de Novo Castrelo e remate no apoio 1 PA/S.

• Treito aéreo de 2.567 metros de lonxitude, en condutor LA-110, coa orixe no apoio 1 PA/S anterior e remate no apoio 13 PA/S.

• Treito soterrado de 178 metros de lonxitude, en condutor RXZ1 136/66 kV 240 mm2 Al, coa orixe no apoio 13 PA/S e remate na central hidroeléctrica de Ponte Olveira.

– Circuíto 2: liña aerosubterránea á tensión nominal de explotación de 6 kV, composta polos seguintes treitos:

• Treito soterrado de 51 metros de lonxitude, en condutor RXZ1 136/66 kV 95 mm2 Al, coa orixe na central hidroeléctrica de Novo Castrelo e remate no apoio 1 PA/S.

• Treito aéreo de 1.483 metros de lonxitude, en condutor LA-56, coa orixe no apoio 1 PA/S anterior e remate no apoio 8 PA/S.

• Treito aéreo de 10 metros de lonxitude, en condutor LA-56, coa orixe no apoio 8 e remate no apoio 8 PA/S.

• Treito soterrado de 115 metros de lonxitude, en condutor RXZ1 136/66 kV 95 mm2 Al, coa orixe no apoio 8 PA/S e remate na toma da central hidroeléctrica de Novo Castrelo.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 57, do 21 de marzo, no Boletín Oficial da provincia nº 57, do 22 de marzo, e no xornal La Voz de Galicia do 15 de marzo de 2013 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Mazaricos e Dumbría.

Noveno. Durante a fase de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

1. O 20 de marzo de 2013, Manuela Celia Blanco Lema alega que a notificación individual das afeccións sobre o predio identificado co nº 13 na RBDA, foi practicada a nome do seu defunto marido Jesús Díaz García. Achega copia do acordo de alteración da titularidade catastral do predio polígono 505, parcela 32 afectada, feito en xuño de 2011 con efectos de novembro de 2004, solicita que se cambie na RBDA a titularidade do predio antes indicado e que toda a documentación referida á parcela en cuestión sexa enviada á súa atención.

2. O 15 de maio de 2013, José Antonio Fernández Cives solicita que para o trámite expropiatorio relativo ao expediente do Aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo se modifique o enderezo para a recepción para efectos das notificacións que correspondan sobre o predio identificado co nº 54 da RBDA, polo novo de: lugar de Campelo, s/n, 15258 Mazaricos.

Sobre esta alegación, en referencia ao predio identificado co nº 54 da RBDA as afeccións foron inicialmente notificadas a Antonio Fernández González con data do 28 de febreiro de 2013 ao enderezo sito en lugar de Olveira, s/n, 15127 Dumbría. Posteriormente, o 10 de maio de 2013, foron remitidas o novo enderezo sito en lugar de Campelo, s/n, 15258, Mazaricos, facilitado por Ferroatlántica, S.A.U. con data do 9 de maio de 2013, logo de que lle fose comunicado pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña que o enderezo inicial era descoñecido.

3. O 25 de marzo de 2013, Jesús Manuel Túñez Castro alega que as notificacións individuais das afeccións sobre os predio identificados cos números 11, 14, 25 e 26 na RBDA, foron practicadas a nome da súa avoa María Romero, cando resultan ser da súa propiedade. Achegando copia das escrituras de testamento e partición de herdanza do 18 de setembro de 1998 ante a notaria de Corcubión María Isabel Fitera García, solicita que se lle recoñeza a titularidade dos predios antes indicados, que toda a documentación referida ás parcelas en cuestión lle sexa enviada á súa atención e lle sexan enviadas copias dos planos coa finalidade de coñecer concretamente a incidencia do proxecto sobre as parcelas en cuestión, manifestando que, de non recibilos, o deixarían nunha situación de clara e manifesta indefensión.

4. O 25 de marzo de 2013, Manuela María Santabaya Núñez, respecto dos predios identificados cos números 49 e 51 da RBDA, manifesta o seguinte:

4.1. Oponse á declaración de utilidade pública (en adiante, DUP), por canto non se encontra xustificada a prevaleza da utilidade publica ou interese social das instalacións, sobre o dereito de propiedade e sobre a utilidade pública que representa o aproveitamento ou actividade que vén realizando a dicente sobre os predios afectados, xa que forman parte dunha explotación gandeira e a execución do proxecto suporá non só a imposibilidade de continuar este aproveitamento senón que se xerarán enormes prexuízos para a explotación á que serven.

4.2. Alega que a utilidade pública da actividade que actualmente se desenvolve se deriva da fixación da poboación nun ámbito rural desfavorecido encargado da xestión deste territorio, de todo o cal se derivan importantes beneficios económicos e ambientais para o conxunto da sociedade, recoñecidos pola política en materia de desenvolvemento rural nos últimos anos polo conxunto das administracións públicas e, en particular, dos principios nos que se basea a política agraria común da Unión Europea.

4.3. Para o caso de que se aprobe a DUP, esta deberá ser necesariamente posterior á autorización administrativa do proxecto sectorial, non tendo constancia de que fose outorgada esta autorización.

4.4. Basicamente di que «se as superficies de afección establecidas na DUP non se adecúan ás do proxecto sectorial, farán incorrer en nulidade a DUP e a totalidade do proceso expropiatorio».

4.5. Deberán ser recollidas as afeccións derivadas dunha recalificación urbanística automática do solo, que supoñen o seu paso a solo rústico de especial protección de infraestruturas (artigo 32, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia), coas limitacións derivadas de tal cualificación.

4.6. Non se indica ningunha superficie afectada pola ocupación temporal fóra da que propiamente comprende ao solo afectado en pleno dominio ou por servidume de paso, polo que se debe entender que a execución das obras para a instalación do aproveitamento hidroeléctrico se realizará única e exclusivamente ocupando estas zonas, sen que se produza, en ningún momento, doutras zonas do predio non afectadas pola expropiación.

4.7. A superficie que se determina como afectada vén sacada da planimetría catastral, a cal difire sobre a real, polo que será durante o levantamento das actas previas á ocupación cando se concrete a superficie realmente afectada, así como os restantes bens e dereitos que deberán ser obxecto de indemnización.

4.8. Deberase levar a cabo un replanteo ou estaquillado sobre o terreo co previo permiso dos propietarios e acompañado deste, co obxecto de determinar os límites da servidume, entendendo a alegante que debe ser anterior á convocatoria do levantamento das actas previas á ocupación.

4.9. Respecto da cualificación do cultivo, remítese á realidade física do terreo no momento do levantamento das actas previas ou naquel no que se concrete a afección con efectos da correspondente indemnización.

Por todo o manifestado solicita o rexeitamento da DUP por non acomodar as superficies de afectación ás que se derivan do proxecto sectorial e non encontrarse xustificada a necesidade de acudir a expropiación.

5. O 2 de abril de 2013 (Rexistro portelo único da Xunta de Galicia/Concello de Dumbría, do 2 de abril de 2013/nº de entrada 181 e Rexistro Xeral da Xunta de Galicia/Edificio Administrativo da Coruña, do 4 de abril de 2013/nº interno de entrada 49862), Hortensio Trillo Cancela alega que a notificación individual das afeccións sobre os predios identificados cos números 20, 21 e 22 da RBDA, foi practicada inicialmente a nome de Manuel Cancela Cives, cando resultan ser da súa propiedade. Achega copia de escritura de elevación a público de operacións particionais de herdanza outorgado por José Trillo Castelo ante o notario Mario Alfonso Calvo Alonso e na cal, no seu cupo nº 5, figura como adxudicataria a súa irmá María Trillo Cancela, como propietaria en proindiviso de 1/5 parte dos predios antes indicados. Igualmente achega copia de escritura de compravenda do 23 de xuño de 1999, outorgada ante a notaria de Corcubión María Isabel Fitera García ao seu favor, dos predios en cuestión.

Décimo. Logo de dárselle traslado, en resposta das anteriores alegacións, Ferroatlántica, S.A.U., manifestou en tempo e forma o que considerou pertinente en defensa dos seus intereses, argumentando, en resumo, o seguinte:

1. O 12 de abril de 2013, amosa a súa conformidade co solicitado pola alegante.

2. O 6 de xuño de 2013, informa que o alegante José Antonio Fernández Cives é fillo do titular inicial Antonio Fernández González, xa falecido, amosando a súa conformidade co solicitado pola alegante e remitindo ao levantamento de actas previas a comprobación da plena titularidade do predio polígono 30, parcela 3.

3. O 6 de maio de 2013, di non ter inconveniente algún en considerar a solicitude de recoñecemento de titularidade no procedemento a favor do alegante. Respecto dos planos, indica que xa se atopan nos organismos correspondentes.

4. O 6 de maio de 2013 informa:

– O proxecto sectorial do Aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 2 de febreiro de 2013.

– Sobre a xustificación da prevaleza da utilidade pública das instalacións, remítese ao establecido no artigo 52.1 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, polo que «se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso».

– Sobre a determinación da superficie afectada e da cualificación desta, remítese ao levantamento de actas previas á ocupación, tal e como determina a lexislación vixente.

– Sobre a recalificación automática do solo, remítese á declaración de compatibilidade do aproveitamento hidroeléctrico cos usos previstos no planeamento recollida no proxecto sectorial de incidencia supramunicipal autorizado. Engade que no proxecto técnico de execución das obras da infraestrutura quedará reflectida a finalidade e uso da actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente.

– Sobre a ocupación temporal de terreos non recollidos na notificación individual, na elaboración do proxecto de execución e na RBDA, xa se definiron as superficies estritamente necesarias para a execución da obra, sen que sexa necesaria a ocupación de máis superficie non especificada nos citados documentos.

– Sobre a discrepancia entre a planimetría catastral e a real, coincide coa apreciación da alegante, fixando o levantamento das actas previas á ocupación como o intre no que se definan con exactitude os bens afectados.

– Sobre o estaquillado das afeccións, aclara que a sociedade Ferroatlántica, S.A.U. sempre cumpriu e seguirá cumprindo estritamente todos os trámites esixibles pola lexislación vixente en materia de expropiación, en particular, o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– En relación á cualificación do cultivo, remítese ao levantamento das actas previas á ocupación, como o momento procedemental para determinar o estado e extensión destes, tal e como dispón o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

5. O 6 de maio de 2013 di non ter inconveniente ningún en considerar a solicitude de recoñecemento de titularidade no procedemento a favor do alegante.

Decimoprimeiro. O 2 de abril de 2013, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos, obrigas e condicións asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas para as instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, no río Xallas, a favor de Ferroatlántica, S.A.U. Esta resolución ten unha corrección de erros do 9 de xullo de 2013.

Decimosegundo. O 19 de xuño de 2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña informou favorablemente a declaración de utilidade publica, en concreto, das instalacións electromecánicas e da liña do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, indicando que non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas, e entendendo que se deu axeitado cumprimento ao procedemento de tramitación disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, de conformidade coa disposición adicional do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e entendendo que procede desestimar a totalidade das alegacións formuladas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG do 17 de xuño), que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Segundo. O artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso, correspondéndolle o seu outorgamento á Comunidade Autónoma segundo o artigo 53.

Terceiro. Á vista das alegacións achegadas, da contestación destas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, ponse de manifesto que:

Segundo o artigo 52.1 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

O artigo 140 Utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que ten por obxecto establecer o marco normativo no que se teñen que desenvolver as actividades relacionadas co sector eléctrico, baixo o modelo establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, dispón:

– De acordo co artigo 52.1 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

– A dita declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos cando, por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais, sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nestas.

– Para o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bes e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

O artigo 143 Solicitude da declaración de utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, determina, nos seus puntos 2 e 3:

«... A solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública, poderá efectuarse ben de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa e/ou de aprobación do proxecto de execución, ou ben con posterioridade á obtención da autorización administrativa».

A solicitude acompañarase dun documento técnico e anexo de afeccións que conteña a seguinte documentación:

• Memoria xustificativa e características técnicas da instalación.

• Plano de situación xeral, a escala mínima 1:50.000.

• Planos de perfil e planta, con identificación dos predios segundo o proxecto e situación de apoios e voo, se é o caso.

• Relación das distintas administracións públicas afectadas, cando a instalación poida afectar bens de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, comunidade autónoma e corporacións locais, ou a obras e servizos atribuídos ás súas respectivas competencias.

• Relación concreta e individualizada, na que se describan, en todos os seus aspectos, material e xurídico, os bens ou dereitos que considere de necesaria expropiación, xa sexa esta do pleno dominio de terreos e/ou de servidume de paso de enerxía eléctrica e servizos complementarios, se é o caso, tales como camiños de acceso ou outras instalacións auxiliares.

O artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que:

«A declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisicións dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».

Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as titularidades destes, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, de conformidade co artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, «no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, ou valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».

O artigo 161 Limitacións á constitución da servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, estipula:

– Non poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortos, tamén pechados, anexos a vivendas que existen ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión dos hortos e xardíns sexa inferior á media hectárea.

– Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera tipo de propiedades particulares, sempre que se cumpran as condicións seguintes:

- Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos concellos, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

- Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura o 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra pola propiedade do solicitante da dita variación.

- Que tecnicamente a variación sexa posible.

A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo de informe das administracións ou organismos públicos aos que pertenzan ou estean adscritos os bens que resulten afectados pola variante e, se é o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Examinado o proxecto, así como os planos parcelarios, non se aprecian prohibicións na imposición das servidumes solicitadas.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas da central de Novo Castrelo, nos concellos de Dumbría e Mazaricos (A Coruña), e a súa liña de evacuación de 66 kV, promovidos por Ferroatlántica, S.A.U., que se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto Aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo, no río Xallas, e Liña de evacuación 66 kV CH Novo Castrelo (expediente IN408A 2005/12-1).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Esta declaración de utilidade pública outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións.

Segunda. A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, aos efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As instalacións recollidas no expediente IN408A 2005/12-1 serán executadas nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia consonte os artigos 114 e 115 de la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas