Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2013 Páx. 28728

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 9 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2013 das axudas en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación.

O sector de planta ornamental e da flor en Galicia ten unha importante potencialidade polas súas condicións agroclimáticas e constitúe unha fonte de xeración de renda e de emprego no medio rural. Non obstante, presenta importantes debilidades canto á concentración da oferta, instalacións e infraestruturas de produción e de comercialización, certa estacionalidade na produción, así como circuítos comerciais pouco desenvolvidos para atender as necesidades do mercado.

Os investimentos encamiñados a mellorar o nivel tecnolóxico e de mecanización das explotacións, así como á calidade dos produtos obtidos, son imprescindibles para elevar a eficiencia do sistema produtivo e, por tanto, a posición competitiva das empresas do sector.

Unha adecuada promoción dos produtos é tamén fundamental á hora de manter a competitividade.

O Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, establece as bases reguladoras para o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e para as medidas de apoio á súa constitución e funcionamento.

A través da Orde do 7 de maio de 2010, da Consellería do Medio Rural (DOG nº 93, do 19 de maio), desenvólvese un réxime de axudas para sufragar os custos xerados na constitución dunha agrupación de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, así como os gastos do seu funcionamento por un período de cinco anos desde o recoñecemento da agrupación de produtores.

O Real decreto 202/2010, do 1 de marzo, (BOE nº 65, do 16 de marzo), modificado polo Real decreto 863/2010, do 2 de xullo (BOE nº 161, do 3 de xullo), establece as bases reguladoras para a concesión de axudas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para mellorar a produción, a comercialización e a formación no sector de planta ornamental.

De acordo coas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01), as axudas aos investimentos en explotacións agrarias para fomentar a produción de produtos de calidade e para a formación deberán axustarse ao establecido no Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas.

Así mesmo, as axudas para transformación e comercialización deben cumprir algúns requisitos dos establecidos no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

O preámbulo e o artigo 17 do Real decreto 202/2010, do 1 de marzo, atribúe ás diferentes comunidades autónomas en cuxo territorio radique a sede social da agrupación de produtores a xestión e o pagamento destas axudas.

A través da presente disposición procédese a establecer as bases e a convocatoria destas axudas para o ano 2013.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, en virtude do Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, (DOG nº 16, do 24 de xaneiro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, exerce a través da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria as competencias sobre a formación, promoción e fomento do asociacionismo agrogandeiro. Por todo isto,

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30º.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura, (en diante agrupacións de produtores), co fin de mellorar a competitividade das súas producións sempre que o seu emprego sexa ornamental e de fomentar accións comúns entre os socios das agrupacións de produtores.

2. As liñas de axuda serán as seguintes:

a) Axudas aos investimentos en explotacións e para a mellora da súa comercialización.

b) Axudas para fomentar a produción de produtos de calidade.

c) Axudas á formación.

3. As axudas irán dirixidas ao apoio daquelas actividades desenvolvidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia polas Agrupacións de produtores, nos eidos da produción, comercialización e da formación.

Artigo 2. Definicións

1. Pequena ou mediana empresa (peme): de acordo coa definición incluída no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de euros.

Dentro da categoría das peme, defínese:

a. Pequena empresa: unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

b. Microempresa: empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

2. Empresa intermedia: aquelas empresas que non estean recollidas na definición de peme e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta disposición as agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura que sexan recoñecidas polo órgano competente da Consellería do Medio Rural e do Mar da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, polo que se regula o recoñecemento das agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura e se establecen medidas de apoio á súa constitución e funcionamento.

2. As axudas só poderán concederse ás explotacións agrarias que non estean na categoría de empresas en crise, segundo o establecido no artigo 2.16) do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001.

3. Os beneficiarios non poderán ter sido sancionados pola Consellería do Medio Rural e do Mar por infraccións relacionadas coas actividades e investimentos obxecto da solicitude de axuda, no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, dous anos se a infracción foi cualificada como grave e tres anos se foi cualificada como moi grave.

Artigo 4. Requisitos do beneficiario

1. Cumprir os requisitos de recoñecemento de acordo co Real decreto 233/2002, do 1 de marzo.

2. Presentar un plan de acción que contribúa a acadar un ou máis dos seguintes obxectivos:

a) Mellora da produción e da comercialización, sempre que isto non supoña perturbacións da competencia.

b) Concentrar e adaptar a oferta á demanda.

c) Reducir os custos de produción.

d) Mellorar a calidade e variedade das plantas vivas e produtos da floricultura para incrementar o seu valor comercial.

e) Fomentar as accións comúns entre agrupacións de produtores.

f) Fomentar actuacións de formación.

g) Promocionar as plantas vivas e produtos da floricultura ante os consumidores.

3. O plan de acción conterá, como mínimo, o seguinte:

a) Descrición das actuacións que, se for o caso, se levarán a cabo para cada liña de axuda establecida nesta orde, sinalando que obxectivos dos indicados no número anterior contribúen á súa consecución.

b) Determinación das necesidades financeiras para cada unha das actuacións e para cada liña de axuda.

c) Calendarios de execución e financiamento previstos para cada actuación e para cada tipo de axuda.

4. A duración do plan de acción será como mínimo dun exercicio e como máximo de tres. No entanto, a xestión das subvencións realizarase de forma anual.

CAPÍTULO I
Axudas ás agrupacións de produtores

Sección 1ª. Axudas aos investimentos en explotacións e para a mellora da súa comercialización

Artigo 5. Obxecto

O obxecto destas axudas é realizar melloras da produción e a comercialización, concentrar e adaptar a oferta á demanda e reducir os custos de produción.

Artigo 6. Actuacións subvencionables

1. Poderá ser obxecto de subvención calquera das actuacións contidas nun plan de acción que contribúa aos obxectivos establecidos no artigo 4 desta orde.

2. As actuacións subvencionables figuran na lista non exhaustiva do anexo VII da presente orde.

No entanto, non se concederán axudas para:

a) A adquisición de material vexetal.

b) Simples investimentos substitutivos.

c) Complementos directos dos prezos percibidos polos produtores.

d) Compra de material de segunda man.

3. As actuacións poderán realizarse nas instalacións da agrupación de produtores ou nas dos propios socios. As devanditas instalacións deberán ser propiedade da agrupación de produtores ou dos socios. No entanto, as instalacións onde leven a cabo os investimentos poderán ser arrendadas sempre que exista un contrato de arrendamento de, polo menos, 5 anos de duración.

4. As actuacións en infraestruturas e equipamentos deben respectar a lexislación vixente en materia de impacto ambiental.

Artigo 7. Límite e contía da axuda

1. Para as actuacións de investimentos en explotacións descritas no artigo 6, a axuda limitarase:

a) Ao 20 por cento do importe dos gastos e investimentos reais efectuados, e

b) a un máximo de 200.000 euros por agrupación de produtores para actuacións executadas nun período máximo de 3 anos.

2. Para as actuacións de investimentos en mellora da comercialización a que se refire o artigo 6, a axuda limitarase:

a) Ao 20 por cento do importe dos gastos e investimentos reais efectuados no caso de que sexan realizados por agrupacións de produtores que sexan pequenas ou medianas empresas, de acordo co artigo 2.

b) Ao 10 por cento do importe dos gastos e investimentos reais efectuadas no caso de que sexan realizadas por agrupacións de produtores que non sexan pequenas ou medianas empresas pero que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

3. Non se concederán axudas para os investimentos de mellora da comercialización a empresas de maior tamaño que as descritas nas letras anteriores.

Sección 2ª. Axudas para fomentar a produción de produtos de calidade

Artigo 8. Obxecto

O obxecto destas axudas é mellorar a calidade das plantas vivas e produtos da floricultura co fin de incrementar o seu valor comercial.

Artigo 9. Actuacións subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións, sempre que teñan por finalidade o fomento de produtos agrícolas de calidade:

a) Actividades de estudo de mercado, de creación e concepción de produtos.

b) Implantación de métodos de garantía de calidade, como as series ISO 9000 ou 14000, sistemas baseados en análises de riscos e puntos críticos, sistemas de rastrexabilidade, sistemas para garantir o respecto de normas de comercialización ou sistemas de auditoría ambiental, ou calquera outro sistema de produción de calidade cuxa finalidade sexa a de que, mediante mecanismos de control encomendados a entidades independentes, se achegue a máxima garantía de rastrexabilidade, calidade e información ao consumidor sobre os produtos de plantas vivas e produtos da floricultura, con exixencias diferentes ás establecidas pola lexislación básica sobre o devandito sector, e que impliquen unha ou máis fases da produción e a comercialización.

c) Certificación inicial dos sistemas establecidos na letra b) deste número.

2. As axudas concederanse só respecto aos custos de servizos prestados por terceiros.

3. Non serán subvencionables os gastos relacionados con investimentos.

Artigo 10. Límite e contía da axuda

1. A axuda poderá chegar ao 50 % do importe dos gastos reais efectuados para levar a cabo as actuacións citadas no artigo 9 da presente orde.

2. As agrupacións de produtores deben cumprir o requisito de ser pequenas ou medianas empresas, conforme o establecido no artigo 2.

Sección 3ª. Axudas á formación

Artigo 11. Obxecto

1. O obxecto destas axudas é fomentar actuacións de formación do sector das plantas vivas e produtos da floricultura.

Artigo 12. Actuacións subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Educación e formación de agricultores e traballadores agrarios e, en concreto, poderán ser subvencionables os custos de organización do programa de formación, os gastos de viaxe e axudas de custos dos participantes.

b) Organización e participación en foros de intercambio de coñecementos, concursos, exhibicións e feiras específicas do sector de plantas vivas e produtos da floricultura para uso ornamental. En concreto, serán subvencionables os gastos de viaxe, o custo das publicacións necesarias, o aluguer dos locais de exposición e premios simbólicos por un valor máximo de 250 euros por premio e gañador.

c) Publicacións como catálogos ou sitios web que presenten información sobre os produtores dunha rexión determinada ou dun produto determinado, sempre que a información e a súa presentación sexan de carácter neutro e que todos os produtores interesados teñan as mesmas posibilidades de estar representados na publicación.

2. A axuda non poderá consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores.

Artigo 13. Límite e contía da axuda

1. A axuda poderá chegar ao 50 % do importe dos gastos reais efectuados para levar a cabo as actuacións citadas no artigo 12 da presente orde.

2. As agrupacións de produtores deben cumprir o requisito de ser pequenas ou medianas empresas, conforme a definición do anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

CAPÍTULO II
Xestión da axuda

Artigo 14. Solicitudes de axudas

1. As agrupacións interesadas en accederen ás axudas previstas nesta orde presentarán a solicitude dirixida á Consellería do Medio Rural e do Mar de acordo co modelo que figura no anexo I, xunto á documentación especificada no seguinte artigo.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A presentación da solicitude de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG nº 153, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

5. A solicitude de axudas presentarase anualmente de acordo coa correspondente convocatoria.

6. Serán auxiliables os investimentos que se realicen con posterioridade á data de presentación da solicitude ata o 15 de decembro, inclusive, do mesmo ano en que se solicita, sempre que se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

No caso de instalacións fixas e construcións, non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á confirmación por escrito, por parte desta consellería, de que o proxecto cumpre as condicións de subvencionabilidade establecidas na normativa, co fin de autorizar o inicio dos investimentos. Se os investimentos se iniciaren antes de cumprir este requisito, non se concederán axudas ao conxunto do proxecto presentado.

7. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo do traballo de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos.

8. Os bens subvencionados deberanse destinar ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, por un período que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscritibles en rexistro público nin inferior a dous para o resto dos bens e, en todo caso, nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 31.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, datos estes que deben ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

9. O beneficiario poderá subcontratar de acordo co sinalado no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a execución total da actividade que constitúe o obxecto da subvención.

Artigo 15. Documentación requirida na solicitude

Xunto á solicitude de axuda, segundo o anexo I da presente orde deberase achegar, ademais, a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do NIF da entidade.

b) Copia cotexada do DNI do representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e acreditación da súa representación.

c) Certificación do acordo de solicitude de subvención, segundo o anexo II.

d) Plan de acción de acordo con número 3 do artigo 4 da presente disposición.

e) Relación de investimentos e gastos para cada actuación descrita no plan de acción indicando a súa contía económica e a previsión por anos da súa execución, segundo o modelo do anexo III.

f) Orzamentos e facturas pro forma dos investimentos e gastos que se van realizar.

Cando o importe do investimento subvencionable supere a contía de 50.000 euros no caso de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente un número de entidades que o subministren ou presten.

A elección destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) No caso de novas construcións e instalacións fixas, presentarase anteproxecto ou proxecto asinado polo técnico competente que inclúa, como mínimo, unha desagregación do investimento por unidades de obra ou capítulos de investimento, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición.

No caso de proxectos recollidos no artigo 2 do Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio, se non presentar o proxecto definitivo no momento da solicitude, o beneficiario comprométese a presentar o dito proxecto visado polo correspondente colexio oficial, antes da aprobación da axuda en que se inclúan gastos relacionados coa súa execución material.

h) Licenza de obra ou, na súa falta, copia cotexada da súa solicitude e xustificación documental da cualificación urbanística do terreo en que se pretende construír, no caso de novas construcións. Os investimentos en instalacións xa existentes presentarán copia cotexada da licenza municipal de actividade ou documentación acreditativa equivalente.

i) No caso de adquisición de inmobles, presentarase taxación oficial acompañada dunha descrición detallada e dun bosquexo con cotas do inmoble e a súa localización.

j) Documentación acreditativa de ser peme:

1º. Declaración segundo o anexo IV.

2º. Copia cotexada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso de entidades de nova constitución, presentarán copia cotexada do impreso de alta no censo de actividades económicas.

3º. Balance da conta de resultados dos tres últimos exercicios presentadas no rexistro mercantil e realizadas de acordo co Plan xeral de contabilidade. No caso de entidades de nova constitución, achegaranse os documentos dos exercicios dispoñibles.

4º. Copia cotexada dos TC2 do último exercicio económico.

k) Declaración responsable do representante legal de non ter solicitado ou non ter concedidas subvencións ou axudas para a mesma finalidade, de acordo co anexo V.

Artigo 16. Instrución e resolución

1. O órgano encargado da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

3. O exame e a valoración das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado, que estará presidido pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

O dito órgano, facendo aplicación dos criterios establecidos no artigo 17 desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe coa valoración, que elevará á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, a cal establecerá a proposta de resolución.

A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. O/A conselleiro/a, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención no prazo máximo de seis meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o dito prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17. Criterios de valoración

Para a selección de solicitudes para aprobación e a determinación da súa contía económica, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Por cada actuación do plan de acción que integre o obxectivo de reducir os custos de produción: 2 puntos.

b) Por cada actuación do plan de acción que integre o obxectivo de mellorar a calidade e variedade das plantas vivas e produtos da floricultura: 4 puntos.

c) Por cada actuación contida no plan de acción que recolla os obxectivos de información ou formación: 1 punto.

Se as actuacións das alíneas anteriores inciden en ámbitos relacionados co coidado ambiental, a hixiene e seguranza laboral ou na aplicación dun protocolo de boas prácticas agrarias, incrementarase cada valoración da actuación en 2 puntos máis.

d) De acordo co obxectivo de concentrar a oferta:

– Segundo o valor de vendas anuais comercializado conxuntamente por unha agrupación de produtores: 1 punto por cada 250.000 euros.

– Segundo o número de socios que integran a agrupación de produtores: 2 puntos por cada 7 socios.

Artigo 18. Xustificación e pagamento da axuda

1. A xustificación da execución do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar con data máxima o 15 de decembro do ano da convocatoria, nos termos concretos da resolución de concesión.

2. A execución dos gastos e investimentos subvencionados nesta orde acreditarase mediante a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais ou as súas copias cotexadas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa que xustifiquen os gastos e investimentos realizados.

b) Transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento orixinal ou cotexado que demostre fidedignamente o seu pagamento efectivo.

c) Copia cotexada da licenza de obra ou documentación acreditativa equivalente, e certificación final da obra valorada, no caso de investimentos en obra civil e se se trata do pagamento final.

d) Para os investimentos en compra de bens inmobles, presentarase documento notarial de compravenda do ben que corresponda, xunto co xustificante da liquidación bancaria do seu importe.

e) Deberán facerse constar na escritura pública os compromisos adquiridos, así como o importe da subvención concedida, segundo o recollido no número 5 do artigo 4 desta orde.

f) Declaración de axudas solicitadas para o mesma finalidade segundo o modelo do anexo V.

g) No caso de xustificación de investimentos relacionados co artigo 9 desta disposición, deberase presentar certificado acreditativo da implantación dos ditos sistemas.

h) Calquera outra documentación adicional de carácter complementario que se indique expresamente na resolución de concesión da subvención e que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

3. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo, coa previa presentación de solicitude de pagamento, segundo o modelo do anexo VI.

4. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei da Lei 9/2007 (DOG nº 121, do 25 de xuño), do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O incumprimento da obriga de xustificar a subvención nos termos establecidos neste artigo ou a xustificación insuficiente dela levará unido, se for o caso, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 19. Cumprimento das axudas comunitarias

O réxime das axudas establecido nesta orde ampárase no disposto na seguinte normativa comunitaria aplicable ás actuacións na fase de produción e comercialización de produtos agrarios, de acordo co seguinte:

a) Sección primeira: axudas para o investimento en explotacións e para mellorar a comercialización. Axústase ao disposto nos puntos IV.A.2. e IV.B.2. das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013, e nos artigos 4 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, e 15.4 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Sección segunda: axudas para fomentar a produción de produtos de calidade. Axústase ao disposto no punto IV.J.2. das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 e no artigo 14 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

c) Sección terceira: axudas á formación. Axústase ao disposto no punto IV.K.2. das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 e no artigo 15 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006.

Artigo 20. Compatibilidade das axudas

1. As axudas públicas concedidas ao amparo da presente orde serán compatibles coa percepción de axudas estatais para as agrupacións de produtores encamiñadas a incentivar a súa constitución establecidas no Real decreto 233/2002, do 1 de marzo, compatibilizadas coa Comisión Europea o 17 de outubro de 2002 [Axuda nº 112/02, C(2002) 3500].

2. O límite conxunto para as axudas establecidas nas seccións 1.ª a 3.ª do presente capítulo será de 300.000 euros por agrupación de produtores para actuacións realizadas nun período máximo de 3 anos.

3. Non se poderán percibir outras axudas diferentes ás establecidas neste artigo para realizar as mesmas actividades ou cubrir os mesmos custos. En concreto:

a) As axudas públicas concedidas ao amparo desta orde serán incompatibles coa percepción de axudas comunitarias obtidas en virtude do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

b) No caso de agrupacións de produtores que teñan entre as súas producións plantas aromáticas das recollidas na Parte IX- Froitas e hortalizas do anexo I do Regulamento (CE) nº 1234/2007, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), as axudas establecidas no citado regulamento serán incompatibles coas reguladas nesta orde.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos, conceptos ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 22. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento poidan exixir os órganos correspondentes da dita dirección xeral, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular da Consellaría do Medio Rural e do Mar, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas, e as que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 23. Reintegro das axudas

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda percibida xunto cos xuros de demora producidos nos supostos previstos nos artigos 36 e 37 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, así como nos demais supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

CAPÍTULO III
Convocatoria para o ano 2013

Artigo 25. Obxecto

Este capítulo ten por obxecto efectuar a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2013 das axudas establecidas nesta orde.

Artigo 26. Prazo de presentación

1. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro dia hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 27. Financiamento das axudas

As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos fondos transferidos polo MAGRAMA, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e conforme ao establecido no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.712C 770.3 e código de proxecto 2010-01257, cunha dotación de 3.000 euros para o ano 2013.

Poderase proceder a incrementar a cantidade fixada anteriormente, de acordo co establecido no número 2 do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Publicación e tratamento de datos

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento executivo, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa representante da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII
Lista de actuacións subvencionables no marco das axudas ao investimento

A) Investimentos en explotacións.

1. Melloras nos sistemas de rega, almacenamento, condución e tratamento de auga.

2. Mellora de invernadoiros.

3. Construcións auxiliares, como vías de acceso ás explotacións, almacéns en campo etc.

4. Outras infraestruturas das explotacións, como estruturas de soporte e condución de cultivos, sistemas para prevención da xeada e da sarabia etc.

5. Maquinaria de produción, clasificación, manipulación, refrixeración etc. nas explotacións.

6. Adquisición/construción de naves, centrais destinadas á produción.

7. Custos xerais relacionados cos gastos indicados nos números anteriores, como os honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores e os estudos de viabilidade.

B) Investimentos para a mellora da comercialización.

1. Maquinaria necesaria para a comercialización: clasificación, manipulación, refrixeración etc.

2. Adquisición/construción de naves, centrais destinadas á comercialización.